Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado Mestre, ex director de Edicións Xerais

“Xela Arias apostou por reinventarse coma un Lou Reed feminino en galego”

Manuel Bragado. Eli Regueira

–Cando Xela Arias dá os seus primeiros pasos literarios, Vde. aínda non traballabas en Xerais. Cando comezou a oír falar dela e da súa obra e cando e como a coñeceu persoalmente.

–Comecei o contacto con Xerais en 1986, cando era director Luís Mariño e a editorial publicou o primeiro número da Revista Galega de Educación de Nova Escola Galega da que eu era entón coordinador do consello de redacción. Foi daquela cando entre os ires e vires das probas da revista e do envío das subscricións coñecín os membros do cadro de Xerais, do que formaba parte Xela Arias dende o seu inicio. Coincidiu tamén coa publicación de Denuncia do equilibrio e de Polaroid de Suso de Toro, dous libros que me impactaron e sempre considerei moi representativos da Xerais daquel tempo, como Amantia de María Xosé Queizán ou a triloxía de Ferrín en edicións ilustradas acartonadas, deseñadas por Pepe Barro e Xosé Díaz e producidas por Xosé García Crego de Arnoia, Arnoia, Amor de Artur e Retorno a Tagen Ata, nas que participou Xela Arias como editora.

–Na biografía Intempestiva (Galaxia, 2021), Montse Pena califícaa de muller adiantada ao seu tempo. En que senso foi Xela unha muller efectivamente adiantada á súa época?

–Xela Arias foi unha auténtica pioneira, tanto como poeta, editora e tradutora, eidos literarios dos que se ocupou desde os vinte e pouco anos. E foino sobre todo porque asumiu a independencia como primeira regra vital, foi unha muller dona de seu, mantendo sempre unha actitude coherente e afouta, tamén rebelde e transgresora, que a levou a rexer sempre a súa vida adoptando decisións non sempre doadas. Aos dezaoito anos decidiu abandonar os estudos de COU e dez anos despois, cando era unha editora experta de textos literarios, incorporarse á universidade. Foi pioneira como editora, probablemente a primeira que se ocupou da revisión de textos, labor que asumiu con rigor e a meticulosidade que requiría. Foi pioneira, tamén, como tradutora, cando aínda non existían en Galicia as titulacións de Tradución e Interpretación, desenvolvendo un catálogo traducido de case cincuenta títulos, tanto de literarios como de investigación e divulgación. E foi pioneira como poeta nun entorno xeracional moi masculino, o da Xeración dos 80, o que non lle resultou cómodo nin doado, apostando por reinventarse como un Lou Reed feminino en lingua galega.

–Outra biografía, esta vez de Yolanda Castaño, publicada por Xerais, titúlase Xela quería quixo ser ela e di, entre outras cousas, que “quería queimar vellos prexuízos, rebelarse contra as imposicións, non deixarse guiar por modelos de segunda man”. Todo isto reflectíuse só na súa personalidade ou tamén o aprezamos na súa obra literaria?

–Esa vontade de seu, recollida en versos memorables como “Independénciome para que eu saiba onde quero estar atada, onde as fronteiras ou a morte das fronteiras”, levouna a construír unha obra poética cubista, na que retorcendo as palabras, procurándolle as arestas, pretendía atopar a mestura xusta de ideoloxía e ritmo, o que nunha autopoética, despois de publicar Denuncia do equilibrio, definiu como “intersección de ideoloxía melodía”. Compréndese así mellor a súa autoesixencia para publicar en formato de libro e a súa vontade de deixar inéditos manuscritos como Lilí sen pistolas, que presentara sen éxito ao premio Esquío, ou Maldito lindo do que falaba nos recitais. Asumiu a comunicación poética con formatos expandidos sobre outras artes, un convencemento propio do seu carácter de artenauta, membro da viguesa Fundición Nautilus, que a levou a colaborar con ilustradores, pintores, fotógrafos e músicos.

–Ademais de poesía, Xela publicou relatos. Resulta curioso que a mesma autora escribise Contos eróticos(Elas) e, ao mesmo tempo, narracións infantís. Haberá que chegar á conclusión de que Xela, ademais dunha excelente poeta (que xa é moito), era tamén iso que se chama unha “escritora total”?

–Xela Arias publicou esas narracións que citas ás que habería que engadir outro relato titulado Por anticipado recaída dun mal que impide o voo, un texto sorprendente que ocupou toda unha páxina daquel incrible Pharo the Bego, o suplemento bimensual de FARO DE VIGO, dos anos da Movida. Tamén publicou unha serie de artigos dominicais no Xornal Diario (1992) e explorou o guión audiovisual para a TVG. Xela Arias non foi autora de literatura infantil, a pesar do interese biográfico que este ano poida ter a publicación de Non te amola! (Galaxia 2021). Foi, porén, co-tradutora de títulos claves no desenvolvendo do primeiro catálogo da literatura infantil e xuvenil en galego, como Contos ó teléfono de Rodari ou As bruxas de Roald Dahl.

–Falando do de “muller adiantada” que diciamos antes, Vde. cre que Xela foi tamén unha escritora adiantada na literatura infantil, ben sexa polos temas que tocaba ou polo xeito en que ela escribía para os rapaces?

–Non te amola! é un exercicio valioso de autoficción e memoria dos días de infancia que pon en evidencia o celme no que foi educada no berce natal de Ortoá e a Vilerma, onde prendeu na lingua galega, o alicerce e pouso dos afectos sobre o que construíu o seu proxecto como poeta, mais tamén como editora, tradutora, docente e cidadá. Xela Arias asumiu que a herdanza da lingua familiar dos avós a obrigaba a intentar frear o proceso de seca e desertización do idioma galego, que ela concibía como punto de encontro xeracional, como defendeu no pregón que pronunciou hai vinte anos en Vigo, con motivo do 17 de maio.

–Aos cualificativos antes ditos, quizais habería que engadir que era unha muller valente. Dígoo porque non calquera, naqueles anos, publicaría un poemario como Tigres coma cabalos no que os poemas alternan con fotos dela, núa. Daquela Vde. xa traballaba en Xerais. Pódeme contar algo do proceso de edición dese libro e como foi recibida a proposta na editorial?

–Tigres coma cabalos formulouse como un proxecto de dous creadores, a poeta e o fotógrafo que intercambian 24 pezas en cadanseu medio e en cadansúa soidade. A edición en formato libro foi moi coidada formalmente, como foron todos os seus catro libros, deseñada en Xerais por Miguel Vigo, ao que acompañou unha exposición itinerante concibida por Xela Arias e Xulio Gil. A aparición de persoas núas, entre elas a propia autora dos poemas, foi entendida por determinada crítica como dunha obra erótica. Xela Arias negouno nunha intervención memorable nunha mesa redonda un ano despois sobre Muller e Literatura na que se afirmaba na súa concepción da escritura como un acto de liberdade e no seu compromiso de escribir dende si mesma.

–Un labor importante de Xela foi a tradución: Era rigorosa cos autores que traducía ou, de cando en vez, engadía cousas propias?

–Era tan rigorosa no traballo de tradución como no de edición como na propia escrita dos seus poemas. Concibiu a tradución como un traballo colaborativo, no que varias persoas participaban no proceso de anosar o texto orixinal. Fíxoo en traducións emblemáticas e tan distintas como o Dublineses de Joyce, o Quixote ou os cinco álbums de cómic da serie Franka que tanto a divertían. As súas colegas de tradución como Debora Ramonde ou Lidia Iglesias confesan que Xela Arias se ocupaba da derradeira versión do texto, “era a súa a man da mestra”.

–Vde. xa era director de Xerais cando Xela publicou Darío a diario, poemario no que fala da experiencia da maternidade. Sabíase xa que estaba a escribir ese poemario ou díxollo cando o libro, tan íntimo e persoal, xa estaba rematado?

–Nas conversas frecuentes dos xoves falabamos moito da crianza e da educación dos nosos cativos. Xela Arias acreditaba na necesidade do acompañamento emocional dende o asombro que supón comprobar que ese é o mellor vieiro para acadar unha educación en liberdade, un suxeito que non nos pertence mais co que mantemos a obriga de contribuír na procura da súa autonomía. Velaí tamén a cerna de Darío a diario, un libro rotundamente feminista na abordaxe da maternidade, pioneiro na literatura galega ao tempo que supuxo unha fractura na súa obra. Nunca esquecerei a impresión que me produciu a foto que iría finalmente na portada, feita polo pai cando Darío tiña apenas sete días. Resume perfectamente esa idea, apenas aparecen as mans da nai termando da súa fraxilidade.

–E xa para rematar e case como resumo: por que cre que Xela Arias merecía que se lle dedicase o Día das Letras Galegas?

–A plataforma crítica A Sega homenaxeou o 15 de agosto de 2019 a Xela Arias co día das Galegas nas Letras co manifesto “Escachar a palabra”. Xustificaban así a súa reclamación do 17 de maio para Xela Arias como poeta que espallou a rebeldía ao tempo que salientaron a súa capacidade para “arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras”; para transgredir e transcender con “cada palabra escrita co sangue da vida”, fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que “retorceu as palabras, ata escachalas”. Unha elección, a de Arias, máis que acertada que axuda, ademais, a reinventar o día das letras.

Compartir el artículo

stats