Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pola "bella" Italia

Divertida viaxe

O país onde medran os limoeiros convida o lector a viaxar por Italia desde o Imperio romano deica os nosos días, facendo un percorrido cultural no que a paixón polos cítricos vai da man de amplos coñecementos de arte, botánica, horticultura e gastronomía. A autora, Helena Attlee, é unha británica, experta en xardíns, que fixa a súa ollada nos citrus e que con prosa delicada, non exenta de humor, a partir dun título tomado de Goethe, vai contando tamén a historia do país. O libro é unha continua exhibición de curiosos detalles, que abranguen elementos moi dispares: as técnicas de horticultura medievais, os xardíns dos Médicis, representacións pictóricas, a compra de limóns pola Armada real británica no século XVIII para combater o escorbuto… Este último feito provoca unha revolución na agricultura de Sicilia porque para abastar os pedidos británicos, precisa producir enormes cantidades de limóns e os cambios prodúcense coa presenza da Mafia, atenta a participar no negocio e a controlar os prezos. Resulta interesante como a especulación inmobiliaria despois da II Guerra Mundial converte, tamén por decreto da Mafia, os arredores de Palermo nun cemiterio de cítricos para dar paso, nunha fértil terra, á construción de modernos edificios. De sobremesa, aparece unha historia sobre as receitas de marmelada que atopou a neta do deseñador Salvatore Ferragamo.

Os acontecementos, nunha liña moi anglosaxoa, son contados ao fío de experiencias persoais e conforman a síntese dunha sisuda investigación académica, cunha cronoloxía final, unha ampla bibliografía e unha guía de xardíns con coleccións de cítricos que podemos visitar.

ATTLEE, Helena, O país onde medran os limoeiros, Rinoceronte, Cangas, 2021, PVP. 20,90 €

Compartir el artículo

stats