Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un país como tarefa

De cando naceu o Día das Artes Galegas

Trípitico de San Gonzalo afundindo as naves viquingas, orixinal de Urbano Lugrís Freire (1908-1973).

Trípitico de San Gonzalo afundindo as naves viquingas, orixinal de Urbano Lugrís Freire (1908-1973).

Por quendas, subimos ao último andar de Librouro. As escaleiras eran estreitas coma un asubío. O andar víase dificultado por un lote de libros pousados aquí e acolá. Velaí, pacientes á espera dunha man lectora. Ao chegar á cima abríase unha sala cunha luz singular que saía de dentro a fóra; traspasaba os vidros pra esparexer na atmosfera soños de escafandro.

O propulsor de enerxía cromática era un lenzo de Urbano Lugrís. As nubes escarlatas, esféricas como imaxino o alento de Minerva, pugnan contra dunha treboada (acaso a furia de Marte) que ameaza unhas ruínas (a civilización). No primeiro plano as gallas dunhas árbores enróscanse polas marxes até crearnos certa asfixia ocular. Pero abaixo está o mar, incorruptible. O autor titulouno Son os meus amores máxicos.

Esta visita era unha parada no roteiro dedicado ao pintor que organizara a asociación sociocultural A Nave das Ideas. Da man de Carlos L. Bernárdez (colaborador habitual en FARO DA CULTURA e grande especialista na arte galega), percorremos o regueiro de maxia que Lugrís deixara en Vigo. Con especial interese lembro un tríptico dedicado a San Gonzalo, capaz de afundir os barcos viquingos con cada xenuflexión. Louvado sexa o poder de Deus! Este cativo óleo (dunha factura exquisita) admirámolo na Galería Montenegro. Por detrás traía uns versos de Álvaro Cunqueiro escritos en galego nos primeiros anos da posguerra.

O roteiro incluíase nunha magna homenaxe que a citada asociación viguesa fixo irmandada con outra na Coruña (In Nave Civitas) un 17 de Nadal de 2011. Un acto ateigado de simbolismo, pois con Lugrís (nado no norte e morto no sur) queríamos raxar as rivalidades entre dúas cidades galegas unidas atraveso da arte, historia e incluso da problemática sociopolítica. A convocatoria realizouse sob un título: “Día das Artes Galegas”. Esta foi a súa primeira edición. Así é; a orixe desta efeméride tivo parto en Vigo grazas á mente en mancomún dun monllo de mozos e mozas unidos polo compromiso coa cultura galega.

Ao pasar o ano, a segunda edición dedicouse a María Casares. A escolla dunha muller non foi casual. A Nave decidira a alternancia no xénero e na expresión artística (pintura, teatro, música…). Os actos celebrarámolos no desaparecido Bar Hipólito, nas Travesas. María Lopo, Casilda Alfaro, Abe Rábade e Paula Ríos conformaron un elenco mediante o cal coñecer a vida da actriz exiliada e poñerlle música á súa memoria. Xa en 2012 a asociación impulsou un manifesto que pedía a institucionalización do Día das Artes Galegas. O texto traía a sinatura (masculina e feminina) repartidas en sete seccións: escénicas, música, literatura, plástica, imaxe, deseño e arquitectura. Estaban Manuel Rivas, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Patricia de Lorenzo ou Isabel Aguirre. Xa a terceira edición tivo lugar en 2013, de novo no Hipólito. O escollido foi o musicólogo Xesús Bal y Gay, sobre quen nos falou Carlos Villanueva e Samuel Diz, a carón da súa guitarra. Recuncaron no piano Abe e Paula. Porén, a precariedade laboral, a militancia política, as obrigas familiares, a investigación académica ou a creación artística foron enfraquecendo a vida da Nave das Ideas. Aletargou á espera de quen puidese seguir. Mais pouco despois (2015) a Academia Galega de Belas Artes recollía esta proposta civil pra institucionalizala. A nós, quen integrábamos a Nave, pareceunos unha feliz continuación malia que se rompesen dúas tradicións: a alternancia de xénero e de artes. E a experiencia da Nave deixa unha importante conclusión: o movemento asociativo dende abaixo, impulsado por xente moza e traballadora, sen poñerse cancelas na imaxinación nin teitos na medranza, é capaz de contribuír ao progreso da cultura galega. Con mirada crítica, non acomodadiza, aberta a propostas e plural no pensamento. Porque a tarefa de construír país faise dende calquera espazo, cunha vontade de ferro e en equipo. Galiza como tarefa.

Vigo viu nacer así o Día das Artes Galegas coma hai medio século testemuñou o Día das Letras Galegas, pensado no Café Alameda da Praza de Compostela. Unha xeración tras outra sitúa a nosa cidade no corazón da patria.

Compartir el artículo

stats