Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha viaxe pola cor

Lepoldo Varela e a luz da paisaxe

As últimas luces.

Se algo xustifica a autenticidade dun artista, é ter unha idea de proxecto e mais a concreción dunha identidade lingüística, aspectos que definirán a súa dimensión clásica e mesmo a súa permanencia no tempo máis aló dos efémeros e evolutivos modelos vangardistas que precederon a posmodernidade. Neste senso, Leopoldo Varela (Porriño, 1929-Vigo, 2007) -de quen se está a celebrar, na Casa de Galicia de Madrid e ata o 29 de maio a mostra Un viaje por el color/Unha viaxe pola cor- sería un clásico e, sen dúbida, un dos grandes artistas da Galicia da segunda metade do século XX, un pintor que estaría á altura dos máis significativos paisaxistas españois da súa época, a quen xa as afastadas Bienais de Pontevedra dos anos 70 recoñeceran cunha ineludible vontade renovadora.

A casa amarela.

Desde a súa primeira mostra na mítica sala viguesa de Fotoclub, en 1954, e ata a que fixera no Centro Social e Cultural Caixanova, en 2004 –Leopoldo Varela, 50 años de pintura- percibimos, na sutil e subversiva diacronía emocional, o seu amor por unha natureza en continua mutación: natureza tratada como un verdadeiro estado da alma, seguindo a tradición romántica da paisaxe, a pesar de que fixera a súa primeira formación no seo dunha peculiar estética impresionista coas súas xustaposicións cromáticas e un exquisito e intenso tratamento tonal da luz que nunca abandonará. E a motivación non foi só emocional, senón a dun artista comprometido coa linguaxe como elemento de renovación: a súa capacidade reducionista estará máis emparentada coa poética da elipse turneriana e a súa axitada preabstracción de brumas, vento e velocidade que coa teoría iniciática do movemento francés do último terzo do XIX. Paixón pola levedade abstracta e a reinvención da luz de William Turner que o leva a viaxar varias veces a Londres e a estudar in situ a súa obra na Tate Gallery.

Impresión.

Pero Leopoldo Varela que, do mesmo xeito, foi un grande acuarelista e cultivou con mestría as luces veladas e transparentes desta técnica que apenas esixe rectificacións -sería premiado na devandita Bienal de Pontevedra, en 1972 cunha Medalla de Prata-, rematará por intensificar a carga matérica e reinterpretar a levidade do romántico inglés, nunha liña próxima ao Frau que, con seguridade, tamén debeu admirar. De ambos autores fixou nos seus lenzos a reinterpretación dos efectos atmosféricos efémeros e mais o ritual de fluidez e luminosidade como interpretación liberada dunha materia e dun estilo que o caracterizarán como paisaxista do natural seguindo as trazas monetianas.

Reinventou a paisaxe desde o papel protagónico da luz

decoration

Non obstante, e do mesmo xeito que acontece con algúns dos artistas de referencia do circuíto das últimas décadas –de Cy Twombly a Gerhard Richter e de Joan Mitchel a Sam Francis, entre máis-, tradutores revolucionarios do Monet máis radical de Guiverny, o dos nenúfares e medas, o que retrataba o tempo en estado de tránsito, preludio da abstracción, Leopoldo Varela soubo arrincar da herdanza daquel un discurso estético novidoso e conceptualmente moi elaborado que será o que sente as pautas da súa identidade máis recoñecible con alicerce no privilexio do devandito elemento tonal: a intensidade da cor segundo a luz, coa que progresivamente iría espindo das formas e do relato a súa pintura dos primeiros anos, cando o debuxístico e caligráfico tiñan aínda unha notable presenza nas súas paisaxes urbanas ou rurais e mesmo nas súas naturezas mortas. Paisaxes e mariñas tantas veces soñadas, convertidas en reflexos, brumas, mareas baixas, outonos ou tempestades, eiras, palleiros, solpores, bosques frondosos e misteriosos, sinestésicos pobos azuis ou esquecidos, un país verde-húmido, tardes amarelas e multicores, longos paseos polas ribeiras nos atardeceres dos seus ríos máis queridos -do Miño ao Tea ou ao Verdugo-, amenceres en Rande, entre un elenco infinito de xeografías lembradas e títulos que elevan a súa mirada á condición máis natural dunha dimensión lírica, visualizada polo autor como verdadeiro exercicio poético.

Tinguido de ritmo

As sólidas pinceladas xestuais que rozan a elipse abstracta da súa pintura, tan cálida como fugaz, onde o tempo muda en virtude da luz, recrean a consistencia do gran poemario, verdadeiro testamento dunha obra tinguida de ritmo, case baleira de imaxes, da estirpe desprexuiciada do Klee máis musical, que nos deixou como legado nas súas obras finais.

A súa mostra da Casa das Artes, Leopoldo Varela, luz e cor, en 2018, sería unha boa proba e tal vez ningún modelo como a elaborada serie sobre as Casas de cores e, en particular, O último cadro (2006), reflictirían a intensidade final do artista e a súa vontade por reinventar unha paisaxe desde o papel protagónico e multifocal da luz: auténtico manifesto dun proxecto de renovación, peculiar territorio de experiencias que habería de sobrevivir ao seu propio autor, superando as antigas referencias fauves e poscubistas coa urxencia dun minimalismo cromático e formal entre a xestualidade figurativa e unha abstracción redefinida.

Compartir el artículo

stats