Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coa música das formas

Mostra de Glenda León no MARCO

Exposición "Coa música das formas" Eli Regueira

A historia da tentación sonora á que se someten moitos artistas plásticos desde o momento inicial das vangardas é a historia da procura dun espazo emotivo de alta intensidade que de seu propicie un territorio “outro” na procura do son e a súa translación ao ámbito poético e a unha plamación no mundo das formas.

Porque isto é o que une as distintas experiencias que se desenvolveron durante máis de cen anos, desde os poemas fonéticos do dadaísta Raoul Hausmann (1919) ou a Ursonate (1922-33) de Kurt Schwitters até os traballos “polifónicos” dunha Janet Cardiff -The Forty Part Motet (2001)- ou a experiencia performativa de Bruce Nauman de Get Out of My Mind (1968), pasando pola obra de figuras como Louise Bourgeois, Joseph Beuys, Vito Acconci, Luísa Cunha, Antoni Muntadas, Julião Sarmento, Rodney Graham, Michael Snow ou On Kawara.

A atracción fónica por parte dos artistas plásticos é pois unha realidade vital e creativa con capacidade para crear unha espacialidade nova. Falo de espacialidade, mais non quero levar o discurso cara a teatralización, pois a relación son-visión non ten moito de teatral, de percepción “espectacular”, senón que a voz rexistrada, reproducida ou suxerida, comparte espazo co espectador, prescindindo do carácter distanciador que toda escenografía propicia.

Eli Regueira

O resultado son receptáculos, contedores e produtores que, partindo da configuración de elementos distantes de significado, poden procurar éxtase, mais non dun xeito gratuíto senón como froito metódico de articulacións, de ritmos que nos transportan a un mundo en ocasións prelingüístico, esencial, case como se estivermos na medio da chora platónica do Timeo, o receptáculo primeiro do universo, que non pode ser destruído. Mais nunha chora reciclada por Julia Kristeva e transformada nunha articulación, un ritmo, ese algo que precede á linguaxe.Este mundo de sensacións é ao que remite o traballo da artista cubana Glenda León (A Habana, 1976) que se pode ver no MARCO de Vigo até o 31 de outubro, despois do seu paso polo MEIAC, Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo de Badajoz.

Título: Música das formas

Artista: Glenda León

Comisario: José Jiménez

Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo e MEIAC, Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo, Badajoz

Local: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Até o 31 de outubro de 2021

O punto de partida da exposición, titulada Música das formas, é plenamente argumental, xa que a artista se achega ao traballo plástico cunha relación intensa coa natureza e onde o tempo é diálogo entre silencio e o son. A música xoga un papel central nas obras mais non dunha maneira que se conforme como pura referencia esmagadora, senón nun sentido máis fondo ao inserir na visualidade esta realidade profunda que é a sonora e da que o soporte físico é un elemento transmisor. Neste contexto os títulos teñen tamén un papel moi relevante, porque son outro condutor no proceso que leva desde o fluír das ideas até a obra acabada. Funcionan, daquela, un pouco como a corrente de conciencia literaria: clarifican o que se quere realizar e en certo sentido tamén crean a obra.

Esculpir o silencio

Glenda León converte, por tanto, unhas pezas que poderían situarse nun proceso puramente formalista nun mundo completamente diferente e cargado de suxestións simbólicas, xa que o punto de partida son sempre os conceptos seleccionados para transmitiren esa “música das formas” que dá título á mostra, para procuraren no espectador reflexión e emoción, establecendo unha relación que se fundamenta na sinestesia. Neste senso, a artista proponse un afondando nun aspecto especialmente relevante da tradición da relación entre as artes plásticas e a música e a palabra, tema que procede do mundo clásico e que a propia creadora refire no título da exposición, Música das formas, que remite a Pitágoras cando o filósofo presocrático fala da música das esferas, como explica elocuentemente o comisario José Jiménez no texto curatorial.

Estamos perante unha vontade de superación das fronteiras entre as artes por medio da utilización de obxectos que irradian unha forte intensidade afectiva, xogando unhas veces o papel de vehículo para unha comunicación explícita, contundente, e outras, transmitindo sensación con sutileza ou ambigüidade. Parafraseando a Pound que dicía que poesía era “palabra cargada de sentido”, a arte devén aquí en “obxecto cargado de sentido”. Pero a obra de Glenda León é moito máis que un traballo conceptual, é sobre todo unha poética que toma sentido en relación co mundo natural, co ceo e a terra, que é a camada profunda da súa obra, o substrato, a ligazón co mundo, onde o silencio, o ritmo e a música abren universos de suxestións e diálogos por medio dos que crea unha realidade de comunicación na cal o son dá a pauta de relación co outro. A artista sobre este fondo amosa o seu interese pola relación forma/tempo, construíndo así un magma creativo do que agroma o ritmo e o fluído para, en palabras da propia artista, esculpir o silencio.

Compartir el artículo

stats