Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sentida homenaxe

Memorias de mestras

Dora, fascinada polo carácter e mais o traballo da súa irmá Pura (Vázquez), decide dar a coñecer momentos significativos na vida das persoas máis importantes para ela e, a través destes recordos, valora o seu legado no que constitúe unha homenaxe que se pode facer extensivo a todas aquelas mulleres que, dando aulas ou non, foron mestras, aquelas que camiñan co rostro ergueito e deixan pegada en forma de consello, poema ou conto.

Diríase que Arantxa Nogueira (A Coruña, 1987) pon a súa pluma ao servizo da protagonista que toma a palabra para explicar como se van xestando os libros que ela e a súa irmá, por separado e a catro mans, dan ao prelo nunha época na que a publicación de textos non era precisamente unha tarefa doada. Quizais os seus traballos de mestras e o oficio que depositaban na súa execución levounas a verquer en papel os seus sentimentos e as súas reflexións acerca do mundo que as rodeaba dentro e fóra do país.

O título A mestra corremundos dános xa unha idea do carácter de Pura que procura substento e desenvolvemento persoal na súa Ourense natal, onde recibiu aulas de Otero Pedrayo; en Segovia, Sevilla, Toledo ou Madrid, onde impartiu clase; en Caracas, onde se encargou dun xardín de infancia ou en Bos Aires, lugares nos que entrou en contacto con moitos galegos e galegas na diáspora e que lle achegaron unha perspectiva da terra, unhas veces similar á que ela xa posuía e outras non tanto, e que agora idealizaba se cabe, moito máis, porque a distancia tende a mellorar visións ou mitigar dores. De regreso a España a finais da década dos sesenta e de volta a Galicia nos oitenta onde fina tendo contemplado o monumento que ás irmás Vázquez lle erguen no Parque do Barbaña conmemorando así o vínculo entre elas e as súas achegas á historia da literatura galega.

NOGUEIRA, Arantxa, A mestra corremundos, Cuarto de inverno, Arzúa, 2021, PVP. 12, 50 €

Compartir el artículo

stats