Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Chalé Villa Flora

Arquitectura protexida en transo

Estado actual de Villa Flora.

A ausencia de traballos de investigación sobre os pequenos hoteis de Mondariz Balneario nos estudos académicos que abordaron a súa historia (Pérez Sánchez; 2005 e Castillo Campos; 1992), xunto coa importancia do seu papel histórico e arquitectónico, están na base deste breve artigo. O risco de derrube que ameaza o Chalé Villa Flora, un edificio protexido pola lei, debe mobilizar e activar a conciencia da cidadanía que cre que é imprescindible garantir a conservación deste patrimonio cultural agonizante e en transo de desaparición.

Primo de Rivera, no centro da imaxe.

Situado no nº 6 da rúa Doutor Blanco Nájera, o conxunto edificatorio aparece pechado na súa fachada principal por unha reixa artística de fundición, elevada sobre un zócolo granítico corrido. No ano 1923 o Villa Flora dáse a coñecer na prensa escrita,por vez primeira como chalé e “pensión familiar” que ofrece á súa clientela “comida a la española”, así como “amplias habitaciones, espléndido jardín y garage”. Xa un ano máis tarde, o seu propietario insire en FARO DE VIGO unha serie de anuncios do establecemento, que se dá a coñecer como “excelente pensión moderna. Única en su clase (recién inaugurado) trato familiar”. O titular do establecemento presume de que o seu aloxamento conta con “amplias e higiénicas habitaciones. Expléndido jardín, huerta y garage” así como con “pabellones especiales para matrimonios”. Para prestixiar a súa localización non dubida en publicitar que o chalé é “contiguo al Hotel Francés”, un dos establecementos de maior capacidade e sona da vila balnearia.

Após a morte do seu titular, Alberto Díaz González, a súa viúva Florentina Bardín Mosquera tomou o relevo á fronte dun establecemento de 11 habitacións cuxo prezo mínimo era de 10 pesetas e o máximo de 16. Segundo Paredes Pardo (2011), o chalé, malia ser pequeno, “era muy acogedor y estaba muy bien atendido”. A elección da forma “villa” para identificar a propiedade ten base na definición que dela dá o dicionario: “casa señorial que se sitúa fóra da cidade e xeralmente está rodeada dun amplo xardín”.

O historiador Jorge Barrecheguren (2017), un dos autores do “Proyecto Palmera”, centrado no estudo da relación histórica que existe en Galicia entre a arquitectura e as palmeiras, describe o Villa Flora así: “la propiedad, (...) estaba dividida por la vivienda, en forma de L, ante la que se encuentra el jardín con dos palmeras canarias. La entrada principal se encuentra en la parte derecha, con un porche flanqueado por dos volúmenes que sobresalen de la fachada y sobre el que se coloca una terraza con balaustrada. En el apartado decorativo destaca la utilización de dinteles rectos, escarzanos y de medio punto en los vanos, con falsas claves algunos, así como las aberturas en forma de estrellas de seis puntas, situadas en la frente de los cuerpos laterales”, un motivo que se repite na fachada da Quinta do Outón.

A presenza do xardín diante da fachada do noso chalé ten que ver co gusto pola integración da natureza na arquitectura que nace cos principios hixienistas que promoveron os irmáns Peinador a finais do s. XIX. Esta preferencia, en palabras de Iglesias Veiga (2014), acaba materializándose nunha “arquitectura doméstica de carácter pintoresco que daba resposta á nova necesidade das familias burguesas de dispor dunha vivenda suburbana con xardín, co que se mitificaban os beneficios da vida campestre ao aire libre, á vez que se emparentaba coas tradicións da vella aristocracia”. Na mesma clave hai que entender a presenza dunha horta situada na traseira do edificio,onde que se cultivaban boa parte dos produtos naturais que consumían os hóspedes.

Vemos un gusto pola integración da natureza na arquitectura

decoration

En 1929 aparece como titular do chalé Julio Pérez Tejada, que tivo a iniciativa de convidar a xantar “pote gallego” a Miguel Primo de Rivera, militar e xefe de goberno entre 1925-1930, durante un dos veráns que pasou en Mondariz. A ese xantar no Villa Flora “le acompañaron su hija Carmen, el duque de Almenara Alta, marqués de Sacro Lirio y otros aristócratas. Terminado el almuerzo, el Presidente recibió al general Sanjurjo, conferenciando con él durante un cuarto de hora (...). Seguidamente el Presidente se retiró a sus habitaciones” –estaba aloxado no Gran Hotel do balneario– “para estudiar el proyecto de Constitución”.

Álvarez Limeses (1936) cita o Villa Flora como un dos dezaseis “hoteles y fondas” destacados da vila termal. A maiores tiña outras dezaseis hospedaxes particulares e, por descontado, o Gran Hotel da familia Peinador. Naquela altura Mondariz Balneario contaba, ademais, con “tres cafés con billares y almacenes de ultramarinos, bazares, relojerías, peluquerías, comercios de novedades, talleres de planchado y lavado y fotografías, a más del servicio médico oficial y particular y los de manicura, salón limpiabotas y automóviles de turismos.”

En 1954 o hotel cambia de xerencia, facéndose cargo del Amelia e Antonio Antela, que amplían e modernizan o Villa Flora, o que lle permite seguir recibindo unha clientela selecta e adiñeirada, como acredita unha crónica de El Pueblo Gallego de 1955 que dá conta da chegada ao establecemento de clientes procedentes de Washington, Lisboa, Brasil, Caminha e Madrid. En 2004, pechou as súas portas definitivamente e hoxe ameaza ruína, seguindo o doloroso exemplo dos hoteis Roma e Avelino e incluso da Fonte de Troncoso.

Una ITV para os bens catalogados

O pasado 20 de abril a Xunta de Galicia publicou o Decreto 61/2021 polo que se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios (IAE), a ITV dos inmobles de uso residencial. O decreto tamén é de obrigado cumprimento para os edificios catalogados, que dispoñen dun ano para contar cunha IAE que garanta a conservación dos seus valores arquitectónicos, históricos ou artísticos.

Xa que logo, acaba de ver a luz unha nova ferramenta legal derivada da Lei 1/2019 de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia que establece unha pauta legal de protección que nace coa vocación de avaliar de forma periódica o estado de conservación de todas as edificacións, aquelas que, segundo a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, deben ser obxecto de “estudo, protección, conservación, acrecentamento e difusión” en canto que son “pedra angular do exercicio da dignidade colectiva”. Sobran leis e normativa e segue a faltar vontade para a protección activa e eficaz do noso patrimonio cultural.

Compartir el artículo

stats