Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Venâncio | - LINGüISTA

“O galego debería explorar a proximidade ao portugués”

Escritor, tradutor, investigador..., sen dúbida un dos intelectuais portugueses que presta maior atención á cultura galega, Fernando Venâncio é o autor de Así naceu unha lingua. Sobre as orixes do portugués, volume que, traducido ao galego, vén de ser publicado pola Editorial Galaxia.

O filólogo, investigador e tradutor portugués Fernando Venâncio.

Na súa tese, defende Vde. que as orixes do portugués están no galego. Isto, loxicamente,agradános moito aos galegos pero, como é recibida esa estima na sociedade portuguesa, en xeral, e nos filólogos portugueses, en particular?

–É unha pregunta interesante. Coido que son poucos os meus lectores portugueses que captan o esencial do libro. Vexo iso polo tipo de reaccións, mesmo na comunicación social. A nosa convición da orixinalidade portuguesa do idioma impide a aceptación doutra realidade histórica. Canto aos filólogos portugueses, a resposta é simple: um silencio absoluto, e por iso elocuente. Están completamente perdidos

–Semella ben claro que nun amplo periodo da Idade Media a língua “oficial” na actual Galiza e do norte de Portugal era o galego (ou, como din algúns, en Galicia, o galego-portugués). Mais, naquela altura, que lingua se falaba no sur de Portugal; isto é, de Lisboa cara o sur?

–Portugal completouse xeograficamente nun período de cen anos, em 1250, altura na que o galego xa atinxira as praias do Algarve. Nese contexto, o norte de Portugal ten um papel reducido. O futuro territorio portugués que participou na formación do idioma foi mínimo: as provincias do Minho e do Douro Litoral. No resto, falábase unha lingua latina moi arabizada, o mozárabe. Tal e como na restante Península de cultura moura.

–Que opina dos que en Galiza chamamos reintegracionistas, que propoñen a aplicación da ortografía portuguesa ao idioma galego actual?

–No reintegracionismo galego predominan os activistas. O seu coñecemento das estruturas e do funcionamento dos idiomas é limitado. De aí o obsesivo foco na ortografía A miña experiencia de decenios é que usuarios da lingua portuguesa len com facilidade o galego na normativa da RAG. Non; a preocupación reintegracionista non é linguística, é identitaria. Queren ser vistos e sentidos como usuarios do portugués. Mais, com poucas excepcións, ese portugués seu é pobre, sen espesura e axilidade, e sobre todo inspirado no español, a língua na que pensan. O reintegracionismo tería unha excelente tarefa no aproveitamento do portugués para os usos galegos. Mais esa tarefa esixiría coñecementos linguísticos.

–Atopou Vde. nas súas investigacións sobre a orixe do (galego) portugués algún tipo de conexión desta lingua coa dos antiguos poboadores pre-romanos do Noroeste da Península, chámense castrexos, suevos ou incluso “celtas”?

–É curioso constatar que o territorio crrador do idioma vén coincidir perfectamente coa Galiza dos castros. A principal característica dese idioma é a queda de L e N entre vogais (o lat. SALIRE dá SAIR, o lat. LUNA dá LUA). Non pode ser por un acaso. Tivo que existir un idioma xeral na Galecia con esas características. Só que non sabemos que idioma era ese.

–Vde. admite a “contaminación do portugués por castelanismos”. Esta contaminación só tivo que ver cos acontementos políticos da Historia ou foi un fenómeno que xurdiu de xeito natural polos contactos da propia sociedade portuguesa coa española?

–O portugués emprega na actualidade millares de palabras que tomou do castelán. Este fenómeno centrouse no período de 1450 a 1750. Trescentos anos, portanto. Todo tivo que ver co prestixio e gran creatividade lexical do idioma da Meseta. Non ten nada que ver cunha “contaminación”, e si co aproveitamento do que estaba disponível e era de calidade. Nada para esgazarmos a roupa. O inglés incorporou ducias de millares de termos franceses.

–Dedica Vde. case trinta páxinas a explicar o “efecto Nogueira”. A min paréceme tan interesante que me gustaría que lle dedicase un anaquiño nesta entrevista.

–Aquilo que chamei o “efecto Nogueira” alude ao uso que o eurodeputado Camilo Nogueira facía do galego nas suas intervencións, aproximandoo ao portugués. Grazas a esta aproximación, o galego era, factualmente, lingua do Parlamento europeo. Explorar a proximidade de galego e portugués podería ser, hoxe aínda, unha maneira de internacionalizar a lingua dos galegos.

–Vde. plantéxase no libro a pregunta: galego e portugués, idiomas diferentes? E eu plantéxolle a Vde. a seguinte pregunta: os distintos camiños que seguiron o galego e o portugués ao longo da Historia xa non teñen volta atrás? É dicir: nesta altura, xa haberia que dar por imposible unha reunificación entre ambos?

–Essa “reunificación” é, desde hai moito, imposíbel. E dígolle máis: xá é tarde para uma “reunificación” do portugués brasileiro e do portugués europeo. Abonda con lembrar que, deste o punto de vista sintáctico, a norma portuguesa europea está máis próxima da galega que da brasileira. Os idiomas son movidos por procesos inelutábeis, case todos tamém irreversíbeis. Os unitaristas ignoran as estruturas e a historia da língua que falan, e por iso poden soñar con mundos imposíbeis.

–E xa para rematar: por que en Portugal non abundan os homes e mulleres que, coma Vde., apostan por un maior achegamento entre as culturas galega e portuguesa? Será porque, nesta altura histórica, nin sequera a maioría dos intelectuais portugueses entenden que Galicia (cuestións políticas aparte) é diferente do resto de España?

–É triste dicilo, mais Galiza non forma parte do imaxinario portugués. Enormes volumes sobre a historia da cultura portuguesa non conteñen ningunha alusión intrínseca á realidade galega. Isto ten que ver todo coa auto-imaxe portuguesa, que se espella nunha España contemplada como outro Portugal: un país único e uniforme, só que maior. Vai ser moi difícil abrir uma brecha nesta situación, que xa dura desde hai séculos.

Compartir el artículo

stats