Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Serse intempestiva

Unha sorte de autobiografía

Xela Arias con outras poetas galegas nunha homenaxe a Rosalía de Castro.

Xela Arias con outras poetas galegas nunha homenaxe a Rosalía de Castro.

Se me pedisen unha palabra para Xela Arias, elixiría intempestiva. Adoitamos relacionala con Nietzsche, que dixo algo así como que o pensamento será intempestivo ou non será. O intempestivo sucede cando algo que non agardabamos acontece e quedamos abraiadas, estremecidas, sorprendidas e case sen articulación vocal. Sen palabras, vaia, ou como na fala coloquial dicimos, coa boca aberta.

A autora con dous compañeiros de traballo en Edicións Xerais.

X. A. proponnos ser intempestivas para nós mesmas; e isto é de seu unha revolución. De xeito moi veloz o intelecto comeza a formular interrogantes. Como podo ser eu intempestiva para min mesma? E, en que consiste ese ser intempestiva para min? Ademais a nosa poeta engade para rematar o poema “E domea-la furia procura/da/froita/madura.”

En gran medida a súa poesía podería lerse como “confesional”. Os poemas parecen relatarnos unha vida, chea de experiencias, emocións, sentimentos, amores e desamores. Diriamos que se lemos os catro libros que asinou o saberiamos todo da autora. E así a súa obra seria unha sorte de “autobiografía” e cadraría ben coas fórmulas sobre a lírica que aínda hoxe están en uso: autenticidade, sentimento, verdade persoal. Son así as cousas?

A maior parte dos poemas de X.A. son diálogos. Cabe preguntármonos sobre esta necesidade lingüística de articularse en dous. Se cadra quen escribe é sempre a outra. Se cadra o íntimo, o máis íntimo da nosa poeta non é o que sente, non é a súa persoal existencia, senón máis ben todo aquilo que sendo o seu fóra establece o diálogo con ela. Se cadra a cidade, o mar, os mendigos, os adictos, os paseantes, as alamedas, o horror do traballo monótono, a inxustiza, a desigualdade, a sida... E se na poesía de Arias o verdadeiro sentido fose ese exterior que é o mundo e que interpela a quen é quen de ter ouvidos e ollos e intelixencia para responderlle? Diriamos entón que a obra da nosa poeta é fundamentalmente comunitaria, sen esquecer que a comunidade é o corazón de quen responde ao outro, á súa intimidade. Un eu máis grande que o eu propio. Un eu que é capaz de hospedar en si unha articulación que a propia escritura arela, esa que vén sendo un poema.

Os catro libros que escribiu Xela responden a esa procura da propia lingua de conectarse á estrutura poética da vida. Á potencia que ten a linguaxe de transformarse en poema. Poema que responde e ten en conta esa distancia, ese exilio, iso inesperado que é o intempestivo. Esa novidade coa que ninguén conta pero da que o poema e a poeta se fan cargo ao escribila.

“Si, conto co lector desde o momento en que me desdoblo (...) empregando o “eu” e o “ti” como a mesma persoa” contesta Arias nunha entrevista. E en Dario a diario lemos “¡o desterro dos pronomes, neno! “ Que sendo unha trasnada de verso é indicativo do sostemos.

Esta concepción do poema coma un diálogo no que os nomes de persoa son intercambiables abre a porta á invención de personaxes que poderían confundirse coa autora. E si, claro, todos e todas elas son Xela, pero ningunha o é. Pasa con eles o mesmo que coas imaxes fotográficas. Do lado de “Esta imperfección que fai de nós, nós...” vemos o corpo da poeta. Sen dúbida é ela, pero Xela Arias, coma calquera modelo fotográfico, está e non está. O poema, a fotografía, son a presenza dun lonxe que debemos respectar se queremos achegarnos e comprender. Non é Xela Arias quen afirma Esta imperfección que fai de nós, nós.../debúxaseme agora primavera é a escritura de Xela Arias quen enuncia un dos momentos felices deste amor que vai e vén, no que os amantes ás veces se atopan. “Fixen moitos poemas a chicos. E inventei personaxes a partir deses chicos (...)”, lemos noutra entrevista.

Ler a poesía da nosa poeta en clave diarística ou confesional sería minguar o seu poderío. Ocorre que todo poema é autobiográfico, si, na medida na que as palabras que o compoñen o son. Ocorre que un poema é unha vivencia lingüística. Ocorre que mediante esa vivencia o que facemos é achegármonos a ese acontecemento que é o intempestivo. Así o poema de Xela domea a furia dos escualos, dos ardidos tigres como cabalos na procura/da/froita/madura.

Disonancias

Chamareille disonancia a un conxunto de operacións que o poema realiza sobre a linguaxe co fin de poder escribirse. A disonancia traballa sempre en contra de Aristóteles e en consecuencia en contra da clausura semántica. Opera no nivel significativo e tamén sobre a articulación, sobre o que nos permite preguntar, negar, reflexionar e contradicirnos. Xela Arias é mestra no seu uso. Os versos “Galicia e nós nó de verbos nos novelos dos nomes” e “Íspeme o idioma e sábemo suando en sida” son un bo exemplo do que estamos a soster, pero o listado deste tipo de intervencións é extenso e nel incluímos o título Intempériome da súa derradeira entrega.

Traballando sobre a sintaxe logra facernos conscientes da posibilidade biolóxica da articulación, que é un innomeable, e lógrao usando as palabras coas que si pode nomear, coas que si pode escribir. Igual procedemento, se ben a nivel semántico, cifrou Rosalía nun poema como “Negra sombra” no que podemos tocar o horror do innomeable a través do ir e vir da negra sombra que aínda hoxe nos asombra.

Xela Arias é quen de alzar imaxes do calibre da seguinte que é tan só unha mostra a auga do mar cando me afoga/son brazos de rúas que cruzan cidades.

O poema será negra, será contaxio, será intemperie, será intempestivo, será disonante, abeirará no seu corazón o innomeable, será mortal ou non será.

Compartir el artículo

stats