Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmen Losada Gallego PIANISTA E PROFESORA DE MÚSICA

“A vida da pianista Sofía Novoa ten unha historia apaixonante”

A pianista e profesora Carmen Losada Gallego.

Que foi o que a animou a escribir esta biografía sobre Sofía Novoa Ortiz?

–A información sobre Sofía, que xorde por mor da investigación que estaba a levar a cabo sobre as mulleres pianistas na cidade de Vigo, achega datos sumamente interesantes non só sobre a contorna local, senón tamén sobre a vida musical española, portuguesa e francesa, así como do exilio americano. Os datos estaban aí; só había que contar a historia, e resultaba apaixonante; non podía deixar de facelo.

–A figura de Sofía Novoa é relativamente coñecida en Vigo, pero coido que moi pouco no resto de España, e case diría que no resto de Galicia. Cre Vde. que se trata doutra vítima máis do esquecemento producido pola Guerra Civil?

–A Guerra Civil supuxo unha ruptura coa vida anterior; desapareceron do espazo público figuras que ata ese momento formaran parte da elite cultural e política. A familia de Sofía foi un exemplo máis. Tras o golpe de estado trataron de facerse invisibles para evitar as represalias que sacudían a súa contorna, e esa invisibilidade continuou deica agora.

  • PERFIL

    Profesora de música no IE Giner de los Ríos de Lisboa, Carmen Losada é unha experta en mulleres pianistas viguesas de finais do século XIX ata 1936, tema ao que dedicou a súa tese doutoral. Entre elas, destaca a figura de Sofía Novoa Ortiz, da que publica agora unha completa biografía, editada polo Instituto de Estudos Vigueses

–Neste libro nótase que hai un profundo traballo de investigación e documentación sobre a biografiada. A que fontes acudiu para descubrir novos datos sobre a vida de Sofía?

A principal fonte foi o arquivo familiar, conservado polo seu sobriño Juan Novoa Docet, e que contén documentación, fotos e correspondencia familiar. Pero tamén foron determinantes as entrevistas con familiares e con persoas que a coñeceron en diferentes momentos, como María do Carmo Kruckenberg, Carmen de Zulueta ou Laura García Lorca. E, por suposto, foron numerosas as visitas a hemerotecas, como a de FARO DE VIGO e a infinidade de arquivos, como o da Residencia de Señoritas ou o da Biblioteca Nacional de Francia.  

–Quixera que me falase un pouco sobre a familia republicana e socialista de Sofía, que seguramente foi a causa de que decidise exiliarse.

O seu avó, Francisco de Paula Novoa Novás, era mestre de escola e movíase na contorna da Institución Libre de Enseñanza. O pai, Joaquín Novoa Barros, era ateo, anticlerical, republicano e próximo aos socialistas. Pero creo que o que máis pesou no ánimo de Sofía foi o seu convencemento de que as expectativas vitais que tiña a partir dese momento eran desalentadoras para unha muller afeita a levar unha vida independente. 

“Exíliase porque coa dictadura sabía que xa non podía levar unha vida de muller independente”

decoration

–Unha etapa moi importante na vida de Sofía foi o seu paso pola Residencia de Señoritas. Con que outras mulleres destacadas, nomeadamente galegas, coincidiu a súa etapa na Residencia?

Nas súas dúas etapas madrileñas, Sofía alóxase na Residencia de Señoritas. Nos anos vinte, estableceu vínculos estables con María de Maeztu, Eulalia Lapresta, Marina Romero e Rosalía Rodríguez Martín Bravo. Cando en 1930 comeza a traballar no Instituto Escuela como profesora de música, coincide alí con Maruja Mallo, pero ten unha maior relación con Laura de los Ríos ou a atleta Lucinda Moles. Tamén as súas amigas viguesas Olimpia Valencia e María Antonina Sanjurjo foron residentes pero coñeceron a Sofía noutras circunstancias. 

–Unha muller pianista profesional, naquela época, aínda non era ben vista nos ambientes musicais ou, xa naquela altura da Segunda República, ese tipo de prexuízos xa estaban superados ou en vías de tal?

O piano era un dos campos profesionais máis aceptables para a muller; con todo, existían moitos obstáculos que lles impedían saír do circuíto de afeccionados. De feito resultáballes difícil cobrar un concerto; dábase por feito que estaba mellor regalarlles un ramo de flores, uns bombóns ou mesmo xoias, pero parecía fóra de lugar darlles diñeiro. A maioría renunciaban a conseguilo e dedicábanse á docencia.

–A maioría dos exiliados/as da guerra marcharon a países como Arxentina, Cuba ou México, por iso é raro que Sofía elixise Estados Unidos. Por que decidiu emigrar alí?

–Porque foi a posibilidade que se lle brindou. María Antonina Sanjurjo atopábase alí realizando o Doutoramento e conseguiu contactar con Federico de Onís quen lle enviou un nomeamento de lectora de español na Universidade de Columbia, a través da familia Rey Colaço, que desde Lisboa fixo de intermediaria.

–O caso é que en Estados Unidos foi onde obtivo os seus principais éxitos profesionais. Quixera que me falara tamen un pouco diso, da súa traxectoria en Norteamérica.

Cando chega, asígnanlle un labor que se adapta perfectamente aos seus gustos e aptitudes: investigar, dar charlas e organizar as actividades musicais do “Instituto de las Españas” da Universidade de Columbia. Ao ano seguinte compaxina este labor co ensino no Barnard College, porque, do mesmo xeito que a maioría de exiliados, vese abocada a dar clases de español. A partir de 1942 entrará a formar parte, xunto a Pilar de Madariaga, do Departamento de español en Vassar, un college de gran prestixio e onde foi profesora de varias xeracións de mulleres, entre elas de Jaqueline Keneddy, e en cuxas clases utilizaba a música como recurso. Ademais, desde 1941, durante os veráns asiste como profesora aos cursos de Middlebury College, lugar de encontro para os exiliados e onde ensina cancións e bailes españois. Alí coincide con Pedro Salinas, Américo Castro ou Isabel García Lorca.

–Ela regresou a España xa en 1967, anos antes da morte de Franco. Por que decidiu tomar esa decisión cando o país aínda padecía un réxime de ditadura, do que ela tivo que fuxir?

Creo que regresaron a maioría dos que podían regresar. Entendo que para aqueles que tomaron esa decisión, España non era só o país sometido a un ditador, senón sobre todo o lugar no que estaban as súas raíces e gran parte dos seus afectos.

Compartir el artículo

stats