Veño seguindo a produción narrativa de Xesús Constela desde que no ano 2003, cunha escolma de relatos engadira o seu nome a relación, curta e selecta, de escritores galegos que ata entón obtiveran o Premio Torrente Ballester. Desde entón Xesús Constela ten escrito e publicado máis de seis novelas; a última, O peso do cerebro. A narrativa de Xesús Constela acostuma ser arriscada, moderna, ben resolta e con raíces na narrativa de sempre. Arestora afronta este reto de facer do peso do cerebro o impulso motor dunha novela.
O peso do cerebro é un mergullo na mente das persoas maiores para intentar descubrir que cousas ou motivacións se acubillan no cerebro dunha persoa,cando fai acto de presenza a vellez. O protagonista é don Honorio, afectado de demencia senil, e todo acontece na cidade Barco, unha clara referencia ao Ferrol natal do autor, ancorado na cidade, un sentimento que aínda permanece nel. O protagonista intenta que as súas ideas se convertan en memorias imperecedeiras, limpándoas segundo as vai sacando do cerebro. É o incipit da novela. Mais moi pronto fai acto de presenza Paula, neta de don Honorio que atende o ancián mentres a familia traballa. Pero unha mañá, mentres a neta sae a fumar, don Honorio desaparece; perdido porque no atopa o mar e enleadas as súas ideas e estragadas as súas neuronas, mais coa urxencia de coller a lancha para ir a unha verbena e atoparse con Elviriña, o seu amor. Mentres tanto dialoga coa estatua de bronce dun marques. E no seu percorrido pola cidade vaia atopando diversos personaxes: ademais do marques inmobilizado pero que lle fala, un neno que leva unha robaliza atada cun cordel, dous rondallistas e outros personaxes tan estrafalarios coma don Honorio. Todos eles, enfrontados entre si, intentan desfacerse de don Honorio, e así pérdense as pegadas que deixarán sen pistas á neta Paula e á policía á que finalmente avisaran os seu pais.
A novela non está orfa de verdades e virtudes, tanto no plano diexético como no formal: a denuncia verbo do desamparo no que quedan as persoas afectadas pola demencia senil. En reflexións dun dos protagonistas, vemos reflectida a reconversión industrial da cidade Barco e o seu declive, nunha clara referencia a Ferrol. Mais na miña estima, o máis salientable desta nova peza de Xesús Constela é o seu tratamento literario. Por veces, da a impresión de que estamos somerxidos nunha estética valleinclanesca, con certas incidencias de farsa. Moi oportunas as notas ao pé de paxina nas que dúas mulleres comentan con rexouba o que lles está sucedendo aos personaxes. Mestura de técnicas expresivas, con predominio do monólogo interior e a selección particular do léxico co que se expresa cada personaxe.
CONSTELA, Xesús, O peso do cerebro, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17, 10 €