Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No Museo Ramón Cabanillas (Cambados)

Espazos para unha figura central da cultura de noso

Perspectiva da Casa-Museo, en Cambados

Vén de ser inaugurado en Cambados, a vila natal do poeta, o Museo Ramón Cabanillas. O novo espazo museístico, que conta coa dirección e deseño de Pepe Barro, ofrece unha proposta moi atractiva que incide nun ollar plural sobre a personalidade do escritor, que se proxecta sobre a cultura e sociedade galega do período histórico que lle tocou vivir. O deseño expositivo parte da mesa onde o poeta traballou nos anos finais da súa vida e articúlase a partir de doce palabras coas que se realiza o achegamento ao personaxe: poeta, galego, fe, familia, Cambados, fouce, irmáns, prelo, canto, escena, desterro, sempre.

Cómpre lembrarmos que o inicio da obra de Cabanillas e o seu desenvolvemento na década dos dez e vinte do pasado século transcorre nun período crucial en que a cultura galega toma o pulo que a levará de maneira definitiva a consolidar un espazo propio, a se afirmar como literatura nacional emerxente e superar as limitacións herdadas do Rexurdimento. Neste contexto, no museo podemos percibir como está ligada a evolución literaria á do nacionalismo galego, representado polas Irmandades da Fala e a Xeración Nós e aquí é onde agroma a figura de Ramón Cabanillas, entendido, desde a aparición dos seus primeiros libros, como poeta modelo, arelado e “necesario” desde a perspectiva do nacionalismo galego naquela altura en proceso de desenvolvemento. Así, o material gráfico e textual do novo espazo expositivo permite percibir como con Cabanillas a cultura galega incorpora elementos básicos das estéticas post-simbolistas europeas que se manifestan a finais dos dezanove e comezos do vinte e resaltar a singuraridade fundamental do poeta de Cambados na evolución da poesía galega, singularidade que reside precisamente neste último elemento. Cabanillas supera o risco de converterse nun epígono máis do Rexurdimento mercé á incorporación ao galego dos rexistros que caracterizan a modernidade poética.

Perspectivas da Casa-Museo, en Cambados.

A etapa de formación de Cabanillas coincide coa eclosión do modernismo, síntese de correntes post-simbolistas que realiza o poeta nicaraguano Rubén Darío. É unha escola, a modernista, que exerce unha forte influencia nas letras hispánicas até os anos vinte. Así e todo, a literatura galega mantense en liñas xerais á marxe das propostas rubenianas. Cabanillas coñéceas e achégase a elas de forma directa na súa estadía en Cuba entre 1910 e 1915. Cando en 1913 dá ao prelo No desterro, a pegada modernista é xa moi evidente. Do modernismo Cabanillas recolle influencias claras: a versatilidade métrica, con versos alexandrinos, exotismo, ritmo imperioso, colorido, adxectivación inanimada; en xeral o gusto polo sensual, os ambientes lánguidos, a musicalidade, o preciosismo verbal e a incorporación e posta en escena de deuses da antigüidade, paxes, raíñas, fadas, con personaxes como Sherezade ou Simbad en xardíns en sombra ou pazos saudosos. Hai, así e todo, moitos outros elementos que o afastan deste movemento como o gusto polo anecdótico, a incorporación de temas folclóricos ou costumistas, o léxico rural, a anécdota narrativa... Alén diso, como boa parte da literatura galega do seu tempo, Cabanillas toma postura social e mesmo política na súa obra -algo ben resaltado no novo museo coas palabras “fouce” e “irmáns”-, quere que esta teña un ideal ético e unha finalidade, unha posición que o afasta de todas as correntes debedoras da ética parnasiana da arte pola arte que tanta influencia tiveron na cultura finisecular europea.

El poeta Ramón Cabanillas (1876-1959)

El poeta Ramón Cabanillas (1876-1959)

A mitificación da Terra

Tras incorporarse ao proxecto cultural das Irmandades, Cabanillas toma contacto tamén co saudosismo portugués, un movemento que tiña como figuras representativas o escritor Joaquim Teixeira de Pascoaes e o filósofo Leonardo Coimbra. En Galiza tivo especial transcendencia o influxo de Teixeira de Pascoaes, un importante poeta portugués, autor dunha obra que se caracterizaba por elaborar unha poesía dun paisaxismo misticista de tendencia claramente romántica. Foi o pai do termo “saudosismo”, deu lugar a todo un movemento poético e chegou a ter unha importante repercusión cultural e política tamén no contexto galego.

Esteticamente, o saudosismo englóbase tamén nas correntes post-simbolistas e realiza unha mestura peculiar de parnasianismo e decadentismo. No caso de Cabanillas, a súa influencia será decisiva na obra desde os anos vinte, como na artúrica Na noite estrelecida, chegando a súa pegada até o final da súa produción, aos poemas de Samos, onde apreciamos un interese constante polos temas históricos, unha tendencia mítica e certo misticismo entre cristián e panteísta. Aínda durante os anos vinte, e a través da súa relación con Antón Villar Ponte, coñece a obra do poeta e dramaturgo irlandés William B. Yeats e o pensamento da Irish Literary Society, institución fundada en 1891 coa finalidade de promover unha literatura nacional irlandesa. De feito Cabanillas na obra teatral O Mariscal (1926) actúa da mesma maneira que Yeats, que volve a mirada aos personaxes míticos das lendas gaélicas. Cabanillas tamén recupera un personaxe histórico (Pardo de Cela), obxecto dunha verdadeira saga na literatura popular e que encarna o ideal da independencia e a soberanía nacional.

Todos estes elementos, unidos a un profundo coñecemento da tradición decimonónica e da poesía popular, dan lugar a unha obra rica e plural que o novo museo de Cambados permite visualizar por medio dunha clara e meditada información visual e textual que actualiza un capítulo fundamental da nosa historia cultural e política.

Compartir el artículo

stats