Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O longo século barroco

Historia do pensamento (XVII)

A igrexa do Gesú (Roma, 1568-1584). Alfredo Iglesias Diéguez

A miúdo considérase que a igrexa do Gesú de Roma (1568-1584), dos arquitectos Jacopo Vignola e Giacomo della Porta, é a obra que marca o inicio do Barroco; igualmente, aínda que sexa máis difícil sinalar cal vén ser a derradeira, pódese afirmar que a fachada do Obradoiro (1738-1750), do arquitecto galego Fernando de Casas Novoa, está entre as últimas atribuíbles a dito estilo.

O longo século barroco (1550-1750): a transición ao capitalismo pleno: Logo dun século marcado por unha forte expansión económica e territorial, na volta do ano 1550 unha serie de acontecementos, entre os que cómpre sinalar as paces de Augsburgo (1555) e Cambrésis (1559), anuncian o inicio dunha nova fase histórica caracterizada pola perda de hexemonía da monarquía hispánica fronte ás novas nacións emerxentes. Velaí están os Países Baixos, que proclaman a súa independencia mediante a Acta de Abxuración de 1581, confirmada logo dunha longa ‘guerra mundial europea’ á que pon fin o Tratado de Westfalia (1648), que marca o inicio da hexemonía da Francia absolutista, lembremos aquela afirmación de Luís XIV perante o parlamento francés en 1655: “o estado son eu”, e logo dun período de fortes tensións socio-políticas, da Inglaterra parlamentaria que xorde da Revolución Gloriosa de 1688.

René Descartes (1596-1650).

René Descartes (1596-1650).

As manifestacións culturais nun tempo de transición: Como herdeiros da Ilustración, adoito evocamos o barroco nun sentido despectivo, asimilándoo cun tempo escuro e supeditado á fe relixiosa, fronte á racionalidade ilustrada, unha idea que vén reforzada pola consideración da arte barroca como un vehículo de expresión da ‘gloria de Deus e da Igrexa’. Porén, o desenvolvemento cultural barroco é unha consecuencia inevitable da crise do antropocentrismo renacentista e un paso necesario para o desenvolvemento intelectual do século ilustrado. Neste sentido, o pensamento filosófico, político e relixioso, así como as expresións artísticas e literarias deste tempo, expresan unha mesma reflexión arredor do ‘home’: un ‘home’ que xa non é o centro do mundo e que comeza a ser percibido como unha máquina (mecanicismo determinista biolóxico, velaí o Tratado do home (1633), de Descartes, inicialmente pensado como un capítulo final d’ O mundo, obras publicadas postumamente en 1662 e 1664, respectivamente) que forma parte dunha estrutura social complexa (atomismo social, velaí o Leviatán (1651), de Hobbes).

Galileo Galilei (1564-1642).

Galileo Galilei (1564-1642).

Neste contexto, desenvolveuse un pensamento científico que perseguía a busca da verdade, polo que se asistiu á sistematización do traballo científico e a unha interesante reflexión epistemolóxica que xirou arredor do empirismo, defendido por Bacon (1561-1621) na obra Novum organum (1620), e o racionalismo, exposto por Descartes, quen estableceu o seu fundamento teórico no Discurso do método (1637). Paralelamente, desenvolveuse unha intensa actividade científica no eido da medicina da man de Harvey (1578-1657), Malpighi (1628-1694) ou o mesmo Descartes (1596-1650); da astronomía, sobre todo unha vez que Galileo (1564-1642), quen inaugurou a astronomía como un novo continente científico trala publicación do Sidereus nuncius (1610), polo que foi condenado pola Igrexa católica; da física, un campo no que salientaron Galileo, Torricelli, Huyguens e fundamentalmente Newton (1642-1727), que culmina un século de observación da natureza coa súa obra Principios matemáticos da filosofía natural (1687); e da química, que adquire carta de natureza trala publicación d’ O químico escéptico (1661), de Boyle (1627-1691), que pon fin á tradición alquimista.

Isaac Newton (1643-1727).

Isaac Newton (1643-1727).

Se a ciencia perseguía á verdade, a arte e a literatura serán a expresión da angustia dun ‘home’ dubitativo ante a fe e as certezas descubertas pola ciencia.

Poder e natureza

A medida que avanza o longo século barroco, o ‘home’ asiste a varios procesos políticos (reafirmación do poder fronte ao individuo), relixiosos (a idea dun Deus omnipotente sae reforzada, tanto nas igrexas reformadas como na católica tridentina) e científicos, que provocan un sentimento de indefensión e vulnerabilidade.

Neste sentido, a arte, a música e a literatura, que serán o vehículo que mellor exprese ese sentimento, ten que cumprir dúas funcións principais: ser expresión do sentimento popular, polo que ten que ser próximo ao seu sufrimento e mostrar a dura realidade das persoas máis vulnerables e indefensas (os mendigos de Murillo, as vellas de Velázquez...) ao tempo de mostra tipos humanos pouco exemplares (o hipócrita Tartufo de Molière, o Don Juan de Tirso de Molina ou a Lady Macbeth de Shakespeare...), isto é, ten que ter un carácter didáctico e pedagóxico. Ao mesmo tempo, ten que mostrar a grandeza do poder tanto civil (grandes palacios, como o de Versalles, ou os pazos da fidalguía galega) como eclesiástico (fachada do Obradoiro) e a fonte da razón e da natureza humana, que non é outra que Deus.

A xustificar ese poder e a existencia de Deus dedicaranse os pensadores barrocos, tanto no eido da política (Bodin, Hobbes, Bossuet...) como da filosofía (Descartes, Spinoza...).

Compartir el artículo

stats