Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lúcida tradución

Baudelaire desde Xela

Lúcida tradución

Celebrouse o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias cun notabilísimo éxito na divulgación da súa obra e nas análises da súa figura humana e literaria. Curiosamente, a faceta pola que foi recoñecida, o seu facer poético, resulta escasa se atendemos ao número de textos que nos legou, aínda que intensa no seu périplo vital (participou en numerosísimos recitais, concertos e lecturas multidisciplinares). Porque a actividade que máis a ocupou e preocupou ao longo da súa existencia, aquela que absorbeu febrilmente os seus soños e vixilias, foi a de tradutora. Nada máis e nada menos que cincuenta títulos testemuñan un labor tan arduo e produtivo no tempo, unha querenza e un desafío tan deliberadamente procurados.

O spleen de París de Charles Baudelaire, publicado en Laiovento cun informado prólogo de Xesús González Gómez, é mostra inequívoca do antedito. Por que Xela o escolleu para o trasladar á nosa lingua? Trátase de cincuenta textos escritos en prosa poética publicados postumamente en 1869. Eis a primeira rebeldía. O literato francés dinamitou a fronteira que escinde a poesía da prosa instaurando un novo xénero (que culminará no extraordinario Les iluminations de Rimbaud). Nel atoparemos unha aversión á vida metropolitana, á súa hipocrisía, mais tamén un elemento basal da modernidade: a melancolía contemporánea, a mestura de fastío e fatalismo, de desencanto e de pavor polo fuxir do Tempo. Contra todas esas deficiencias do espírito, Baudelaire propugna a ebriedade, física ou metafísica: “Cómpre estar sempre bébedo. Para non sentir a horrible carga do Tempo que vos esnaquiza as costas e vos derruba na terra, tedes que embriagarvos sempre. Mais, con que? Con viño, con poesía ou con virtude, como queirades. Pero embriagádevos”.

Sen dúbida ningunha Xela Arias identificouse con esa declaración de principios contra unha sociedade inxusta e pacata que non podía admitir nin como cidadá nin como escritora. A súa tradución, fielmente lúcida, devén proba irrefutábel deste desiderato.

BAUDELAIRE, Charles, O spleen de París, Laiovento, Santiago, 2021, PVP. 14,96 €

Compartir el artículo

stats