Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rocío Vieitez | Tradutora

“Mociñas é unha novela máis profunda do que moitos consideran”

Rocío Vieitez, durante  a presentación de Mociñas, en Santiago. |

Rocío Vieitez, durante a presentación de Mociñas, en Santiago. |

–Como xurdiu a idea de poñer en marcha a colección “Candemaia?”

Eu levo dezasete anos facendo traducións ao galego de textos escritos na súa lingua orixinal. O que pasa é que ata hai pouco, só me dedicaba ás traducións técnicas, científicas, de carácter comercial... A miña estrea literaria foi en 2019 coa tradución dun conto de Valle Inclán, pero a idea desta colección xa viña de antes. Os libros son parte da miña vida. Eu sempre fun buscando e atopando libros que reflectisen como as mulleres vivían no mundo, como resistían e como se enfrontaban aos problemas, cadansúa no seu contexto social, cultural e histórico. En realidade, confeso que o que procuraba é que a min ese libros me axudasen persoalmenten na miña propia vida. Daquela fun dar con todo tipo de textos, algúns que reflectían problemas alleos aos meus e otros aos que me sentín moi achegada, e decateime de que a maioría deles non estaban aínda traducidos ao galego. E entón pregunteime: e por que non facer unha colección en galego con estes libros?

–E, para comezar, escolleu Mociñas (Little Women). Por que ese texto?

–Escollin Mociñas porque é un clásico e non estaba en galego. Eu xa o lera cando nena, pero digamos que a redescubrín de adulta, e apaixonóume o xeito en que esas rapazas se enfrontaban a todo tipo de situacións: enfermidades, frustracións, morte, o tránsito de nena a muller…Todas esas cuestions encaixaban moi ben na idea e mais o obxectivo que eu tiña da colección “Candemaia”, que son os de facernos pensar, que nos remexen a conciencia, que nos fan recapacitar e, despois, por suposto, actuar…Eu son das que penso que dende as visións que nos dan os libros se pode construír un tecido social máis humano.

–Moita xente coñece Mociñas polas súas versións cinematográficas. Achéganse á realidade que se conta no libro ou adoitan caer no superfluo, no anecdótico…?

Case sempre é así, adoitase caer no clixé, pero abofé que o texto é moi rico e máis profundo do que no-lo presentan na películas. A súa autora, Louisa May Alcott, foi unha muller adiantada á época na que viviu, segunda metade do século XIX; era unha muller reformista, abolicionista, independente economicamente, defensora do sufraxio feminino, do ensino e do dereito á formación cultural e científica das mulleres…e esa é precisamente a visión que transmite no libro. E non, Mociñas non é só a historia “happy flower” dunhas nenas, é moito mais. Hai na novela reflexións importantes sobre a vida que comprendes mellor se es unha muller. Esas rapazas de Mociñas caracterízanse pola súa vontade de superarse a si mesmas, de solventar os problemas, de non deixarse abater; e, por outra banda, temos a esa nai que sempre está no seu sitio, que ensina sen forzar, e todo isto merece unha lectura realmenteseria do texto.

–Unha difultade engadida debeu ser a tradución dun inglés que non é o de hoxendía, senón o do século XIX. Porque supoño que Vde. traduciría a obra ao galego dende o idioma orixinal no que foi escrita a novela, non dende o castelán….

Por suposto. Iso para min é unha cuestión de ética. As tradutoras temos a obriga moral de traballar co idioma orixinal. Neste caso, ademais, traballei coa primeira edición, que por certo era ilustrada. O que pasa é que, iso si, o galego de Mociñas é o galego actual, non o do século XIX, claro .E non foi doado, non: atopeime, con expresións, nomes, lugares e até cancións incluídas no texto ás que tiven que lle dar voltas para, sen perder a súa esencia, atopar o seu equivalente máis axeitado no galego dos nosos días. Tiven sempre claro que Mociñas non ía ser unha adaptación nin unha versión de Little women, senón unha traducción.

–Todos os libros de “Candemaia” levarán unha “pegada” de home. Pódeme explicar este detalle?

–É un desexo expreso meu. Nas primeiras páxinas de cada libro de “Candemaia” haberá un limiar, unha poesia, mesmo un cadro feito por un home que faga alusión ao espírito desta iniciativa. Eu non son desas mulleres que semella que odian os homes, que son intolerantes con calquera cousa que “cheire” a masculino. Eu no que creo de veras é nunha sociedade igualitaria entre homes e mulleres. No fondo,o que pretendo é incluír os homes na causa do feminismo, pero dun feminismo ben entendido e, sobre todo, pacífico e tolerante.

–Son os tradutores os grandes esquecidos da literatura?

O dos tradutores é un labor invisible que rara vez se valora; somos como eses actores secundarios do reparto aos que ninguén recoñece. Non me extraña que cáseque ninguén poida permitirse o luxo de vivir da tradución, e iso que, como moi ben explica Méndez Ferrín, sen as traducións no existiría iso que chaman Literatura Universal.

–Por certo, e despois de Mociñas…

Teño moi adiantado Soños do limiar. Memorias dunha nena nun harén (así vai ser o seu título en galego) dunha autora marroquina que se chama Fatima Mernisi, quen recibiu o premio Príncipe de Asturias das Letras en 2003, e faleceu en 2015. Ela era socióloga, feminista e profesora de Universidade. Este é un libro autobiográfico, moi tenro e moi bonito, no que conta a súa vida en Marrocos nos anos 40, aínda co Protectorado español e francés, e nel relata as limitacións que padecían as mulleres ao tempo que nos amosa as súas reflexións.

-Pódeme dicir por que lle puso ese nome a esta colección?

-É unha homenaxe ás miñas fillas, Candela e Amaia.

Compartir el artículo

stats