Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O mosteiro ilustrado

Na contorna de Lorvão, Penacova

Imaxe do interior do edificio.

Imaxe do interior do edificio.

Preto de Coimbra e pertencente ao seu distrito atópase o concello de Penacova, terra de ríos e ribeiras, miradoiros, serras, muíños e abundante patrimonio entre o que asoma unha auténtica xoia, o mosteiro de Lorvão. Situado na parroquia do mesmo nome, que outrora exerceu como vila, foi unha das primeiras construcións en Portugal en ser declaradas Monumento Nacional, en 1910. De dilatada historia, no século X xa era importante centro monástico e das súas silenciosas salas saían manuscritos brillantemente ilustrados, como a Apocalipse datada en 1189, unha das primeiras e máis suntuosas miniaturas do entón novo reino portugués.

Vista xeral do mosteiro de Lorvão (Penacova, Portugal).

Aínda que fundado moito antes –hai estudosos que apuntan o século VI, aínda que o máis probable sexa o IX, tras a reconquista cristiá de Coimbra-, no XII Lorvão era famoso pola súa biblioteca e pola produción de obras minuciosamente elaboradas no seu scriptorium. Á parte de todo o que realizaba a súa comunidade de monxes copistas, tres manuscritos destacaban pola beleza dos seus miniados e pola forza da mensaxe relixiosa: Comentario de Santo Agostiño aos peixes, O libro das aves e a Apocalipse de Lorvão, que en 2015 foi incluído no rexistro de Memoria do Mundo da Unesco, xunto aos Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana, presentados de forma conxunta con España.As ilustracións de Lorvão sempre suscitaron interese na comunidade científica, tanto polo uso maxistral das cores amarela e laranxa, como polo seu arcaísmo iconográfico. As representacións esténdense a case setenta historias, dezaoito a páxina completa, vinte a media páxina e vinte e oito de dimensións máis pequenas e variables. O manuscrito atópase no Arquivo Nacional da Torre do Tombo de Lisboa.

Perspectiva do claustro.

O cenobio mantivo a súa importancia durante as súas moitas centurias de vida. O edificio, de grandes dimensións e situado nunha contorna verde, adaptado ao terreo, foi aumentando o seu estatus debido ás innumerables doazóns e privilexios recibidos no tempo. No século XIII adoptou a orde do Císter, pasando a acoller unha congregación feminina que implicou a adaptación dos espazos existentes, especialmente a través das obras de ampliación que derivaron no enorme complexo que pode verse na actualidade.

A igrexa segue o programa “joanino” da basílica de Mafra, de gran monumentalidade e riqueza decorativa. A torre presenta incrustada unha pedra de mármore negro á que se atribúe unha orixe visigótica, datable no século VI. O templo é de nave única, de dous tramos, separada do coro por enreixado de ferro e bronce. Destacan os sitiais tallados en madeira de xacarandá e nogueira, así como os seus motivos ornamentais e as súas dimensións, con dúas filas que suman 102 asentos. Sobresaen tamén os retablos de pedra e talla dourada e o órgano neoclásico. Canto ao claustro, este ten forma cuadrangular con dous pisos, definidos por columnas dóricas. O espazo axardinado ten fonte con obelisco e un pequeno tanque, mentres que na sala capitular son notables os azulexos policromados, as paredes revestidas con perpiaños e o teito de madeira. Ao longo das plantas da construción distribúense as diferentes dependencias e as celas.

A maior parte dos edificios que compoñen o mosteiro datan do século XVIII, coa igrexa como referente. Subsisten algúns exemplos do XVII, como é o caso do claustro, así como algúns elementos arquitectónicos medievais, tales como os capiteis das capelas. Xa en 1834, coa extinción das ordes relixiosas en Portugal, o mosteiro de Lorvão, como tantos outros, viu como a dilapidación das súas obras e a ruína envolvían o conxunto. No século XX a magna arquitectura recalificouse para ser hospital psiquiátrico, función que exerceu ata 2012. Existe un museo de arte sacra que exhibe pezas deste gran cenobio.

Monxas con nobreza

Na súa milenaria historia, Lorvão garda episodios de esplendor e decadencia, aínda que, para a súa fortuna, viviu máis tempo con brillo que con desgaste e esquecemento. Foi unha das casas máis ricas do reino, e din que foi un desgusto de amor o que deu orixe ao mosteiro feminino. Dous dos maiores tesouros da igrexa son os túmulos de Teresa e Sancha, netas de Afonso Henriques, realizados polo ourive portuense Manuel Carneiro de Silva en 1714. Teresa casou con Afonso IX de León, co que tivo tres fillos, pero o papa Calixto III anulou o matrimonio por consanguinidade ao tratarse de curmáns. Foi ese contratempo o que a fixo regresar a Portugal e fundar o primeiro mosteiro feminino da orde do Císter. Os benedictinos que habitaban ata entón o conxunto monacal recorreron ao sumo pontífice pero non obtiveron a graza papal.

En 1211 as monxas ocuparon o mosteiro, ao que só accedían as que acreditaban pertencer á nobreza. Tras a morte de Sancha, Teresa ordenou o traslado dos seus restos a Lorvão. Em 1715 ambas foron beatificadas polo papa Clemente e os seus corpos trasladados ao interior da igrexa, un a cada lado do altar maior. Nesa época o mosteiro aínda vivía tempos de abundancia e a vella igrexa benedictina foi remodelada ao estilo de Mafra. Coa beatificación de Teresa e Sancha a fama de Lorvão foi en aumento, como tamén a afluencia de devotos.

Compartir el artículo

stats