Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Escravitude eComercio

Arredor dunha revisión necesaria

Fotograma do film británico-norteamericano '12 anos de escravitude', dirixido por Steve McQueen no ano 2013.

Os recentes conflitos raciais que tiveron lugar nos Estados Unidos de América, e moi especialmente os que levaron á fundación en 2013 do movemento Black Lives Matter e á súa extensión despois do asasinato a mans dun policía de George Floyd en Minneapolis en 2020, están a acordar unha ollada paralela á procura das orixes dos afroamericanos. Trátase, polo demais dunha vindicación da que foi pioneira a novela de Alex Haley 'Raíces'. A saga dunha familia americana (1976), levada á televisión pola cadea ABC en 1977 (en TVE foi vista en 1979). Unha historia que recuperaba a importancia da memoria oral. Recentemente, o actor Samuel L. Jackson soubo por unha proba de ADN que os seus devanceiros foron escravos chegados desde Gabón. Na súa procura financiou o documental Enslaved (2019) que quixo ilustrar co apoio da arqueoloxía submarina o comercio humano. Unha tarefa que os buscadores de xenealoxías por excelencia, os mormóns, nunca encetaron, dedicados en exclusiva a esoutra procura (remunerada) das raíces europeas dos brancos.

Esta ollada atrás sitúa en primeiro plano a realidade do que foi a escravitude e mais as súas consecuencias humanas e sociais. As sociedades europeas comezan a tomar conciencia da brutalidade do comercio de persoas, moi especialmente cando deixou de estar amparado pola lei e pasou a facerse de maneira clandestina. E unha mostra de tal preocupación é a exposición Slavernij (‘Escravitude’) que esta primavera presenta o Rijksmuseum de Amsterdam, centrada en dez historias reais de escravos que traballaron nas colonias neerlandesas e o papel que tiveron a Compañía das Indias Occidentais (WIC: Brasil, Surinam, Caribe) e a Compañía das Indias Orientais (WOC: Sudáfrica, Asia).

Desaparecidos de feito os escravos en España en 1766, foi abolida oficialmente en 1837, manténdose en Cuba ata 1886

decoration

Unha revisión necesaria -máis aínda ao producirse nunha sociedade de matriz calvinista- que entre nós aínda non sempre foi asumida. Non esquezamos que o comercio legal de escravos foi autorizado a prol de Portugal por unha bula papal de 1455. Negada a escravitude da poboación indíxena en 1512 (Tratado de Burgos), desde ben axiña chegaron negros a América, tanto escravos coma libres (algúns dos cales participaron nas empresas conquistadoras), tendo os primeiros certos dereitos verbo da súa integridade.

Con todo, e contando coa persecución que Inglaterra exercía (por competencia desleal) desde que obtivo o “asento de escravos” no Tratado de Utrecht (1713), o comercio escravista pasou a ser clandestino. Moitos dos grandes potentados españoles do século XIX basearon a súa condición no comercio de escravos, entre eles o catalán de orixes cántabras Antonio López López (futuro marqués de Comillas).

Para verificar se tal actividade foi certa ou non podemos acudir á obra do historiador Martín Rodrigo y Alharilla Un hombre, mil negocios (Ariel), unha exhaustiva biografía de Antonio López López. Este profesor catalán documenta os anos que Antonio López López pasou en Cuba e as manobras que empregou para comerciar con escravos, entre elas os subornos para obter as necesarias cédulas de identidade e fes de bautismo que os fixese pasar por nacidos en Cuba e non acabados de chegar de África.

Ante a imposibilidade de aplicar os criterios morais vixentes ao fenómeno da escravitude (cousa distinta é a da súa peor consecuencia, o racismo), cómpre situar os motivos que favoreceron a súa existencia. No caso español e portugués, as primeiras remesa de africanos chegaron para substituír as poboacións indíxenas, tanto por seres asimiladas á condición de súbditos (bautizados) como pola súa desaparición causada por doenzas e abusos.

Na maioría dos casos, eran africanos os que apresaban aos seus veciños para vendelos aos tratantes, como sinalou Steven Mintz, profesor da Universidade de Texas. E nos anos de proliferación (séculos XVIII e XIX), a importación de escravos resultou “necesaria” –en ausencia de man de obra europea- para que puidesen medrar as grandes plantacións de agricultura extensiva (azucre, algodón, tabaco, café), básica para o desenvolvemento industrial.

Dous países de escravos

En moitos sitios a proporción entre escravos e poboación europea era moi descompensada en favor dos primeiros. Un caso claro foi o de Haití a finais do século XVIII, con 300.000 escravos fronte a 12.000 libres (brancos, mulatos e negros). A concesión da cidadanía aos escravos que proclamou a Revolución Francesa provocou que os haitianos tomasen conciencia da súa nova condición e se rebelasen contra o poder francés branco.

Despois de diversos conflitos, en 1804 en Haití proclamouse o primeiro país independente da América Latina, o primeiro gañado polos escravos e o único onde a poboación negra era maioritaria. Pero tal avance supuxo a súa ruína. Os enxeños de azucre, sen man de obra, deixaron de producir e a poboación pasou á economía de subsistencia propia de África.

Caso diferente foi o de Liberia. En 1822 os Estados Unidos mercaron a Serra Leone un territorio para asentar nel a millares de antigos escravos. Os novos emigrantes, cando chegaron a África, non se integraron coa poboación local xa que se consideraban “americanos” (falaban en inglés). Constituíron a elite a expensas dos nativos, cuxos impostos supuñan un terzo dos orzamentos da república. Así, os presidentes foron “americanos” deica 1980, cando Samuel Doe –un sarxento maior nativo- deu un golpe de estado.

Compartir el artículo

stats