Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poesía de sempre

Palabra febril, palabra consoladora

A colección “Letra inversa” da editora Toxosoutos merece os nosos parabéns. Ante todo porque publica volumes íntimos, de fermosa feitura, breve formato e case sempre longa intensidade. Ana María Barral (Portovello, Guitiriz, 1966) estréase como poeta con Versos do desasosego, título que homenaxea o Livro do desassossego do xenial Pessoa. O lector constatará que a primeira letra de cada par de poemas segue unha secuencia alfabética. Deste xeito achamos un elemento primordial de toda literatura, o seu carácter lúdico. Desde antigo sabemos que o xogo é unha das actividades máis serias que existen. De aí que noutra peza (a dedicada á COVID) atopemos un acróstico e, ao longo doutros versos, numerosas referencias a vates venerados. Como ao Cunqueiro surreal nesta bela paráfrase: “Cegoñas teño no meu tempo de faros e auga/claros litorais bailando xeográficos e lixeiros,/vidros de cores estelares,/correntes de arcos de vella mornas coma amores”. Ou ao ben amado Manuel Antonio: “Os paxaros dispersos/que facían con noites de auga/tristes cócteles sen repouso/enchéronnos de neboeiros”.

Habitan neste poemario os grandes temas da poesía de sempre: a infancia que foi e se nos foi, a vida familiar perdida, a distancia coa terra que nos fixo, o inquietante fuxir das idades concretado nas cousas, nos obxectos: “un cristal de sales, opaco./Un día de feridas./E nós, no soño,/no vagar dos anos,/abrindo atardeceres(...)/sen mañás,/coma unha lei”. Ou como algo perdido en desperdicio: “Tiñas os petos cheos de ontes/que che ían caendo sen saberes”. Tamén atribula o peito da escritora o fastío dos románticos: “o tedio consómenos agora/nunha crise a deslizarse, azul”. Ou o adeus que establecemos co que amamos: “No muíño dos ventos cobizosos/despídome,/nos prados que eu andaba”. Se a composición inicial proclamaba a palabra como elemento perturbador e febril da consciencia, no final da obra acaba sendo consoladora fronte á dor: “Zoa un aire lunático./As tardes pasan como unha autoestrada/no medio do po”.

BARRAL, Ana María, Versos de desasosego, Toxosoutos, Noia, 2021, PVP. 10 €

Compartir el artículo

stats