As fobias representan os mil rostros do medo aos medos. Con toda seguridade, a máis común delas vén ser a do medo á morte (tanatofobia). “En canto nós estamos, a morte non está; máis cando a morte chega, nós non estamos máis” (Epicuro). Fobia, do grego fobos (“medo”, “pánico”...), significa “un temor morboso e obsesivo a certas situacións ou circunstancias así como a certos obxectos que realmente non presentan perigo. Aversión ou horror instintivo cara a algunha cousa” (RAG). Polo seu carácter irracional, as fobias non nos permiten controlalas, provocándonos malestar e sufrimento. Desde logo, constitúen un tema propio da psicanálise.

En 1895, Freud aseguraba que o afecto predominante nas fobias eran a ansiedade e o temor. Un medo esaxerado ás cousas que todos tememos, como a noite (nictofobia); aos espazos pechados (claustrofobia); aos lumes (pirofobia); ao mar (talasofobia); ás serpes (ofidofobia); á dor física (algofobia); á auga (acuafobia)... Para Lacan, a fobia non é unha estrutura clínica que estivese ao mesmo nivel que a histeria e mais a neurose obsesiva, senón que é unha vía de acceso que nos leva dunha a outra e que emparenta coa perversión fetichista, dada a alta sobreestimación que se dá a un obxecto, fetiche, nun caso; fobia, noutro. Unha formación defensiva que transmuta a angustia en medo a un ou a determinados obxectos.

A escritora Elfriede Jelinek (1946) non puido viaxar a Suecia a causa da súa "fobia social".

Os mitos e lendas que tratan temas de horror son os antecedentes máis arcaicos do que se convertería nun xénero a finais do s. XVIII, coa novela gótica, algunhas de cuxas convencións foron utilizadas nos séculos XIX e XX. Representantes respectivos desas épocas son Edgar Alan Poe e Stephen King. Moitas das historias e contos infantís, antes de seren publicadas, formaron parte dun “imaxinario colectivo” e foron transmitidas por vía oral. Tal é o caso dos famosos Contos para a infancia e o fogar (Kinder und Hausmärchen), dos irmáns Grimm.

As artes en xeral, cuxo tema fundamental é o terror, poderían ser os “sublimados” deses medos da infancia. O neno ten que lidar cunha serie de experiencias fronte ás cales non ten palabras para numerar, coa angustia que implica o non saber como situarse na trama do desexo do Outro. As fobias, como os síntomas, convocan o seu recoñecemento. Representadas na arte, as fobias transmítenos sensacións e, polo tanto, reflicten algúns dos nosos medos de forma considerable a través dos seus creadores. Salvador Dalí tiña fobia aos saltóns. Virginia Wolf, á loucura. J. D. Salinger ao social ou Edgar Munch, que sufriu de agorafobia. A angustia de O Laoconte; a terribilitá de Miguel Anxo; os martirios de Caravaggio; os horrores da guerra e as pinturas negras de Goya; as visións de Francis Bacon ou as torturas en Abu Ghraib, de Botero son algúns dos artistas que representan as fobias e os medos a través das súas obras.

Vicente Aleixandre (1898-1984) era agorafóbico.

A literatura e mais o cine tiveron no medo e na forma de producilo un gran recurso. Marcel Proust temía a morrer asfixiado, por ese motivo escribía sen cesar, pensando que só así evitaría un ataque de asma; Honoré Balzac sufría delirios de persecución; Juan Rulfo padecía de «medo escénico» -tiña pavor a falar en público-; Vicente Aleixandre era agorafóbico; Dostoievski nunca superou o medo a escuridade (nictofobia); Pablo Neruda, gañados os honores e glorias deste mundo, declarou: «Aínda me ocorre que cando chego a unha recepción, paréceme que o camareiro me vai dicir: faga o favor de saír. Vostede non foi invitado». García Márquez confesou algo parecido: «Durante moito tempo tiven a sensación de que eu sobraba en todas as partes»; Tennessee Williams sufría de claustrofobia; Elfriede Jelinek, Nobel de Literatura (2004), non puido viaxar a Suecia a causa da súa “fobia social” e Juan Ramón Jiménez foi o paradigma das fobias.

Virginia Wolf (1882-1941) temía á loucura.

En fin, cabe destacarmos no cine de terror a Alfred Hitchcock (Vertixe, 1958; Psicose, 1960); ); Roman Polanski (A semente do diaño, 1968); Ingmar Bergman (A hora do lobo, 1968); Stanley Kubrick (O resplandor, 1980); John Carpenter (Na boca do medo, 1995); Peter Naess (Elling, 2001); Jean-Pierre Jennet (Amelie,2001) ou Andre Ovredal (A autopsia de Jane Doe, 2016).

“O caso Juanito”

Nos Programas de “Introdución á Psicanálise”, os Seminarios de Óscar Masotta (1930-1979) enVigo, 1976 e 1977, celebrados no Colexio Médico Comarcal, sempre aparecía nas clases /coloquio “o caso Juanito” (1976) e “a fobia e o fetichismo. Porque Masotta adiaba este tema? Os participantes no seminario comentaban “falará hoxe Masotta do “caso Juanito”?

A súa filla Cloe Masotta acaba de publicar Tendremos que encontrar un lugar donde encontrarnos, intercambio epistolar entre o seu pai e a súa avoa. Podería darnos algunhas claves das fobias de Masotta esta publicación?

Freud foi quen deu a coñecer (1909) o famoso caso clínico do pequeno Hans (“o caso Juanito”), un neno de cinco anos, analizado polo seu pai e supervisado poolo propio Freud. A enfermidade comezou cun soño de angustia no cal “a nai vaise” (catro anos e medio). Paseando coa súa coidadora, Hans exprimentou unha crise de angustia e ao saír agora coa súa nai asustouse. De volta na casa, casa díxolle que tiña medo a que “un cabalo o mordese”. A angustia e mais a fobia eran o resultado do esaxerado amor cara a nai e mais o reprimido conflito co pai. A resolución da fobia de Juanito aclara o complexo de Edipo e posibilita a súa entrada na sexualidade, así como tamén a súa transmisión e a filiación.