Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O enigma das pedras

No Prado das Chantas, O Valadouro

Vista parcial do aliñamento. Tere Gradín

No interior da Mariña Central, o rio Ouro baña o concello lucense ao que dá nome, O Valadouro. Din que este curso fluvial contiña entre as súas areas pebidas de ouro e, aínda que non estea probada a existencia deste prezado mineral, si dan fe da antigüidade do poboamento numerosos vestixios arqueolóxicos, entre eles, o enigmático Prado das Chantas, que podería ser -non hai certeza- un dos escasos cromlechs existentes en Galicia

Aliñamento das pedras. Tere Gradín

A casualidade sacou á luz diferentes círculos líticos, varios deles na provincia de Lugo. Ademais da Roda, en Barreiros, está documentada unha estrutura megalítica na parroquia de Coeses, no propio municipio lucense, e o misterioso Prado das Chantas, do que se conservan unhas 250 pedras fincadas.Mais sexa finalmente o que fose o lugar, segue a levantar diversas teorías. Desde as que afirman que é un “henge”, unha creación prehistórica de forma máis ou menos circular, ás que sosteñen que podería resultar un espazo de culto nunha montaña sacra, ou mesmo a versión máis ancestral dun curro para o gando, cuxa importancia nestas terras vén de antigo. O sitio, con vistas sobre o val, o mar e o ceo, ben podería ser unha desas portas abertas a outros mundos, o acceso alén que xa parecían posuír os primitivos poboadores de Galicia.

Plano xeral do Prado das Chantas. Tere Gradín

Os menhires de granito ocupan un perímetro de máis de 300 metros formando unha estrutura lixeiramente ovalada. Non hai certeza sobre a súa orixe, como tampouco sobre o seu uso: escenario cerimonial, antecesor dos curros ou chave a outra dimensión, ninguén o sabe aínda.Tampouco se atopa totalmente illado porque na contorna hai outros círculos máis pequenos como o Prado do Xesto ou o das Pedregosas.

Un dolmen. Tere Gradín

As Chantas conintúa sendo, pois, un misterio por desvelar: cando se fixo, como se trasladaron as pedras para construílo e para que. A estrutura está situada na parroquia de Santo Tomé de Recaré, que conta con outros monumentos como o dolmen do mesmo nome, con pés e cuberta e en bo estado de conservación. Polo demais, o feito de que na contorna haxa elementos prehistóricos non fai senón alentar o misterio. Puido ser lugar vinculado a ritos funerarios ou á observación astronómica relacionada cos ciclos da natureza, entre outras posibilidades.

É algo parecido ao que ocorre co henge da Roda, situado en Santiago de Reinante, no concello de Barreiros. Mide uns cincuenta metros de diámetro e construíuse hai uns 3.700 anos. É o primeiro das súas características que se descubriu e investigou en Europa fóra das Illas Británicas. Aínda que, a diferenza do das Chantas, o da Roda si está datado. As probas de carbono 14 determinaron que se trataba dun achado de catro milenios de antigüidade, disposto nunha estrutura circular con dúas murallas concéntricas e un foso exterior. Descuberto en 2006 durante as obras da autovía do Cantábrico, desde entón foi chamado o “Stonehenge galego” aínda que non sexa tan famoso como o monumento inglés.

Prado das Chantas podería resultar un espazo de culto nunha montaña sacra ou mesmo a versión máis ancestral dun curro para o gando

decoration

Os henges de Inglaterra e Irlanda suponse que tiñan unha finalidade ritual, fose de carácter político, social ou relixioso, constituíndo un punto de reunión dos habitantes da época na zona. Sendo excepcional a existencia de círculos líticos no continente europeo, que relación pode haber cos atopados en Galicia? Todo son conxecturas, aínda que non todos os estudosos están de acordo en chamarlles henges ou en atribuírlle un pasado milenario.

Igualmente en Xove, durante as obras de construción do corredor entre San Cibrao e Celeiro, apareceu outra estrutura similar. Noutras provincias tamén afloraron círculos líticos, como o de Monte Lobeira, en Vilanova de Arousa, descuberto por mor dos incendios de 2006. A súa situación estratéxica fixo que neste lugar asentaran diferentes culturas ao longo de milenios. Documentáronse mámoas, castros e o curioso círculo de pedra que xurdiu do lume, entre outros achados.

Antigüidade de Santa Filomena

Valadouro é un atractivo municipio con interesantes propostas para o lecer, fermosas paisaxes e un variado patrimonio monumental –á parte do megalítico– como a capela románica de Santa Filomena, en plena montaña de Cadramón. É unha das ermidas máis antigas da comarca e outra das insignias do concello, que conta cun número importante e reseñable de igrexas e capelas. A orixe de Santa Filomena remóntase aos séculos IX e X, por unha doazón do rei Ordoño II, e exerceu ao longo do tempo como parroquial de Cadramón ata o século XIX. Conserva a cabeceira rectangular formada por ábsida e presbiterio e os restos dunha nave, tamén rectangular, de forma que o acceso actual é unha porta adintelada no que viría ser o arco triunfal. No interior aínda se aprecian pinturas murais que representan o nacemento de Cristo e a Adoración dos reis Magos. Destaca tamén a espadana e os canzorros de variadas formas. Outras construcións relixiosas de interese son a de Moucide, o templo de Santo Tomé de Recaré ou a igrexa de Valadouro, do século XVIII.

En arquitectura civil consérvanse varios pazos e casas blasoadas como a casa-torre de Recaré, a Casa O Pazo, en San Xián de Recaré ou o Pazo de Gradaílle no Valadouro. Da arquitectura popular pódense ver muíños antigos e abundantes cruceiros.

Compartir el artículo

stats