Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Como en Irlanda”

No centenario da división da illa

Un membro do Sinn Féin coa bandeira nacional irlandesa.

Din algunhas crónicas que Michael Collins chegou con algo de retraso ao acto de cesión do poder por parte do plenipotenciario real. Ante a queixa deste, o delegado irlandés respondeu que uns minutos apenas eran nada despois de séculos de ocupación. Hai cen anos exactos da tregua entre os independentistas republicanos e as forzas armadas británicas que levaron á sinatura, uns meses despois, do Tratado Angloirlandés.

Éamon de Valera (1882-1975), primeiro presidente da República do Eire.

O xefe do Sinn Fein, Eamon de Valera, non quixo ter que ser el quen negociase con Londres, polo que non estivo na delegación irlandesa, encabezada por Collins. Consciente este da debilidade do IRA, fixo todo o posible para asegurar o éxito das negociacións malia ter que aceptar as condicións británicas: xuramento de fidelidade á coroa e formación dunha comisión para a partición da illa. A constitución do Estado Libre comportaba que o Ulster, maioritariamente protestante, ficaría coma territorio pertencente ao Reino Unido. Daquela, a nova situación que así se abría -a máxima que se podía acadar naquelas condicións- foi rexeitada por unha parte do republicanismo, que uns meses despois provocou a guerra civil irlandesa, no curso da cal un grupo de intransixentes asasinou a Michael Collins nunha emboscada.

  • “Digas o que digas, non digas nada”

    A Guerra Sucia da Guerra Sucia

Cen anos despois da partición (e convertido o Estado Libre en república en 1949) non hai previsión de fastos conmemorativos. Nin na Irlanda soberana nin no Ulster. A partición foi feita contra todos e o mantemento do status quo fronteirizo non axudan, menos aínda coa actual situación no Ulster tanto pola paralización dos acordos de 1997 como polas consecuencias que está a provocar o Brexit.

En todo caso, unha xeira ben diferente daquela de hai un século, cando Belfast era unha cidade industrial, mal comunicada con Dublín e con maioría de poboación protestante, fiel á coroa e que, no momento da partición, someteu os católicos a unha auténtica limpeza étnica nos barrios e nos estaleiros.

O camiño cara á independencia irlandesa foi longo e duro. En 1801 o parlamento irlandés foi abolido coa creación do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda. A participación política da maioría da poboación (católica) ficou vetada ata 1829, e durante moitos anos máis en moitos aspectos da vida pública (universidades, por exemplo). Tal situación, claramente colonial, coa emigración como principal vía de promoción, levou á resistencia católica. Porén, rexeitar o dominio británico non supuña aceptar os métodos dos fenianos, como deixou evidente James Joyce, quen marchou de Dublín farto da presión dos católicos e da Igrexa. Unha presión inevitable nun pobo dominado polos templos e polas tabernas; mais unha situación que era ignorada por aqueles que mitificaron a loita dos católicos -comezando polos galeguistas das Irmandades da Fala e Nós, os cales, así e todo, nunca foron aceptar a dureza da loita irlandesa (folgas de fame, insurrección armada) de tal xeito que apenas serviu para alimentar a, daquela, feble situación do galeguismo- mais que, doutra banda, ficou calada cando o sector duro do republicanismo non dubidou en combater os pragmáticos coas armas.

Non podemos afastar a (semi) independencia irlandesa dos efectos que tivo a caída dos imperios centroeuropeos e otomán. Pero a diferencia dos novos estados que saíron destes, o proceso irlandés foi de emancipación dunha situación colonial. Aínda máis, os independentistas irlandeses tiveron o apoio da emigración en Estados Unidos e, por motivos políticos, do Reich alemán mentres estivo vixente.

Ata a súa recente conversión en paraíso financeiro (grazas á baixa presión fiscal, en contra dos criterios da UE), Irlanda foi un país difícil de habitar. A presenza da Igrexa foi abafante e en ningunha outra parte de Europa houbo tanta represión do sexo e dos fillos naturais, ao tempo que a pederastia pasou a ser case parte do ADN dos cregos. Unha Igrexa que non dubidou, incluso en tempos recentes, en patrocinar a violencia sectaria. Unha miseria, unha rectitude moral e o matar e morrer por Irlanda presentes nos lamentos de As cinzas de Angela.

Compartir el artículo

stats