Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Medievalistas

“A lírica galego-portuguesa interesa en todo o mundo”

Pilar Lorenzo (esq.) e Mercedes Brea (dta.). Eli Regueira / Javier Lalín

As filólogas e medievalistas Mercedes Brea e Pilar Lorenzo son as directoras e coordinadoras de PalMed (www.cirp.gal), unha base de datos online sobre lírica medieval galego-portuguesa posta en marcha polo CentroRamón Piñeiro para a investigación de Humanidades

–Como xurdiu esta iniciativa e cal foi a evolución ata hoxe dende que, hai máis de vinte anos, o propio Centro Ramón Piñeiro puxera en rede a primeira base de datos sobre lírica trobadoresca?

–A iniciativa foi, en certo modo, parella á desa primeira base de datos (MedDB), porque todos eramos conscientes de que se necesitaba traballar directamente sobre os manuscritos tanto para coñecer a lingua dos trobadores como para poder elaborar as edicións críticas. Pero non se podía facer todo á vez, e había que establecer prioridades. Pódese dicir que con esta nova ferramenta empezamos a traballar hai cerca de quince anos, pero, ademais de falta de recursos, sempre había algo máis urxente que atender e, por iso, non puidemos darlle o impulso definitivo ata que o Ministerio nos financiou un proxecto de investigación na convocatoria de 2015.

“Ata o momento non existía unha ferramenta que permitise realizar buscas tan complexas”

decoration

PIlar Lorenzo Eli Regueira

–En que outros modelos de alén de Galicia (e incluso de España) repararon Vdes. para confeccionar PalMed?

–Aínda que poida parecer pretensioso, o modelo tivemos que crealo nós. O que había como referente a finais do século pasado era un importante recurso (ADMYTE) que se puxera en marcha no Seminario de Estudos Hispánicos de Madison para o español medieval e que se publicara en CDs. Máis tarde, foi moi útil coñecer o proxecto CHARTA, tamén para o español (malia que non contempla a poesía lírica), así como outros traballos importantísimos, entre os que destacamos: The Charrette Project da Universidade de Princeton, O Tesoro della lingua italiana delle origini, os repertorios da Universidade de Nápoles sobre textos medievais cataláns e occitanos, a base de datos de Oxford sobre as Cantigas de Santa Maria... Nestas últimas décadas foron desenvolvéndose realmente moitas ferramentas que podían coincidir parcialmente cos nosos intereses, incluíndo algunhas específicas para o galego medieval, como é o caso do TMILG, pero ningunha que descendese ao nivel de detalle que pretendiamos. A máis recente (antes desta, claro) sobre a lírica galego-portuguesa, Universo Cantigas, inclúe tamén a transcrición dos manuscritos, pero non descende a tanto nivel de detalle nin permite realizar buscas complexas como PalMed.

"Aínda que poida parecer pretensioso, o modelo tivemos que crealo nós"

decoration

Mercedes Brea Javier Lalín

–Para poder poñer en funcionamento unha base de datos coma esta non só fan falta expertas/os en lírica medieval galega, senón tamén outro tipo de profesionais. Poderían Vdes. describirme como está composto e organizado o equipo de PalMed?

–Obviamente, nestas ferramentas teñen que traballar de maneira compasada filólogos e informáticos, ademais -nun caso coma o noso- de paleógrafos. No equipo de PalMed hai un pouco de todo, incluídos filólogos con moita competencia no manexo das linguaxes de marcado (usamos o estándar XML-TEI) e bos coñecedores dos textos obxectos de estudo, tanto dende o punto de vista lingüístico como literario, así como de aspectos relacionados cos procesos de compilación, copia e transmisión dos manuscritos.

–Supoño que unha das razóns polas que existe PalMed é porque a lírica galego portuguesa, ademais de en Galicia e Portugal, tamén interesa internacionalmente. De que países teñen xa recollidas entradas interesándose por este tema?

–A lírica galego-portuguesa interesa en todo o mundo. Ata hai unhas décadas, case se podía dicir que interesaba moito máis en Alemaña ou Italia que en Galicia. Neste momento, se tivésemos que destacar dous países europeos que seguen atentamente o que facemos, poderiamos dicir que son Italia e Portugal, sen esquecer que hai lugares como Oxford, Zürich ou Budapest, onde estudan as ferramentas coas que o estudamos. E fóra de Europa, quizais Brasil.

–Esta base de datos pode ser consultada facilmente por un profano na materia ou soamente por expertos e estudosos?

–Así como MedDB pode ser consultada (sobre todo, na opción de “Buscas simples”) por calquera, PalMed require de certos coñecementos previos, se ben pode ter aplicación, ademais de para a investigación, tamén para a docencia universitaria.

–Se eu quixera informarme sobre determinado tema que teña relación coa lirica galego-portuguesa, por onde me aconsellarían comezar?

–Se entras en MedDB e pinchas sobre “Buscas simples”, podes ver un resumo do que se sabe de quen foi cada trobador e o texto das cantigas que se conservan atribuídas a el.

–A exposición do Pergamiño Vindel, en Vigo, foi, no seu día, todo un éxito de crítica e público. Coidan Vdes. que, co paso do tempo (xa que este tipo de documentos se pode ver, analizar e estudar on line), deixará de ter importancia que tal ou cal documento antigo permeza dentro ou fóra de Galicia, ou  que poida ser contemplado in situ?

–É importante ver directamente os documentos nalgún momento, porque só a consulta directa pode confirmar certos aspectos, pero é certo que o feito de que as bibliotecas estean dixitalizando os seus fondos e poñéndoos en acceso libre na internet facilita moitísimo o traballo dos investigadores e dos docentes, que poden mostrar aos alumnos cómo circulaban os textos na Idade Media. Pero nunca é o mesmo contemplar un orixinal. Pensa en ver calquera cadro ou escultura na rede fronte a poder disfrutalo nun museo.

–Como mulleres e expertas nesta temática, véxome na obriga de facerlles esta pregunta: Existe algunha posibilidade de que,ademais de trobadores, houbes tamén trobadoras?

–Non se pode desbotar esa posibilidade, porque, de feito, mulleres escritoras hóuboas en todas as épocas e, sen ir máis lonxe, entre os trobadores provenzais, hai varias “trobairitz” (‘trobadoras’). En Galicia e Portugal é moi probable que existisen donas que compuxeran cantigas, pero, desafortunadamente, nos códices conservados, non hai ningún texto atribuído a unha muller.

Compartir el artículo

stats