Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

China: a fortaleza comunista

Desde o pensamento Mao ao xiísmo

Xi Jinping e outros dirixentes do PCch durante un acto político.

A chinesa é unha das grandes civilizacións milenarias que persisten na actualidade. Neste sentido, a cen anos da fundación do Partido Comunista da China (PCCh), semella que dita organización vai culminar o obxectivo histórico de modernización dun país que no ano 1912, cando a revolución Xinhai deu paso á república, parecía imposible de acadar; sobre todo se temos en conta que as guerras do Opio (1839-1842 e 1856-1860) contra o Reino Unido e mais a guerra sino-xaponesa de 1894-1895 debilitaran a fortaleza dun imperio que, segundo a lenda, fundaran os tres augustos e os cinco emperadores hai case 5.000 anos.

Mao Tse Tung/Mao Zedong (1893-1976).

Camiño da revolución (1912-1949): Foi ao longo desta xeira cando o PC chinés definiu os seus principios reitores: nacionalismo, democracia e benestar do pobo. Asemade foi neste momento cando se definiu o “pensamento Mao”: isto é, a integración do marxismo-leninismo coa realidade concreta chinesa, salientando que non se poden realizar copias miméticas doutras experiencias (en referencia directa á Unión Soviética).

O ensaísta Xulio Ríos (1958).

O maoísmo na construción da China socialista (1949-1976): Mao foi o líder indiscutible do PCCh dende 1935 deica 1976. Durante ese tempo tiveron lugar iimportantes avances económicos da man da industrialización e da reforma agraria. Porén, froito dos profundos debates no seo do Partido, da busca dun camiño propio cara ao socialismo -que supuxo a ruptura coa Unión Soviética-, da impaciencia e da inexperiencia revolucionaria..., a China asiste a dous ‘experimentos sociais’: o gran salto adiante (1958-1960) e mais a revolución cultural (1966-1976), cuxo balance resulta profundamente negativo.

O denguismo

O denguismo: o socialismo de carácter chinés (1978-2012): A acta oficial de nacemento do denguismo é a III sesión plenaria do XI Comité Central do PCCh (1978). Nesa xuntanza, Deng Xiaoping (1978-1990) asume a dirección do partido e sinala a ruta a seguir, rexida por catro principios fundamentais: a perseveración no camiño socialista, na ditadura do proletariado, na dirección do PCCh e bo pensamento Mao. Porén, malia esa aparente continuidade, as características desa vía ao socialismo permitirán a introdución do mercado e da propiedade, dando paso a un liderado colectivo do Partido, así como a un Estado de dereito baixo o imperio da lei.

A chegada de Jiang Zemín (1990-2002) ao poder, supuxo o inicio da terceira xeración na dirixencia do Estado-partido chinés. Neste período China ingresa na OMC, incorpora ao seu territorio Macau e Hong-Kong e crea varias rexións de desenvolvemento económico especial. Zemín incorporou ao pensamento comunista a teoría da tripla representatividade, segundo a cal o partido debía representar as forzas produtiva nacionais, as forzas da cultura avanzada e os intereses maioritarios do pobo, o que supón a incorporación dun certo interclasismo. Xa en 2002 chegou a vez da cuarta xeración, da man de Hu Jintao (2002-2012), quen estableceu a “concepción científica do desenvolvemento”, coa que pretende dar resposta á xustiza social e á protección ambiental, sen deixar de fomentar o desenvolvemento económico. A fortaleza chinesa con respecto aos países capitalistas tras a crise de 2008 foi un sinal evidente da superioridade do modelo de desenvolvemento chinés e do esgotamento do denguismo.

O xiísmo: No ano 2012, logo de que China avanzase na construción dunha sociedade moderadamente acomodada, chegaba a hora da quinta xeración, da man de Xi Jinping (2012-), quen establece as bases do “socialismo con peculiaridades chinesas na nova era”, que se fundamenta nas “catorce perseveranzas do xiísmo” (2017): dirección absoluta do partido; consideración do pobo como suxeito central do proceso revolucionario; afondamento integral da reforma; nova concepción do desenvolvemento; condición do pobo como dono do país; goberno segundo a lei; valores socialistas centrais; garantía e mellora das condicións de vida; civilización ecolóxica; seguridade nacional; imperio do Partido sobre o exército; reunificación e o principio de “un país, dous sistemas”; construción dunha comunidade de destino compartido da humanidade; esixencia dunha maior severidade disciplinaria no partido. Neste sentido, o xiísmo representa unha renovación do denguismo, polo que se pode definir como o pensamento que guía a proposta estratéxica que pretende alcanzar o obxectivo de modernización do país no ano 2049, coincidindo co centenario da fundación da nova China socialista.

100 anos de traxecto

Resulta imposible comprender os últimos cen anos da historia chinesa sen coñecer a historia do Partido Comunista da China (PCCh), fundado na cidade de Shanghai en xullo de 1921, coa axuda da Internacional Comunista representada por Maring, por un total de doce delegados, entre os que figuraban Mao Zedong, e cuxo Buró Central quedou conformado por Chen Duxiu (secretario), Li Dazhao (responsable de propaganda) e Zhang Guotao (responsable de organización).

En 1949, apenas trinta anos despois e baixo o liderado de Mao, tras do triunfo da revolución comunista, a China iniciou unha nova andaina histórica na que, partindo dos principios do marxismo-leninismo -adaptados ás necesidades específicas do país-, o antiimperialismo e o nacionalismo e a procura do benestar para o pobo, acadou a modernización que lle permitiu deixar atrás os tempos da decadencia e do subdesenvolvemento.

O libro que vén de publicar Xulio Ríos, recoñecido analista da realidade chinesa, titulado A metamorfose do comunismo na China (Kalandraka, 2021), é unha boa oportunidade para coñecer as tres correntes ideolóxicas que orientaron a evolución do PCCh: o maoísmo (1935-1976), o denguismo (1978-2012) e o xiísmo (2012-), identificando as continuidades, os erros e os acertos e os conflitos que forxaron a historia dun partido que está inexorablemente unido á historia do país.

Compartir el artículo

stats