Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Recomendable volume

Arredor da morte digna

Recomendable volume

Sobre a vida e a morte, traducido do inglés por Neila García, é un libro da autoría da doutora Iona Heath -cunha achega de “doce teses” de John Berger- que xira, como o seu título indica, arredor da vida e a morte, e que pode interpretarse ou utilizarse como un libro de axuda ou autoaxuda para afrontar ese inevitable momento ou ese inevitable proceso que está aí, cada vez máis preto.

Supón unha lectura moi recomendable desde variados puntos de vista, desde o anteriormente sinalado, ata o debate bioético sobre a prolongación irrazonable da vida tecnoloxicamente primando a duración sobre a calidade, pasando por moitísimas reflexións sobre as mesmas preguntas que desde as orixes se fai a conciencia do xénero humano.

Moitas cuestións son abordadas sen prexuízos pola autora, como Que é unha boa morte? Que forma de morrer queremos para nós e para os nosos seres queridos? Como dialogar con enfermo terminal que está próximo a deixarnos? Como acompañalo sen reducilo a obxecto dun inútil asañamento terapéutico? Como facer máis suave e digna a transición? E a todas elas responde a experta, experimentada e reflexiva doutora, con moita empatía, con citas de poetas, novelistas, filósofos…, de forma profunda e sinxela, na procura da morte digna e serena.

Moitas outras cuestións se abordan ao longo dos capítulos: o don da morte como oportunidade, os distintos modos de morrer -desde a repentina e inesperada ata a lenta e con tempo para lembrar, reflexionar, perdoar, deixar, ordenar...-, o porqué da morte e como é posible morrer, o tempo e a eternidade, as necesidades do médico para esa axuda, a ciencia e a poesía como axuda parao profesional... Lectura, algunha vez, necesaria.

Recomendable volume

Recomendable volume Xosé Feixó

HEATH, Iona, Sobre a vida e a morte, Kalandraka, Pontevedra, 2021, PVP. 13,30 €

Compartir el artículo

stats