Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arantza Portabales Escritora

“A miña nova novela é máis reflexiva e psicolóxica que a anterior”

Arantza Portabales. M.C.

Amor e eficacia; intelixencia e desconfianza; paixón e violencia. Eis algúns dos elementos de A vida secreta de Ursula Bas (Galaxia), título onde Portabales artella unha trama de ritmo e acción fulgurantes asemade que penetra, sen dó e cunha potencia narrativa engaioladora, na dobre vida dunha escritora de sona Lourdes Varela

–Volve Vde. á novela negra, e faino coa mesma parella de detectives que creou en  Beleza vermella (Galaxia), Santi Abad e Ana Barroso. Estaban xa presentes na súa cabeza cando se lle ocorreu a idea inicial de A vida secreta de Úrsula Bas ou digamos que a historia que quería contar lle pediu nun determinado momento que recorres a eles

O remate de Beleza vermella pedía continuación. Tan logo que o rematei, sóubeno. O tempo quedou detido á porta da comisaría. Pero a historia de Úrsula non ten nada que ver co caso Alén. Ten moita máis tensión psicolóxica.

–Úrsula Bas é unha escritora de éxito. Á marxe, ou ademais, disto, en que lle  semella Úrsula a outra escritora de éxito chamada Arantza Portabales?

Eu non son Úrsula pero ela é un pouco todos nós. Este personaxe reflicte un momento vital. Ese momento en que un é quen de botar a vista atrás á súa vida e sente que necesita vivir máis intensamente. É exactamente así. A intensidade marca a deriva da vida de Úrsula e coido que todos seremos quen de entendela sen xulgala. O feito de que sexa escritora dábame comodidade para desenvolver o personaxe de xeito máis fluído. Pero Úrsula B. non é Arantza Portabales, aínda que non negarei que me encantaría vender o mesmo ca ela, hahahaha!

A vida secreta de Ursula Bas, de Arantza Portabales

A vida secreta de Ursula Bas, de Arantza Portabales Arantza Portabales

–O feito de que o secuestrador/a sexa admirador/a do secuestrado/a seu e dos seus libros é moi inquietante. Non me dirá que escribiu esta novela para espantar os seus propios medos…

Cando un comeza a ser un pouco coñecido, ten que estar preparado para que se lle acheguen todo tipo de persoas. No meu caso, case sempre son lectores agradecidos, pero si que é certo que algunhas das cousas que lle pasan a Úrsula, si que me chegaron a pasar ( con menos gravidade pero servíronme coma base para novelar estas experiencias), aínda que quero aclarar que nunca me sentín ameazada.

–Un dos eixos da novela está centrado na dobre de vida de Úrsula. Aquí vai unha pregunta dupla: a) Coñece algunhas persoas que, se puidesen, terían unha dobre vida, como Úrsula?; b) Coñece algunhas persoas que, efectivamente, teñen unha dobre vida?

Ese concepto de dobre vida non debería ser pexorativo. Son unha firme defensora do exercicio do egoísmo vital en determinados momentos. Coido que temos que ter momentos para nós máis aló dos nosos círculos familiares. Que hai que atopar anacos para ser algo máis que parellas, profesionais ou nais. Desa experiencia naceu a Arantza escritora e tamén Úrsula B. E si, coñezo xente que vive nunha semana máis vidas das que vivirei eu en anos. E apaixónanme.

 –En Beleza vermella atopábase unha clara influencia de Agatha Christie. De que autores podemos atopar pegadas en A vida secreta de Úrsula Bas?

Beleza vermella é un tributo a esas novelas de Agatha que lía de nena, sempre dende o respecto e sen caer na imitación. Coido que o conseguín porque así mo trasladaron os lectores. Úrsula é unha novela moito menos policial e máis psicolóxica. E máis que de beber de referentes literarios, coido que é froito da miña xeración, que é moi audiovisual. Nese senso, o ritmo pausado das reflexións de Úrsula mestúrase coa acción trepidante da busca, desa carreira contra reloxo para atopala.

"Non me importaría envellecer cons meus detectives, como fixo Camilleri con Montalbano"

Arantza Portabales - Escritora

decoration

A escritora Arantza Portabales

–Comezou a ser coñecida como escritora cunha novela intimista, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, pero consolidouse cunha novela de xénero negro. En qué medida que empezara a escribir esta nova novela  tivo que ver co éxito obtido coa súa anterior entrega?

Nunca escribo pensando en termos comerciais. Estou nun momento vital que non me permite achegarme a unha escrita intimista porque esa escrita leva asociado un plus de dor. A novela negra é para min evasión, sen renunciar á reflexión, pero permíteme poñer máis distancia cos meus sentimentos. Cando rematei Beleza, só podía pensar en Úrsula. Quería facer unha novela dun desaparecido pero tamén quería falar desa muller. É unha novela que reflexiona sobre o medo, sobre as crises existencias, sobre a paixón, sobre a obsesión, sobre a fraxilidade da nosa mente. E todo iso está aí, mesturado con esa acción e ese operativo de busca. Saber que o éxito de Beleza vermella traerá máis lectores a esta novela, alégrame, pero non condiciona o que escribo. A escrita é un estado vital, non un plan comercial.

–Retomando as personaxes de Abad e Barroso: vai continuar recorrendo a eles cada vez que escriba relatos deste tipo? É dicir, van ser eles os seus particulares Holmes e Watson ou non descarta “inventar” outros investigadores?

Estou cómoda con esta parella. Dáme arrepíos ver como a xente empatiza cun maltratador. Gústanme os personaxes que non son brancos e negros e construír un personaxe coma Santi Abad é complexo. Facelo evolucionar, tamén. Pero en xeral, gústame como se complementan. E desbotar non desboto nada, por sistema. 

–É que observei que, ademais de contar a historia de Úrsula, aquí continua relatando a historia desta parella. Vai facer, entón, como Andrea Camilleri que, ao paso dos anos, envellecía co seu personaxe, o comisario Montalbano?

Pois non estaría mal semellante perspectiva, aínda que non sei cara onde irán. Eles mesmos na súa relación, son coma as ondas do mar: soben, baixan e volven subir. A ver se conseguimos que os lectores queiran #MáisAbadeBarroso.

 

Compartir el artículo

stats