Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cen anos de Ernesto de Sousa

Nas estéticas portuguesas do século XX

O director de cinema, teórico artístico, fotógrafo e divulgador da vangarda portugués Ernesto de Sousa (Lisboa, 1921-1988).

O Museu Calouste Gulbenkian e a Biblioteca de Arte do Instituto de História da Arte de Lisboa celebran en abril deste 2021 o centenario do nacemento dun dos artistas máis destacados do panorama portugués do século XX, Ernesto de Sousa (1921-1988). Crítico e director de cine, teórico e programador artístico, de Sousa foi unha das figuras que marcou a vangarda estética a partir dos anos corenta e inspirou as novas xeracións de artistas portugueses que acabarían por se reafirmar tras o 25 de abril.

Despois de presentar o seu filme Dom Roberto no Festival de Cannes de 1963, de Sousa comezou a contactar coas vangardas artísticas europeas como o movemento Fluxus ou as experiencias de artistas como Vostell e Robert Filliou. A finais de 1969 impartiu unha conferencia nas II Xornadas Galaico-Portuguesas que organizaran o Centro Portugués, presidido por Eduardo Calvet, e mais a Agrupación Cultural de Vigo. Co título de Arte e anti-arte, achegaba os camiños do novo cine do país irmán e viña comparalo co español e o brasileiro, ademais de facer un chamamento á participación activa do espectador na expresión artística.

Un ano despois, Calvet creaba en Vigo o Estudio Quid, un equipo de creativos especializados na produción de deseño gráfico, deseño industrial e fotografía, que formaban parte do proxecto empresarial do Consorcio Industrial do Miño. Ernesto de Sousa invitou a participar no Quid a algúns dos seus alumnos do curso de Formación Artística na Sociedade Nacional de Belas Artes de Lisboa: Carlos Gentil-Homem, Bicha Torres, José Calvet ou Isabel Alves (viúva de Sousa e garante do arquivo da obra do artista). A este grupo incorporáronse vigueses como o deseñador e debuxante Francisco Álvarez Bao, o fotógrafo Vilar Cardona e outros.O Estudio Quid e mais a Serigrafía Colorprint de Vigo, dirixida por Jorge Forneiro e Antonio Calvet, foron decisivos na produción dun dos proxectos artísticos máis salientables de Ernesto de Sousa, a obra mix-media Almada, un nome de guerra (1969-1972). Concibido como un “no-film”, tratábase dunha performance na que se proxectaba unha fita de 35 mm., en branco e negro e cor, sen son, acompañada de música orixinal de Jorge Peixinho, gravada e interpretada en vivo, e material gráfico impreso, como pósteres e autocolantes, sobre o que se proxectaban unha serie de diapositivas. Aqueles materiais gráficos, centrados no valor das palabras, foron producidos no obradoiro da rúa da Portela onde estaba o Estudio Quid.A complexidade do proxecto fixo que se presentase en poucas ocasións: na Galería de Arte Moderna de Lisboa (1979) ou na Fundación Juan March (1983), entre outras, e recentemente na Cinemateca de Lisboa (2013).

Durante os dous anos de duración do Quid o grupo deseñou e produciu carteis, diapositivas, fotografías e outros materiais que despois de Sousa incorporaría a outros proxectos artísticos como o libro O teu corpo é o meu corpo ou a exposición Do Vazio à Pró Vocação (1972) na que participaron algúns dos futuros artistas que se consolidarían no mundo cultural portugués como Alberto Carneiro, Helena Almeida e Fernanda Calhau, entre outros. A efémera vida do Quid en Vigo, que desapareceu en 1973, deixou unha pegada na obra serigráfica que se conserva na Gulbenkian e na Colección Berardo de Lisboa onde os deseños de Gentil-homem interpretaban algúns elementos da cultura galega como no póster “Unha vez”, baseado nun dos poemas de Longa noite de pedra.

Neste centenario o Museo Calouste Gulbenkian presentará o proxecto Luis Vaz 73, inspirado na obra Os Lusíadas de Camões. De novo unha mixed-media con materiais xa utilizados no Almada e producidos, en parte, en Vigo e a improvisación coa música electrónica de Peixinho.

Compartir el artículo

stats