Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O retorno do Rei Resentido

Arredor de Operación Nautilus

Na imaxe grande: desde Rande, Os Resentidos e a súa Operación Nautilus. Na imaxe pequena: o dúo Mallou. | FOTO: ARQUIVO FARO

Entre cines, xornais e programas de televisón, moito vemos. Acendémonos e opinamos sobre cuestións de realeza e derivados; pero se, precisamente, hai un rei nesta terra, verdadeiro e auténtico, enxebre, moderno ou, mellor aínda, atemporal e omnipresente, ese é un rei resentido. Un ghicho mergullado en augas internacionais moito maís aló de Rande, moito máis aló de Cangas, moito máis aló da indescifrable e hipnótica liña do horizonte onde o Nautilus espeta o peteiro, ata ben ao fondo, revolucionando os mares e sempre a todo filispín. Un Resentido herdeiro dos primeiros oitentas, dos Residents máis doentes, do “dálle beibe, dálle!” e das noites de “sol ié-ié” en tempos de eterno San Martiño e cerimonial matanza do porco. E o tempo, que logo pasa, vaia se pasou e alá se levou con el unha, dúas e case tres décadas. Vinte e oito tacos exactamente dende aquel Xa están aquí (1993) con aires de despedida e con aquel aviso sobre a chegada duns marcianos que viñan a paparnos a empanada de rexóns. E mira que estabamos avisados eh!. E o rei Resentido que levamos dentro, aló quedou máis orfo que Mowli nesa maldita e hortera selva de acordes importados e modas do carallo. Mais a sorte foi que detrás de todo aquilo quedou sementado moito rego e moito labradío, e é que antes de baixar a reixa, os rapaces deixárono ben currado.

Detrás chegaron vagas, pero das boas, de músicas galegas auténticas e entendibles. Nun galego de rúa, de aldea, de cidade, de mar e de universo. Así todo comezou a cadrar. Punkis, hevis, bravús, pops, folkeiros e claro, tamén rapeiros, cada un dunha aldea, dunha vila, ou dun torreiro. E os Resentidos estaban alí detrás de cada canción, aínda que eles non o soubesen e ao mellor ti tampouco, pero vaia se estaban murmurando polo calado un “presentes!” en cada recanto daquela vizosa escena que non paraba nin para de medrar. Agora, de novo e aproveitando a infinita regalía da sempre imprescindible parada do Nautilus en Vigo, o Capitán Nemo terá que comprar o disco novo e poñerllo a tripulación e invitados para dar luz no máis escuro das profundidades, que por algo, digo eu, o titularían Organización Nautilus. E claro, o disco soa fantástico e caralludamente arranxado, gravado, e tocado e ao poñelo non teño dúbidas do que tal estou a escoitar.

Máis algo hai desa nostalxia daqueles tempos que irremediablemente sempre me traen as rimas e a voz de pexego e taberna do fodido Reixa. E a viaxe vírase de novo tan doméstica e familiar que parece que un fose enganchado do teléfono cos auriculares, sufrindo psicofonías saídas do centro do meu cerebro. Cancións tan cercanas, tan altamente poéticas e tan divinas no seu argumentario máis punk e, se me apuras, incluso máis nihilista. Pero non pensen que o disco é unha volta ás orixes en busca do tesouro agochado baixo un cardo nas Cíes hai vinte anos, pois nada máis lonxe da realidade. “Anti-sistema”, “Money for free” “A revolución non será televisada” ou “oOganización”, e só por citar algunhas das pezas, non poden estar máis lonxe de ningunha intención do grupo de ir amarrar o resultado. Organización Nautilus (xa en todas as plataformas) é un disco tan actual coma o telediario do 24h, no que se fala do mundo que nos toca, pero con toda esa retranca, intelixencia e orixinalidade que tan só uns poucos coma os Resentidos son quen de ceibar.

Ostras! calade! que fala o capitán: “pois moi ben, señor Aronnax, estámoslle na baía de Vigo e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos” … Pois nada; alá vou beibe, que o conto ben merece a pena.

Desde Boiro, Mallou

Mallou V. Neira

Mallou son unha nova formación saída das augas salgadas do Barbanza. Un dúo de guitarra eléctrica e voz que, partindo do soul, do blues, do country e do folk americano navega, vento nas velas, cara caladoiros moito máis próximos á música galega de arrecendo a beloco, a peirao e a tradición. Con referentes tan inspiradores como Rosalía de Castro, Narf ou o propio Xoán Vello Mallou, avó da vocalista do grupo, e mestre gaiteiro compositor daquel emotivo e xenial “Pasodobre de Mallou”, unha das pezas máis fermosas do mundo e sempre no máis alto do olimpo da nosa tradición músical.

Sabela Rey e Benxamín Vázquez crearon o proxecto, segundo eles mesmos din, como consecuencia natural dunha viaxe conxunta e individual por linguaxes cruzadas e encontros de realidades, xéneros e estilos que irremediablemente tiñan que confluir en Mallou. Unha paisaxe sonora tan evocadora como aloumiñante, Stratocaster, voz e caldeiros de sensibilidade empapando todo de arriba a abaixo. Fermosamente cantado e fermosamente tocado. Cru, doce, sensible e cheo de matices para disfrutar.

De momento podemos escoitar tres pezas penduradas, cos seus videos correspondentes, no seu canal de youtube. “No profundo”, “Berra” e “Bos amores”, as tres feitas en inmaculado directo dende os Pouland Studios, co productor Iago Pico aos mandos e con Pedro Galbán, David Rodriguez e Daniel Pérez na videocreación. Ademais co encanto dun vestiario que todo o tingue dunha atmosfera enxebre e moi especial. Desde Boiro, Mallou, apuntan a ser un deses regalos para calquera escenario e calquera tribo na platea. Estaremos atentos ás axendas culturais nas que de certo que axiña encherán eventos co seu nome.

Compartir el artículo

stats