Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Uxío Souto, escultor

Na figuración de entreguerras

"Campo de concentración en Francia".

Uxío Souto, nado en Xinzo (Cuntis) o 9 de xullo de 1905 e finado en México o 28 de novembro de 1999, foi un escultor galego cunha destacada obra aínda falto dun recoñecemento á altura da importancia das súas achegas ao conxunto da arte galega e vítima, en boa medida, da desmemoria causada polo exilio da Guerra Civil. Foi bolseiro da Deputación de Pontevedra entre 1927 e 1930. Grazas a esta axuda puido matricularse na Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid. A Deputación Provincial outorgoulle despois unha bolsa de viaxe que lle permitiu ampliar estudos no estranxeiro durante o curso 1930-1931.

Nun primeiro momento, Uxío Souto, participa dun contexto galego que posibilita o xurdimento duns artistas con vontade renovadora, que se van beneficiar das bolsas da Deputación de Pontevedra para coñeceren a arte internacional, como é o caso de Maside, Souto, Colmeiro ou Torres, e que en conxunto protagonizarán a modernización da arte galega.

"Galiza, Nai e Señora" ('Druidesa') [1926].

"Galiza, Nai e Señora" ('Druidesa') [1926].

Nesta altura, o escultor elabora pezas influídas pola volumetría da tradición románica e polo decorativismo barroco aplicada a unha temática social e popular. Os traballos anteriores á Guerra Civil, case sempre en madeira, son dunha estética figurativa en que dominan temas sociais desenvolvidos cun enfoque afín á Xeración Nós. Desenvolve unha obra dunha figuración expresiva de carácter nacionalista, da que son as obras máis salientábeis Galiza nai e señora, tamén coñecida como Druidesa (1926. Museo de Pontevedra) e Que volva! (1928, Museo de Pontevedra), que manteñen unha ligazón temática evidente con artistas como Camilo Díaz Baliño ou coa arte d’Os Novos, Maside, Souto, Eiroa, Colmeiro...Porén, un dos aspectos máis destacados do seu traballo ten que ver coa Guerra Civil e o inicio do seu exilio. Estaba de viaxe en Madrid cando comezou a a contenda e despois vai a Cataluña en 1937, onde traballa como profesor no Instituto Nacional de Igualada até 1938. En 1939, como miles de refuxiados republicanos, atravesa a fronteira e é internado no campo francés de Saint-Cyprien, en canto esperaba unha posíbel saída, que chegaría, como para moitos republicanos, grazas ao goberno mexicano de Lázaro Cárdenas.

"Noite no campo de concentración".

Internado Saint-Cyprien realiza unhas augatintas -que conserva a familia do artista e o Museo de Pontevedra- que destacan pola volumetría escultórica, que ten moito das receitas clasicistas afíns á “volta á orde” de boa parte da arte europea de entreguerras e evidencia fortes afinidades coa galega estética do granito. Chama a atención o elaboradas que están as obras, non froito dunha simple captación inmediata, aínda que ligadas intimamente á situación que se vive; compárese, por exemplo, o Paso dos Pireneos con fotografías dos feitos como as que tirou Robert Capa: Entre Argelès-sur-Mer e Le Barcarès, Francia, Marzo, 1939, tamén coñecida como Republicanos conducidos a un campo de internamento en Francia. Uxío Souto cruza a experiencia captada coa tradición artística de temática heroica e colectiva, como a que vai do helenístico Galo moribundo a Delacroix (Liberdade guiando o pobo) e pasa polo David do Xuramento dos Horacios, para monumentalizar o sufrimento.

Este carácter monumental é igualmente perceptíbel en Noite no campo de concentración, nel aparece un refuxiado de costas e unha parella -de composición moi clásica- en primeiro plano e un panorama desde arriba como a vista de paxaro ou ollo de Deus. A escala humana fica establecida por pequenas figuras de costas a ollar o mar e o luar. Todo ten un ar de romántica saudade coa luz da esperanza ao fondo, o que lembra algo as composicións de Caspar David Friedrich.

Finalmente, en Véspera no campo de concentración de novo imos dar cunha composición moi elaborada coas figuras de carácter escultórico situadas a carón do lume.

Campo de concentración

A escena máis dura é Campo de concentración en Francia, unha representación de homes defecando sen latrinas nin barracóns. Uxío Souto constrúe unha composición moi elaborada, que lembra creacións renacentistas como o gravado O xuízo de Paris (1514), inspirado nunha obra de Rafael e realizado por Marcantonio Raimondi. Uxío Souto sitúa no centro tres figuras lavándose, como unha alegórica fonte da vida que xorde entre a miseria e a descomposición. Presenta unhas figuras dotadas dun ar monumental, que dignifica unha situación infrahumana e degradante. Xa exiliado, o artista realizou unha acuarela que simplifica a escena mais que conserva a monumentalidade: Campo de concentración (1944).

O interese do traballo de Uxío Souto alicérzase non só no valor do documento experiencial senón na súa capacidade de levar a esa experiencia a memoria cultural, de xeito que podemos percibir nas súas obras camadas culturais; podemos, daquela, recoñecer o ollar renacentista no ámbito compositivo e no alegórico, trasladado ao desacougo da modernidade; ao tempo tamén se manifesta a subxectividade romántica, ligada á mesma experiencia de opresiva reclusión.


Compartir el artículo

stats