DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O fondo da Galería Montenegro

Itinerarios artísticos do século XX

O fondo da Galería Montenegro

O fondo da Galería Montenegro @EliRegueira

Unha parte relevante do fondo da galería Montenegro, que se pode contemplar no seu local da rúa viguesa de Marqués de Valladares, permite seguir con sobranceiros exemplos distintos itinerarios da pintura e escultura do pasado século e inicios do actual nos contextos galego, español e internacional. A mostra ofrece unha ampla panorámica dos fondos, constituídos, basicamente, por arte galega e española, do século XX até a actualidade, cuns criterios que semellan guiados por un esquema canonizado máis sempre, ben e certo, con notabilísima calidade.

Algunhas das obras que integran os fondos da galería.

Algunhas das obras que integran os fondos da galería. @EliRegueira

Este criterio obsérvase nas obras de artistas galegos presentes na mostra que van desde a estética simbolista de Xesús Corredoyra até a obra rigorosamente contemporánea dos escultores Elena Colmeiro, Francisco Leiro, Manolo Paz e Francisco Pazos. A destacar a presenza dunha obra de especial relevancia de Manuel Colmeiro: Labregas (1928), unhas figuras de intensa forza arquetípica característica da primeira madurez do autor. Igual rotundidade ten o Carnaval (1946-47) de Laxeiro, óleo representativo da chamada “estética do granito” pola rugosa afinidade co escultórico de inspiración popular e medieval, que o artista resolve co seu especial cromatismo de ocres e tons terrosos, traballados con densidade rugosa ao servizo dun barroquismo irónico, de fábula. Completan a presenza da vangarda histórica galega traballos de Luís Seoane, coas súas naturezas mortas de influxo cubista e Eugenio Granell, destacado membro da corrente surrealista de posguerra en América, onde viviu exiliado.

Ao surrealismo remite unha destacada obra internacional presente na exposición, o lenzo Je viens du fruit Perdu (1988) do chileno Roberto Matta, unha figura central no surrrealismo a partir dos anos corenta do pasado século.Porén, o bloque máis notábel da mostra son os fondos de pintura e escultura española. Destacan pola calidade os pintores da Escola de París: Antoni Clave, Manuel Ángeles Ortiz ou José Moreno Villa. Son artistas que evidencian este contexto de asimilación das vangardas, salientando o cadro deste último Bodegón con pipa (1925), unha pintura cubista de enorme calidade, derivada do cubismo sintético, cun ar de familia con traballos dos anos vinte de artistas como Juan Gris, María Blanchard ou André Lothe.

Fondos da Galería Montenegro.

Fondos da Galería Montenegro. @EliRegueira

Ao surrealismo remite unha destacada obra internacional presente na exposición, o lenzo Je viens du fruit Perdu (1988) do chileno Roberto Matta, unha figura central no surrrealismo a partir dos anos corenta do pasado século.Porén, o bloque máis notábel da mostra son os fondos de pintura e escultura española. Destacan pola calidade os pintores da Escola de París: Antoni Clave, Manuel Ángeles Ortiz ou José Moreno Villa. Son artistas que evidencian este contexto de asimilación das vangardas, salientando o cadro deste último Bodegón con pipa (1925), unha pintura cubista de enorme calidade, derivada do cubismo sintético, cun ar de familia con traballos dos anos vinte de artistas como Juan Gris, María Blanchard ou André Lothe.

Itinerarios

Varios autores.

Local: Galería Montenegro, Vigo.

Até o 31 de maio.

Outro apartado estaría ocupado por nomes tan relevantes como José Guerrero, Manolo Millares, Antonio Saura, Antoni Tàpies ou o galego Leopoldo Nóvoa, artistas que xogaron un papel sobranceiro desde os anos cincuenta na renovación da escena artística desde presupostos que se inserían dentro das correntes do expresionismo abstracto e da pintura matérica que se converteron axiña na máxima expresión da nova arte no contexto español. Guerrero está presente cunha obra sobre papel moi característica da abstracción da Escola de Nova York. De Millares pódese ver un papel tipicamente informalista, igual que as dúas obras de Tàpies e o Saura, de quen se pode contemplar un Retrato imaginario de Felipe II (1969), podiamos definilo como un exemplo de existencialismo tráxico xa que no retrato non hai xa ideais, hai unha presenza brutal, áspera e primaria. A obra de Nóvoa Doble cuadrángulo y relieve oblícuo (2003) responde unha vontade de acoutamento e definición do espazo, elaborado en sutís contrapostos e facendo que toda a tensión se nuclee arredor dun punto de particular intensidade.

Máis obras custodiadas pola Galería Montenegro.

Máis obras custodiadas pola Galería Montenegro. @EliRegueira

A abstracción xeométrica é o mundo referencial do traballo de Andreu Alfaro e Eusebio Sempere, mentres a pintura de Manuel Hernández Mompó, moi característica do seu estilo, permite percibir a seu lirismo inxenuísta. A outra corrente, con peso importante nos anos sesenta e setenta é a pop art, que no ámbito español se conforma cun sentido crítico, esplendidamente representada pola escultura do Equipo Crónica El espectador de espectadores (1972), un monicreque que semella parodiar a policia político-social do franquismo. A continuidade, xa en solitario, de Manolo Valdés, un dos membros do Equipo Crónica, ofrece obras da calidade de El perro de Goya (1985).

As últimas décadas

O horizonte cultural das últimas décadas está representado de xeito moi atractivo, nomeadamente o dos anos oitenta, que destacou pola liberdade expresiva, a multiplicidade de liñas, conceptos e linguaxes, sen unha única tendencia dominante, aínda que en moitos creadores máis novos era notoria a pegada do expresionismo abstracto, influencia que se iría limitando posteriormente na procura de acentos persoais de cada autor. Este é o caso da figura fundamental de Luis Gordillo, presente cunha obra da serie Mosaico de 1982 e o Tríptico en azul (1990), dúas obras que permiten percibir a súa pintura como obxecto de moduladas tranformacións que o propio pintor definía cunha analoxía musical ao sinalar que a súa obra pode ser dividida en dúas partes, como nas fugas musicais tipo Bach, en que dúas melodías se intefiren entre si, mais que se dinamizan, contrapoñen e enriquecen no contacto entre elas.

Ao mesmo tempo tamén podemos seguir as tendencias abstractas e unha figuración de ecos sociais que continúan acadando logros notábeis da man de artistas como Carmen Calvo, Juan Uslé, Carlos Alcolea ou Juan Asensio que completan unha panorámica chea de múltiples suxestións para calquera espectador interesado.


Compartir el artículo

stats