Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Corazón de Ferrín

Polas páxinas dun galano

“Penso que xa escribín máis do que debía”. Inquerido nos pasados días -e desde as páxinas deste mesmo xornal- por Salvador Rodríguez, tal viña ser esa a resposta de X. L. Méndez Ferrín en relación á pregunta de “se mantén gardada no caixón algunha novela, poemario... inédito ou mesmo se pensa poñerse aínda coa redacción dalgún novo texto” que veña sumarse á súa, sempre senlleira, produción creativa. Desde logo, estou ben certo de que a réplica do noso grande autor foi deixar pesarosos a non poucos -por non escribir a todos eles- dos seus lectores E é que, en efecto, xa van aló dezaseis anos desde que o ourensán dera á luz pública o seu último poemario, Era na selva de Esm. Dezaseis que se transforman en vinte e dous -No ventre do silencio, (1999)- se nos referimos agora ao espazo da ficción narrativa. Ou dito doutro xeito: tal parece que deveña moi lexítimo declararmos unha “fame de Ferrín”.

Mais acontece que, felizmente, e a pouco que repasemos as páxinas do volume que hoxe traemos a FARO DA CULTURA, si que poderemos comprobar que, en realidade, nin esa carencia chega a callar de veras nin tampouco resulta verdade a mesma afirmación -todo un exceso de modestia da súa parte- vertida polo noso protagonista.

Xa que logo, e unha vez que mergullen como lle cómpre nos espazos de No Fondo dos Espellos, tan só aqueles que persistan nunha consideración anacrónica, resesa do feito literario haberán de teimar aínda na denuncia dunha -digámolo xa- ben inexacta privación. Sen dúbida, poderíamos procurar outros moitos; con todo, vaian apenas como exemplos, como mostra viva de que estamos diante dunha verdadeira obra creativa -polo demais, de escintilante altura- as fermosas liñas coas que Ferrín describe Rianxo (“Rianxo e frores de lis”), esoutras coas que dá conta dunha Ponteceso labiríntica e pondaliana, do viño máxico que fundaron os poetas, das idas e vidas, os ronseis do Mar Céltico, da derradeira lección do mestre, dos roteiros cara á Illa do Medo ou das danzas inauditas que trenza “Mamai ursa”.

Flora e fauna dos eidos nativos -en ledizoso diálogo con esoutros versos do memorábel Estirpe-; retallos da historia de noso, narrados coa paixón dun crente irreductíbel; paseos polas cidades e vilas e os seus poboadores..., toda a particular mitoloxía -no mellor sentido da expresión- ferriniana agroma nestes parágrafos construídos co cicel do estilo, co labor da sabedoría enciclopédida e popular, pero asemade coas grandes verdades do corazón. Parágrafos, daquela, dun autor formidábel e necesario que veñen formar parte xa da nosa mellor literatura. E iso si: nunca haberá un exceso seu. Porque de X.L. Méndez Ferrín sempre estamos a agardar un galano máis.

MÉNDEZ FERRÍN, X. L., No Fondo dos Espellos, Udade. de Vigo, 2021, PVP. 14,25 €

Compartir el artículo

stats