Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Imprescindíbel Isaac

Radicalmente necesario

Portada do libro.

A mensaxe entre as sombras. Obra Poética de Isaac Díaz Pardo é un libro radicalmente necesario. En primeiro lugar porque Esperanza Luz Mariño Davila (Compostela, 1963) realiza unha minuciosa compilación de escritos dispersos e ignorados, co seu correspondente estudo crítico, para mostrar ao lector a faceta máis oculta, aínda que non menor, dunha figura tan sobranceira na nosa Cultura como é a de Isaac Díaz Pardo (Compostela, 1920-A Coruña 2012).

Por todos son coñecidos tres datos da súa vida: foi fillo de Camilo Díaz Baliño (1889-1936), un inmenso artista plástico asasinado polos sediciosos fascistas no Golpe militar do 36. O noso autor contaba daquela con dez e seis anos de idade e, a pesar da vivencia desa traxedia traumática, seguiu perseverando no seu galeguismo inquebrantábel e no seu posicionamento político: un republicano antifranquista. Tamén foi cofundador da fábrica de cerámicas do Castro, facendo renacer a antiga Sargadelos, traballando no laboratorio de formas con Luís Seoane e creando unha editora de extraordinaria importancia, Edicións do Castro. Finalmente as desavinzas no seo da empresa culminaron coa súa marxinación na dirección da sociedade.

O estudo céntrase na creación lírica do noso persoeiro. A primeira, datada en 1955, ten un comezo deslumbrante: “Arelan homes nova lus;/arelan as ondas praias./E o peito agarda novo ar/e o courazón nova auga”. Para publicar posteriormente poesías de circuntancias, poemas intercalados en pezas teatrais (en O ángulo de pedra e Midas) e catro carteis de cego (A nave espacial, O Marqués de Sargadelos, O crimen de Londres e Castelao) creando os debuxos e os textos poéticos, unha tradución e diversas composicións inseridas na narrativa. Unha obra de firme compromiso co País.

Como observamos, trátase dun labor exhaustivo que vai acompañado de numerosas fotografías e deseños que complementan e sitúan en contexto cronolóxico e diacrónico as obras analizadas criticamente, con rigor e documentación. O dito, un volume imprescindíbel.

DÍAZ PARDO, I., A mensaxe entre sombras (ed.E.L. Mariño Davila), Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17,86 €

Compartir el artículo

stats