Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De A froita do coñecemento

Un cómic-ensaio sobre a invisibilización dos xenitais femininos

A froita do coñecemento

A froita do coñecemento

O pasado mes de maio, Catro Ventos Editora publicou A froita do coñecemento, aclamado cómic-ensaio sobre a estigmatización e a invisibilidade do chamado “órgano reprodutor feminino” ao longo da historia (normalmente contada e dirixida por, si, exacto, homes). A novela apareceu en 2014 e, desde entón e co respaldo da crítica e a boa acollida do público, traduciuse a máis de dez idiomas; agora tamén ao galego, da man de David. Á. Álvarez Martínez (Estrada, 1972). A autora, Liv Strömquist (Lund, Suecia, 1978), é unha famosa xornalista sueca, locutora de radio e presentadora de televisión, tamén creadora de banda deseñada e, sobre todo, activista no ámbito do feminismo e das políticas de asilo.

En A froita do coñecemento, Strömquist fai un repaso a través de 144 páxinas de varios aspectos do tratamento dos xenitais femininos no tempo e desde a óptica patriarcal; fálanos da invisibilización da vulva –parte externa dos xenitais femininos–, da menstruación, do orgasmo e os mitos asociados a el, do constructo social do binarismo sexual –incluíndo un tema moi importante habitualmente ignorado: a intersexualidade– ou da síndrome pre-menstrual (SPM). Un repaso que mostra cómo a sociedade (ou señores con demasiado tempo libre) tentou silenciar, re-interpretar, inventar, modificar ou censurar o corpo das mulleres.

A creadora sueca Liv Strömquist (1978). Raquel López

Estamos, pois, diante dunha obra breve e reivindicativa que condensa moitos temas e información, sempre apoiados nunha bibliografía académica diversa e especializada. Pola gran cantidade de materia que aborda en tan pouco espazo, moita está tratada a modo de titular. Pero vai deixando moi sólidas portas que a lectora ou lector decidirá se abrir para indagar máis. Consello persoal: si, si e si. Se pensamos na estrutura convencional dun cómic, quizais haxa un “exceso” de texto, pero é unha lectura amena e adictiva. Ademais de contar con argumentos interesantes e fortemente apoiados, está tratada cun gran sentido do humor: unha novela tan informativa como divertida. A parte gráfica é meramente un apoio, pero un que funciona moi ben para soster tanto texto; con destacados claros e xogos de composicións tipográficas que transmiten, ademais, caricaturas divertidas e interludios que achegan un pouco de alivio cómico. En fin, trátase dunha boa lectura iniciática que convida á reflexión e que nos permite aprender e rir ao mesmo tempo, ambas cousas moi necesarias. Se non obrigada, é unha obra moi recomendada para os colexios. Pero, se xa te colleu fóra, por favor, dálle unha oportunidade.

Catro Ventos é unha editorial cooperativa sen ánimo de lucro que nace en Vigo en 2016, constituída por Isidro Dozo, Miguel Braña, Alicia R. Malga, Patricia Buxán e María Mediero, cunha clara orientación á publicación ética, tanto na selección de contidos como nos procesos de creación e produción. Como eles mesmos din na súa web: “Desde o comezo tivemos claro que o noso era o modelo da economía alternativa e solidaria, no que os principios éticos, ambientais e sociais son cando menos igual de importantes cós principios económicos e profesionais.”

Varios momentos do cómic-ensaio A froita do coñecemento, agora tamén en galego.

Varios momentos do cómic-ensaio A froita do coñecemento, agora tamén en galego.

Polémica no Salón do Cómic de Barcelona

Recentemente anunciáronse os gañadores das diferentes categorías dos premios da 39º Edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona, organizado por Ficomic, entidade formada por representantes do Gremios de Editores, Libreiros e Distribuidores de Cataluña. Un dos máis soados, o Gran Premio do Salón, galardón outorgado a toda unha traxectoria, recaeu en Antonio Martín (Sevilla, 1939), historiador e “activista” do cómic, en palabras do xurado Toni Guiral.

E aquí comeza a polémica: aínda que Martín está relacionado co sector, iso acontece para os roles de editor, académico e divulgador. Mais non é nin foi autor.

Moitos creadores demostraron, entón, a súa desconformidade fronte a esta elección xa que obxectan que non cumpre as regras básicas para o premio, por unha banda e, por outro, consideran que se trata dunha decisión inxusta e unha falta de respecto a un sector xa bastante precarizado. Lanzaron un comunicado que inclúe as firmas de grandes autores nacionais como David Rubín (Ourense, 1977) ou Manel Cráneo (A Coruña, 1973), no que se expoñen os motivos da queixa: “Este criterio se ha alterado […] en esta edición para otorgarlo a una figura que se ha distinguido en el campo de la edición y la divulgación, sin que se haya justificado dicho cambio de opinión con argumentos convincentes. Más allá de los méritos contraídos por Antonio […] permanece el hecho de que en el año 2000, cuando ocupaba un cargo directivo en la empresa editorial más importante del sector en España, emprendió acciones legales contra un joven autor a causa de un chiste. El Gran Premio del Salón ha sido siempre un premio que ha representado a dibujantes y guionistas de cómic, y que muchas autoras y autores veteranos todavía no han podido recibir […] Este Gran Premio es inaceptable, no cumple las reglas y no nos representa.”

Compartir el artículo

stats