Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poesía vigorosa

Con limpas metáforas

Hora de penumbra, o último poemario de Xurxo Alonso (Buenos Aires, 1956), foi gañador do II Certame de Poesía do Concello de Cospeito. Percibo nel dous combates. O primeiro contra a realidade; o segundo, contra a linguaxe. A realidade é adversa ou incomprensíbel, case sempre perturbadora como podemos ler nestes versos: “Un coitelo conversa co corazón/onde cruzan camiños sen inocencia”. Na cotidianidade suceden súbitas desgrazas. Ninguén se libra do infortunio. Aínda que intuímos que a maior desventura consiste no mero feito de vivir, porque nel o ser humano atopa a soidade esencial que o conforma, aquela que nin a arte pode derrotar: “naquela habitación distante/e mordida polos astros,/a que ninguén atopa,/onde ninguén está”.

Xa o dicía Ulises cando foi interrogado por Polifemo: “Son ninguén”, para poder fuxir da caverna espaventosa. A caverna da que foxe Xurxo Alonso é a do silencio da linguaxe, a que enuncia que as palabras poden ser estériles para expresar o que lle pasa por dentro. Por iso o oficio de escribir constitúe unha maldición benefactora: hai que procurar unha linguaxe que transcenda a linguaxe, ou sexa, a palabra poética: “Así desapareza trala tapia dos ignorados,/ou me agarre a unha gloria pasaxeira,/non haberá libro ou palabra desta pluma/que non leve nas costas os restos obstinados/da vontade de quen busca”. Porque a palabra poética é un continuo procurar “unha paixón ás escuras, o sinal tenaz dun home”. Nestes litixios o autor constrúe a súa propria sintaxe. Os poemas precisan dunha lectura completa, son unidades coherentes de principio a fin, cheas de achados, de limpas metáforas aínda que tamén dunha humildade explícita: “no intre en que o poeta xa ía encol dun cabalo sen montura,/coa vocación como única destreza”.

Se a realidade se contempla como hostil, non menor hostilidade se aprecia no transcorrer temporal: “Cando veñas, Tempo, coa falsa pedrería/da luz da compaixón/e ninguén che dea as costas”. Repito, poesía firme e vigorosa, irrestrita e orixinal.

ALONSO, Xurxo, Hora de penumbra, Alvarellos, Santiago, 2021, PVP. 9,03 €

Compartir el artículo

stats