Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sobre A mirada acesa

Pinturas de Din Matamoro no MARCO

A mostra 'A mirada acesa' de Din Matamoro.

A mostra 'A mirada acesa' de Din Matamoro. @eliregueira

Mergullado no espazo do MARCO entre as pinturas de Din Matamoro veume á mente a retórica xestual barroca coas imaxes en éxtase, cos ollos elevados ao ceo, as bocas entreabertas en pleno arroubo e cos corpos que semellaban máis que morrer ascender nunhas representacións de martirio que se transformaban, daquela, en escenas de visión.

Visitante admirando a mostra. @eliregueira

A razón desta sensación está, sen dúbida, no feito de a pintura de Din Matamoro ser sobre todo unha espacialidade expansiva e fundamentalmente cromática e lumínica que se converte nun ambiente que insire o espectador no seu mundo e abre o espazo para a súa imaxinación; unha pintura, xa que logo, que “acontece” máis que “é”. Este espazo en expansión consegue que na súa obra perda importancia todo trazo de figuración ou de imaxe. O signo fica absorbido pola absoluta presenza da luz que desenvolve variacións a partir de formas simples e puras que expresan, como dicía Mark Rothko, a respecto da súa propia obra, “emocións humanas básicas”. Nesta actitude tamén está a lembranza da pintura de Turner que a certa distancia permitía que os elementos se conxugaran nunha atmosfera común e mudábel.

As creacións son cromáticas e lumínicas. @eliregueira

A luz e a súa proxección inzan toda pinturas de Din Matamoro, o que acaba por crear un espazo totalmente envolvente cunha marcada hexemonía do pictórico. A pintura funciona como un ámbito para a suxestión, desde a profundidade ao reflexo, e abre o espazo para dentro e para fóra -para o externo e o mental- aspecto que está recollido no propio título da mostra. En realidade esa “mirada acesa” é tamén unha mirada invertida, porque se proxecta para un interior mais ao tempo espella luz e cor, nun diálogo aberto que insire o espectador no discurso e lle ofrece todo un catálogo de suxestións, que teñen como referente final a hexemonía da luz en toda a súa complexa rede de manifestacións e matices.

Obxectos da exposición. @eliregueira

O título da exposición evoca tamén a estética barroca, onde se falaba constantemente da subxectividade da luz. “Luz acesa” fai referencia a unha complexa simultaneidade de percepción que caracteriza toda a exposción. Trátase de pinturas que parten do branco e creadas co apoio da luz natural, que debemos entender non soamente como espazos para un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión. É o lugar onde a observación do mundo, a memoria e o pensamento se unen, presentándonos un universo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

Nos seus cadros achamos unha fusión da captación do natural e do universo mental. O resultado deste encontro é intensamente poético e envolvente, mais quixera salientar que o efecto conseguido é profundamente “natural” –de natureza- e non conceptual, aínda que sexa froito dunha coidada proposta e dunha elaboración moi pensada, que o espectador pode percibir como unha primeira ollada, como unha visión primixenia.

A obra que presenta o pintor vigués posúe, alén diso, esa heteroxeneidade que trascende a pintura como técnica, e que é utilizada polo artista para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e a contorna. Din Matamoro manifesta unha vontade de construír unha ligazón específica co lenzo desde o acto de ollar, en interacción co soporte da obra pictórica mais non sometido ao mesmo.

Este diálogo é explícito xa desde a mesma montaxe nas salas do museo. Nelas podemos observar como a obra desenvolve percepcións espaciais diversas, desde os diferentes ángulos desde os que enxergamos os cadros. Asistimos, por tanto, a unha especial proxección escenográfica, que percibimos como claramente envolvente desde o punto de vista visual e espacial.

Título: A mirada acesa.

Artista: Din Matamoro.

Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto.

Produción e espazo expositivo: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Até o 7 de novembro.

Ollar: unha forma de linguaxe

O resultado é extremadamente equilibrado, deixando no ollar do espectador todo un abano de suxestións con tramas de austera concepción onde brillan alfaias de luz e cor.

Hai, pois, en todo o traballo, unha impresión de perda de límites, que se consegue por medio dunha aposta completa e moi meditada pola técnica pictórica, o que axuda tamén a modular as sensacións e a crear complementarias e desemellantes percepcións. Igual importancia adquiren os agrupamentos das obras, que como variacións musicais acaban por constituíren unha especie de comunicación cifrada, que non remite á escrita, senón máis ben serve de estímulo ao ollar, a unha contemplación aberta a diferentes lecturas e suxestións.

Se callar, unha das chaves do seu traballo é ese carácter ao tempo aberto e concentrado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva á apertura espacial e á modulada sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente. Porque, a final, o que nos propón o artista son distintas maneiras de ollar, mesmo no sentido máis literal, ollar desde distintas distancias e puntos de vista. Un tema tan vello, produto dun debate case académico, que nos levaría ao mundo barroco que subxace no fondo da obra do artista, mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente, porque converte a mirada nunha forma de linguaxe.

Compartir el artículo

stats