O fotógrafo Pablo Abreu, nado en Vigo en 1976, desenvolve unha carreira artística internacional de amplo currículo que o vai levar este mesmo ano a expor en Milan, na mostra Seasons do colectivo Progressive Street. O seu traballo, que el mesmo define como fotografía de rúa, permite que asistamos como espectadores a unha constante translación, no sentido físico e tamén no sentido formal e técnico, unha constante viaxe en que as imaxes percorren diferentes ámbitos sociais e xeográficos, evidenciando a vontade do artista de capturar historias ao longo dos maís variados ámbitos urbanos. Somos transportados a unha perpetua reflexión e diálogo entre a percepción humana e o medio que nos rodea, inscribíndose nunha corrente artística que historicamente se ten centrado na edificación dunha conciencia do diálogo do home e o mundo, un mundo que abala entre o “natural”, o “social” e o “íntimo” ou persoal. Na obra de Pablo Abreu, como en calquera obra que implica relación do “eu co “outro”, maniféstase o troco, o afecto, a dualidade, creando, xa que logo, unha identificación do artista co medio que quere amosar.
A súa proposta temática, que xira ao redor da captación do instante elocuente nun contexto urbano, non fai máis que pór en evidencia, e en valor, a gañada identidade do medio fotográfico, e reafirmar a intensa autonomía do novo medio fotográfico, logo de 150 anos de frutífero percurso na procura dun sentido propio como medio de creación. O artista é así un elo, consciente e lúcido, inserido na construción do discurso estético da fotografía moderna.
Cómpre termos en conta que a principios dos anos oitenta xorde unha nova actitude cara a fotografía, que centra o seu interese máis no seu uso para finalidades conceptuais que nas puras intencións estéticas ou documentais, características dos seus predecesores, consolidándose daquela unha mudanza total na maneira de entender o medio, que terá como consecuencia unha diversidade e unha liberdade de enfoque absolutas, aspecto do que a obra de Pablo Abreu é un excelente exemplo, non porque se interese por desenvolver unha fotografía de tese ou marcadamente experimental, senón porque a pureza e clasicismo das súas imaxes é fillo dunha liberdade que non se podería entender sen os procesos seguidos pola fotografía nas últimas décadas.
Naturalmente, a obra do noso fotógrafo abrangue os principais temas de interese dos creadores: a identidade, o rostro, a ligazón co medio ou a cultura do cotián, cunha marcada variedade formal, que se configura como un auténtico caleidoscopio da modernidade, coincidindo nos intereses temáticos e formais con algúns dos máis interesantes creadores do noso presente mais tamén con auténticos clásicos como Ansel Adams ou Cartier-Bresson.
Na súa obra aparecen moitas das preocupacións do momento, desde a vontade de captación cronística da realidade por medio de imaxes directas e impactantes, até a intensa reflexión sobre o ser humano. A obra de Pablo Abreu é, pois, unha indagación no substrato cultural e social do noso tempo, unha indagación en que o ollar é o fundamento e posibilita unha cadea de suxestións e reflexións.
Moi interesante é a captación dos rostros. Observamos que aínda que nos sitúa no plano técnico na modernidade máis absoluta, tamén se percibe esa continuidade, a evidencia de que a representación do rostro se inscribe no ronsel dunha longa tradición, con sorprendente fidelidade á mesma, como se o canon retratístico renacentista se perpetuase.
Unha aura de verdade
Pero partindo desta tradicióndo Renacemento, asistimos na obra de Pablo Abreu a afondamentos, a intensificacións da percepción, que son claramente contemporáneos, e que os ollares son ben diversos, mais no profundo, as miradas permanecen –é esta é unha das grandes virtudes da obra do noso fotógrafo-, como se a face quedase paralizada, dotada dunha aura de verdade profunda, por moita distancia que lle acrecentemos á representación. A destacar a capacidade de suxestión coa que o fotógrafo capta o ollar.
“O tema da obra é a toma de conciencia en si mesma”, a frase de Paul Valéry que eu tomo de Vila-Matas, ben pode resumir o conxunto da obra de Pablo Abreu. A procura da imaxe exacta, verdadeira é unha actitude de busca que semella moito a loita por conseguir a palabra exacta para algúns poetas, que converten o axexo das verbas nun eterno palimpsesto, un constante escribir e reescribir. A imaxe do palimpsesto resúltame iluminadora ao aplicala ao mundo fotográfico que na era dixital se converte nun constante fixar e borrar e novamente fixar, nun exercicio de permanente pescuda. A final nestas imaxes, cheas de referencias estéticas e dun rigor formal que ten no encadramento o seu alicerce, está a experiencia persoal que fica inmobilizada, eternizada e na cal percibimos a sombra da vida agarrando ese minúsculo mapa que chegamos a coñecer, que é o noso decurso vital, que é a nosa experiencia, o noso lene esvoazar, o noso po que é definitivamente o que todos somos.