Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras entrereixas

Literatura e cárceres

Steve McQueen nunha imaxe de Papillon (1973).

Por paradoxal que pareza, o cárcere ten sido en moitas ocasións un espazo propicio para as letras. Hai exemplos abondo notorios disto, aínda que decote tivésemos preferido que tan admirable escrita se producise fóra da cadea, sen se ver os seus creadores privados de liberdade.Así, un relato tan popular como As viaxes de Marco Polo foi ditado polo seu protagonista ao escritor Rustichello da Pisa entre 1298 e 1299, cando ambos os dous venecianos estaban presos polos seus rivais xenoveses por mor de loitas comerciais.Do mesmo xeito, parece que unha obra capital do ciclo artúrico como foi A morte de Artur de Thomas Malory puido ser escrita en prisión, aínda que non se publicou ata catorce anos despois da morte do autor, en 1485. De feito, no colofón Malory solicitaba ao lectorado que rezase pola súa liberación, caso de non ter morto, e, de ter isto último acontecido, pedía que se pregase pola súa alma.E ben coñecida resulta tamén, e igualmente escrita en presididio, O príncipe de Maquiavelo, quen redactou este tratado político cando estaba no penal de San Casciano, acusado de ter conspirado contra os todopoderosos Médici. En fin, non menos menos abraiante é o caso de O Quixote, que comezou a xestarse no Cárcere Real de Sevilla, onde Cervantes fora dar acusado de roubar cartos do erario público namentres exerceu como recadador de impostos da cidade hispalense. Foi, xa que logo, na cadea, entre setembro e decembro de 1597, onde comezou a idear á súa famosísima obra, tal como apuntaría no prólogo á primeira edición da mesma.

Oscar Wilde (1854-1900).

Mais o cárcere esporeou tamén a imaxinación animosa dalgúns escritores, como o transgresor Marqués de Sade, quen durante algún dos seus numerosos cativerios creou a primeira versión de Justine (obra escrita en 1787 na prisión da Bastilla) e de As 120 xornadas de Sodoma ou a escola de libertinaxe (tamén escrita na Bastilla en pequenas follas de papel que uniu nun rolo de case trece metros, que acabou deixando perdido no oco da parede da cela nun traslado de prisión e que non veu luz ata que se recuperou anos despois de el morrer).E conste que esta preferencia pola literatura erótica na cadea non foi privativa de Sade, pois anos antes xa a ensaiara John Cleland na penitenciaría londiniense de Fleet, onde escribiu Fanny Hill namentres permanecía alí recluído por débedas, obra que publicou ao saír da prisión, en 1748, e que pasa por ser a primeira prosa eroticamente explícita en lingua inglesa.

O Marqués de Sade (1740-1814).

Nos derradeiros anos do XIX o irlandés Oscar Wilde estivo preso durante dous anos no cárcere de Reading. A causa do encarceramento foi a súa relación amorosa con Alfred Douglas, fillo do marqués de Queensberry, algo que na sociedade insular daquela altura era considerado intolerable e penado como ilegal. En resposta a aquela vivencia Wilde escribiu De profundis en 1897, unha apaixonada carta ao seu amante que é xa un dos cumes da literatura carceraria de todos os tempos, á que aínda engadiu, ao pouco de ser liberado pero na lembranza dos días que alí pasou, a moi celebrada Balada do cárcere de Reading.

Celso Emilio Ferrreiro (1912-1979).

Ben preto de nós está o caso do poeta Miguel Hernández, represaliado polo goberno franquista, que, logo de castigalo levándoo de aquí para acolá por diversos presidios, acabou por recluílo no Reformatorio de Adultos de Alacante, onde contraeu unha bronquite que logo foi tifo e finalmente acabou con el por tuberculose en marzo de 1942. Tiña tan só trinta e un anos e, durante os seus meses de prisión, deixou inconcluso un Cancioneiro e romanceiro de ausencias, que contén as súas inmortais “Nanas da cebola”.

Catro últimos exemplos tamén ben significados: a autobiográfica Papillon, que relata os intentos de fuga do escritor Henri Charrière do cárcere da Illa do Diaño na Guaiana Francesa nos anos sesenta; as penalidades do grande narrador da literatura indonesia Pramoedya Ananta Toer, primeiramente apresado polos colonizadores holandeses e despois polos seus propios compatriotas por defender opcións políticas alternativas que o mantiveron creando de memoria na cadea contos e novelas, pois negábanlle papel e lapis e tivo que reconstruír de cor a súa obra para, unha vez fóra do cárcere, poder publicala; velaí, entón, a resistencia poética do Premio Nobel Wole Soyinka, que sufriu cativerio durante a guerra civil nixeriana por vinte meses nos que escribiu Poemas dende a prisión (1969) e Un transbordador na cripta (1971); e a non menos singular detención do autor kenyano Ngugi wa Thiong, quen foi quen de redactar en groso papel hixiénico O demo da cruz, novela anticolonialista escrita en gikuyu.

Nas cadeas galegas

A nosa literatura ten tamén bos exemplos de como as sombras da prisión contemplaron o abrollar de obras luminosas. Conformareime con amentar tan só dous, abondo paradigmáticos: dunha parte, A casamenteira do liberal Antonio Benito Fandiño, peza fundacional do teatro galego escrita en 1812 para representar entre os presos do cárcere de Santiago como un entretemento e que, porén, non foi publicada ata moito despois da morte do autor, en 1849.

Xa, doutra banda, velaí o xermolo do emblemático poema “Longa noite de pedra” do libro homónimo de Celso Emilio Ferreiro, que agromou durante a súa curta estadía no cárcere do Mosteiro de Celanova en 1937, onde o autor fora parar por mor da denuncia dunha veciña ao ter defendido en público opinións contrarias ao Réxime.

Compartir el artículo

stats