Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor de Foi iso

Almudena Fernández Fariña en Belas Artes (Pontevedra)

Biblioteca da Facultade de Belas Artes (Pontevedra).

En 2019 o Centro de Estudos Fotográficos presentou o proxecto Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos, concibido co propósito de rematar a grande angueira editorial realizada polo CEF até o ano 2016, un percorrido de trinta anos de historia durante o que editaron corenta e catro libros. A exposición supuxo un punto final a unha actividade mais non un abandono definitivo pois aínda continúa o centro dedicado ao comisariado de mostras e á investigación no mundo da fotografía.

Arredor de Foi iso

Fiel á súa concepción do ámbito expositivo, o traballo de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal afastábase nesta exposición recompilatoria dos tópicos conmemorativos e optaba pola realización dun proxecto específico para o espazo de Afundación en Vigo que xiraba ao redor da historia editorial e expositiva do mesmo CEF, documentando de xeito singular a traxectoria desenvolvida e convidando a tres creadores: Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta a realizaren pezas inspiradas nas publicacións do Centro de Estudos Fotográficos. Con Cabodano II principa unha nova etapa desta iniciativa pondo ao dispor de diferentes artistas novamente os libros que ficaron dos distintos proxectos do Centro de Estudos Fotográficos, nomeadamente exemplares da colección Do Trinque.

Arredor de Foi iso

A escolla da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo), para iniciar esta nova andaina, que se vai mostrar fundamentalmente a través das redes sociais, obedece a que a colección xorde na Escola pontevedresa no ano 1993. De feito a vinculación da colección Do Trinque coa facultade de Belas Artes de Pontevedra foi moi estreita xa que dos vinte e dous que compoñen a colección, dez corresponden a persoas vinculadas coa facultade, moitas delas iniciadas no ámbito expositivo e editorial cando cursaban alí a materia de fotografía.

A primeira artista convidada para esta nova inciativa Cabodano II é a pintora Almudena Fernández Fariña que desenvolve o proxecto Foi iso, título tirado do famoso ensaio de Roland Barthes A cámara clara. “Foi iso” é para Roland Barthes o trazo inimitábel da Fotografía (“o seu noema”) porque representa o que “estivo irrecusabelmente presente, e non obstante xa diferido.” Almudena Fernández Fariña desenvolve esta idea por medio da utilización dos libros sobrantes da colección Do Trinque, publicacións de pequeno formato que a artista corta adoptando a forma de letras que compoñen a frase “Foi iso”.

Daquela, a acción da artista tórnase sintomática da nosa realidade cultural –no sentido máis amplo da acepción- porque nos presenta certas tendencias no uso do obxecto e da imaxe no mundo actual e tamén porque permite a reflexión sobre o sentido profundo, sobre o valor plural, mesmo desde a perspectiva puramente lingüístico-conceptual da imaxe na sociedade contemporánea, en que non hai practicamente ningunha tenza da nosa realidade en que non estea presente.

Título: Foi iso

Lugar: Biblioteca da Facultade de Belas Artes, Pontevedra

Proxecto Cabodano II

Comisariado: Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal

No ronsel de Roland Barthes

Segundo a argumentación da autora, que segue a Barthes, os libros (significantes) e o que escriben (significado) son como “a esencia da fotografía, ratifican o que ao mesmo tempo representan”, é dicir, os libros dan fe da existencia dunha colección que estivo “irrecusabelmente presente” e, ao mesmo tempo, manifestan un fin de ciclo: o “xa diferido”.

Os libros que escriben “Foi iso” (negativos) e as letras resultantes do seu corte (positivos), utilizan o propia moblaxe da biblioteca para integrárense no espazo: sitúarense nos andeis, nas mesas de estudo ou acomódanse nos expositores de novidades a carón dos exemplares doutros libros da colección que o público ten ao seu dispor.

A obra presentada fai fincapé no pasado dunha actividade editorial, mais a súa instalación na biblioteca de Belas Artes non é unha despedida senón unha homenaxe aos libros dunha colección que, no futuro, rescarán e/ou conservarán unha memoria, certificando que a súa existencia, efectivamente, ese “foi iso” protagonista da peza.

O traballo de Almudena Fernández Fariña tamén hai que entendelo desde o punto xenérico no ronsel do pensamento barthiano para o que a pintura, de seu, pode simular a realidade sen a ter visto, mais a fotografía funciona de maneira distinta. Para Barthes o discurso combina uns signos que teñen uns referentes, mais estes referentes poden ser e son a miúdo “quimeras”. Ao contrario desas imitacións, na fotografía non se podo negar nunca que a cousa estivo alí -o “Foi iso”-. Hai unha dobre posición conxunta: de realidade e de pasado. E, xa que esta coacción non existe máis que para ela, debe ser considerada, por reducción, como a propia esencia, o noema da fotografía. O que Barthes procura nunha fotografía non é nin a Arte nin a Comunicación, é a Referencia, que é a orde fundadora da fotografía. O “Foi iso” de Almudena Fernández Fariña cómpre entendelo, pois, como unha reelaboración práctica deste concepto.

Compartir el artículo

stats