Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No agit-prop enxebre

Álvaro de las Casas e o teatro

Cathleen, vista por William Penhallow Henderson (1915).

Aquí en Galicia, e noutros moitos países, durante o primeiro cuartel do século XX, os movementos rexionalista e nacionalista entenderon a creación escénica como un medio, inmediato e poderoso, de divulgación e propaganda dos seus idearios e programas. Abrolla entón na creación dramática e teatral unha dimensión instrumental, vinculada coa educación popular, que se manifesta de formas diversas, pero moi especialmente xerando un tipo de peza que podemos cualificar como “agit-prop enxebre”, sendo o teatro de axitación e propaganda unha constante en numerosos episodios de loita contra a hexemonía, alentado por grupos proletarios pero tamén activado en procesos de afirmación e/ou liberación nacional.

Tomamos o cualificativo “enxebre” (propio, orixinal) dos estudos de Xosé Ramón Pena sobre ás maneiras en que se produce a apropiación das primeiras vangardas europeas en Galicia. Son pois pezas, pero tamén espectáculos, que tentan poñer en valor trazos específicos e diferenciais da galeguidade (lingua, indumentaria, costumes, tradicións, historia), e tal acontece con Un vello paroleiro (1912), de Heliodoro Fernández Gastañaduy, Mal de moitos (1915), escrita e representada centos de veces polo dúo formado polos actores Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, ou nalgunhas das que asina Xavier Prado Lameiro, en especial A retirada de Napoleón, estreada pola Coral De Ruada en 1920. Ese tipo de textos buscaba crear en lectores e sobre todo espectadores, mediante a exposición de casos nos que se puidesen ver reflectidos, conciencia dos grandes problemas da inmensa maioría: emigración, caciquismo, submisión, atraso económico, perda da identidade, diglosia. E actuasen.

"Son pezas, pero tamén espectáculos, que tentan poñer en valor trazos específicos e diferenciais da galeguidade"

decoration

Por iso en Galicia, coma noutros países do mundo, temos tantos e tantos autores, e algunha autora, que mediante unha pequena creación escénica (sainete, farsa, leria, xoguete cómico ou monólogo), querían deixar constancia do seu apoio á causa. E por aí abrolla unha longa nómina de dramaturgos circunstanciais dos que deu boa conta Ricardo Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, que nos legaron ducias de textos que agardan aínda un estudo en profundidade.

O dramaturgo Álvaro de las Casas (1901-1950).

O dramaturgo Álvaro de las Casas (1901-1950).

Nesa liña de traballo, a do “agit-prop enxebre”, temos que situar unha parte da obra dramática de Álvaro de las Casas Blanco, un dos escritores máis destacados da xeración novecentista pero tamén dos máis descoñecidos, seguramente polas moitas reviravoltas da súa traxectoria pública e política. Unha andaina que comeza como activo militante dos estamentos nobiliarios e católicos de Valladolid e Madrid, continúa coa súa conversión ao galeguismo, proceso que se destila na novela Xornadas de Bastián Albor (1931), e despois animando un movemento arredista, para volver, xa no exilio suramericano, ás súas filiacións iniciais. Mais ese ir e vir polo espectro político non empece en ningún caso todo o traballo realizado no campo literario de expresión galega ou portuguesa, como editor ou autor, que cómpre recuperar e valorar. Así, foi un dos fundadores da editorial arxentina Emecé, a que pon en marcha as coleccións “Dorna” ou “Hórreo”, nas que tanto traballaron, e tan ben, Luís Seoane ou Arturo Cuadrado.

Páxinas finais da obra "Matria" (1935), de Álvaro de las Casas.

Álvaro de las Casas tiña unha decidida vocación literaria, e con vinte e un anos publica en Valladolid, Las Caracochas, unha comedia en castelán que mostra trazos do que vai ser unha parte da súa obra, que recrea a decadencia da fidalguía galega, tema recorrente noutros autores, desde Otero Pedrayo a Valle-Inclán. Pero coa súa conversión ao galeguismo, inicia unha etapa ben prolífica na que destacan títulos como O tolo de Lastra (1931), A gabilla (1931) ou Mitin (1935), pezas breves escritas coa intención de loitar pola redención dos labregos coa esperanza de que, como el mesmo afirma no prologo a Tres conversas (1931), “un fato de homes novos as aprendan para botalas por estas aldeas adiante”. Velaí a mesma estratexia que tiñan posto en marcha tantos teatros de axitación e propaganda, para encirrar a revolución nas clases subalternas. Tres pezas breves que pasados tantos anos non perderon actualidade, pois os problemas do país e das súas xentes seguen sendo os mesmos. Urxe a súa recuperación escénica.

Drama e insurrección

No eido da axitación e propaganda non cabe esquecer o “drama insurreccional”, seguindo o modelo de Cathleen ni Houlihan (1902), peza de William Butler Yeats e Lady Augusta Gregory, publicada por Nós en 1921 na versión primeira de Antón Villar Ponte. Na acción destaca o personaxe central, Cathleen, quen, figurando unha vella, pobre de pedir, anda polas portas de toda Irlanda animando a revolta contra a ocupación inglesa. Unha vella ben similar aparece na peza de Cabanillas, O Mariscal, coa que o autor quer simbolizar a Raza, a mesma que, “raíña ao par de deusa”, leva o “esgrevio relicario” aos beizos de Pardo de Cela, antes do seu “martirio”. Un símbolo.

Mais a peza insurreccional por excelencia, a pesar dun aquel melodramático, vai ser Matria (1935), onde Álvaro de las Casas constrúe a traxedia de Nela de Albán, quen personifica a Galicia rexia e rexa, cun pasado de gloria, pero tamén a Galicia irredenta do presente. Dos tres fillos de Nela, Bastián morre co mesmo mal do pai de Migueliño (Cousas, Castelao), outro perece na rebelión armada de labregos fartos de fames e consumos, e o terceiro, Xohán, ante do corpo sen vida da nai, invoca “lexións de guerreiros sagrados” para saír da “infame servidume”. Como lembra o intrépido mariñeiro, “a goleta perdeuse, a nosa esperanza non”. Así estamos, e seguimos.

Compartir el artículo

stats