Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Acertada reedición

Sobre a condición humana

Acertada reedición

Acertada reedición

A Editorial Caldeirón ten a ben reeditar, con incuestionable acerto, unha das primeiras obras de Francisco Souto publicada a finais dos 80 nos Cadernos da Escola Dramática Galega. Catro anos despois do falecemento do autor, percíbese a intención de ir publicando outravolta todos aqueles títulos que o foron consolidando como un autor seguido polo público galego. Poeta, dramaturgo, dinamizador cultural e político, a actividade incesante de Souto tradúcese nuns textos cun vagar cultural, literario e humano evidentes.

Neste seu 'Amar non ten laranxas', a reflexión da condición humana vén acompañada dun sustrato cultural enganduxado coa Odisea homérica. Nun espazo máis ou menos recoñecible, como podería ser calquera porto da nosa Costa da Morte, dáse un naufraxio. A chegada a terra dos mariñeiros conleva un recibimento e coidados que son a escusa ideal para a interacción dos personaxes.

Esa interacción poderá fundamentarse no racional ou no impulsivo-emotivo e case que arroutado. Isto tradúcese nunha exposición do texto dramático alicerzado na réplica e contrarréplica áxil, dinamizadora, sen apenas monólogos nin discursos. Esta técnica vén dada pola aparición de situacións imprevistas ás que hai que darlles unha solución inmediata. Aínda que o contexto é o dun verxel no que refacerse dunha situación tan traumática como a dun naufraxio, non todo é o que parece. Os personaxes visualizan as situación que se van dando e reaccionan dun xeito máis ou menos correcto… ou non. É, polo tanto, un ritmo rápido que vai posicionando as peciñas da trama no seu lugar, mais cun carácter tamén misterioso culminado nun final aberto no que o lector pode imaxinar claramente o que suporá ese desenlace. De aí que este texto sexa tamén definido como un poema épico-dramático, traducidos nas súas situacións límite no que é o misterio do mar e os desenlaces que del poidan xurdir. É un contínumm evocador. Cun toque lírico e ao tempo esgazador polo que alí se nos presenta. Lectura recomendable, sobre todo para traballar nas aulas.

SOUTO, Paco, Amar non ten laranxas, Caldeirón, Malpica, 2021, PVP. 11,40 €

Compartir el artículo

stats