Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ladróns literarios

Xustiza da outra banda da lei

Roman Duris e Kristin Scott Thomas en Arsène Lupin (2004), de Jean-Paul Salomé.

Roman Duris e Kristin Scott Thomas en Arsène Lupin (2004), de Jean-Paul Salomé.

Un dos motores da ambición humana é a cobiza, materialización desoutro defecto (pecado capital para os católicos) que é a envexa. Cobizar é, en suma, desexar o que é doutro; pero cando a apropiación dese ben se fai contra a vontade do seu propietario, daquela estamos perante un roubo ou un furto (un rapto se se trata dunha persoa), e quen o fai é un ladrón. Tal exercicio estivo presente, polo demais, desde o inicio das nosas mitoloxías. Así, Zeus –en forma de touro branco– raptou a princesa fenicia Europa para formar o continente. Ou agora na literatura, cando na Ilíada Aquiles se enfada pola aldraxe que Agamenón lle fixo ao ceder a Criseida e arrebatarlle ao heroe parte do seu botín, a sacedortisa Briseida.

As historias de ladróns, transmitidas polo folclore, primeiro (oralidade), e pola literatura impresa, despois, sempre foron empregadas para dar exemplo (prevención) cunha vía de diversión, de lecer. Nese tránsito temos o caso do coñecido Robin Hood, presente no folclore e na literatura da Inglaterra medieval, exemplo de defensa dos pobres fronte á arbitrariedade dos poderosos (neste caso, dos anglosaxóns contra os ocupantes normandos). Colleu popularidade cando as súas aventuras, recollidas por Wyrkyn de Worde, foron impresas en 1459. Despois dunha recompilación de baladas (1795), foi citado por Walter Scott en Ivanhoe (1819) e a súa consagración definitiva tivo lugar con As alegres aventuras de Robin Hood, de Howard Pyle (1883).

Dun xeito ou doutro, o patrimonio tradicional recolleu historias de ladróns, tanto dolosos coma xusticeiros. Desde o Ghino di Tacco toscano (citado por Dante na Comedia e por Petrarca no Decamerón), pasando pola historia de Alí Babá en As mil e unha noites, evidencia de como un home normal pode pasar a criminal. Ou o romanceiro castelán e “El mozo arriero y los siete ladrones”, historia ben coñecida en Galicia. Sen esquecer os romances de ladróns e bandoleiros do folclore catalán, algún xa presente no teatro un ano despois da execución do bandido (El catalán Serrrallonga y bandos de Barcelona, de Luís Vélez de Guevara, 1634).

Pero foi co crecemento das cidades e a expansión da propiedade privada cando as historias de ladróns colleron unha auténtica dimensión popular. A literatura do século XIX –que sitúa o protagonismo popular– ilustrou o fenómeno dos ladróns e da acusación falsa e da redención (Charles Dickens, Oliver Twist; Victor Hugo, Os miserables). Latrocinios de supervivencia herdeiros da novela picaresca española e dos pequenos furtos de Lázaro de Tormes. E xa coa chegada do século XX, o xénero pasou a fenómeno de masas. Velaí as aventuras de Arsène Lupin, nas novelas escritas por Maurice Leblanc, aparecidas en 1905 na revista Je Sais Tout e que chegaron ata 1941. Era herdeiro de Rocambole, creado por Pierre Alexis Ponson du Terrail en 1857, arquetipo do cabaleiro ladrón non malvado que rouba para facer xustiza. Lupin é un personaxe culto, elegante e sedutor, que emprega tanto a forza como a astucia para restaurar a lei, malia estar no outro lado dela, ou polo menos a xustiza a prol dos pobres.

O modelo do ladrón de luva branca é o dun individuo, xeralmente de orixes aristocráticas, que leva unha dobre vida, unha delas oculta, que lle permite restaurar os dereitos vulnerados, por simple reto persoal. Nun rexistro semellante ao de Arsène Lupin, E. W. Hornung cuñado de A. Conan Doyle- creou en 1898 a Arthur J. Raffles, que emprega a súa capacidade e intelixencia para roubar e burlar á policía. A aparición das novelas de Arsène Lupin levaron a unha proliferación de narracións de ladróns de luva branca, como Simon Templar “O Santo”, de Leslie Chatereis (1928), moi popular nosanos sesenta pola serie protagonizada por Roger Moore.

Cando o xénero negro colleu condición propia, unha novela que reflectiu a cobiza de maneira exemplar foi O falcón maltés, de Dashiell Hamett (1928), á que seguiron novelas magníficas de condición diversa como A fuxida (Jim Thompson), A xungla do asfalto (W. R. Burnett), Diario dun ladrón (Jean Genet) ou Un día no paraíso (Eddie Little).

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Recuerda que con la entrada en vigor de la Normativa Europea PSD2 se requiere un doble proceso de validación a la hora de realizar la transacción.
Te recomendamos tener a mano tu móvil. Estamos aquí para ayudarte, 986 814 700.

Compartir el artículo

stats