Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Confesión e lirismo

Coa maxia das palabras

Confesión e lirismo

Un ensaio para rapaces, unhas verbas que louvan a palabra feita literatura, expresión e ferramenta de comunicación, un texto que exhala confesión e lirismo, que exhibe sinxeleza na forma e profundidade no contido, velaí o volume que Fran Alonso vén de publicar na colección “Sopa de Libros” de Edicións Xerais de Galicia e que a través de breves reflexións plantexadas tras preguntas, que se antollan retóricas, dan resposta a cuestións que se poden formular os cativos acerca do mundo das palabras e que o escritor lles outorga aos seus destinatarios como un agasallo nun acto de complicidade no que a contestación constitúe en si mesma un auténtico tratado.

A exposición integral, obxectiva e ordenada sobre a arte da palabra se estrutura en once apartados nos cales o autor se dirixe aos lectores entablando con eles unha conversa ficticia que aproveita para rexistar unha serie de ideas que xorden do compromiso coa lingua, coa cultura, coa nosa esencia, coas súas emocións, coa proxección do que escribe e, por ende, da súa obra.

O “superpoder” que posúen as palabras de conectar unhas persoas con outras, de designar e dar forma ao que nos rodea, de establecer un diálogo interno, de facernos pensar, de distinguírmonos do resto das especies, de crear, de reparar e mesmo de amar é único. A el debémoslle o que somos e o que proxectamos e os escritores, bos coñecedores desta capacidade, tentan deixar pegada coas súas combinacións, mesturando, retorcendo, asociando ou insinuando ideas, experiencias, vivencias ou invencións ancoradas na realidade ou ubicadas na fantasía e con todas ou de todas elas aprendemos, sentimos, gozamos ou padecemos. Velaí a maxia das palabras e dos textos, velaí a maxia dos libros e dos escritores.

ALONSO, Fran, Douche a miña palabra (Ils.Gea Gregores), Xerais, Vigo, 2021, PVP. 10,64 €

Compartir el artículo

stats