Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coñecer o Outro

Unha experiencia marabillosa

Xurxo Ayán vén de tirar do prelo Onde as rúas non teñen nome, cuxo obxectivo fundamental semella ser dar “a coñecer o Outro e, de paso, coñecérmonos a nós mesmos”. Atopámonos, pois, que fala dos de aquí e dos de alá, “de oralidade, de memoria, de identidade, de trauma, de emigración, de guerra” amosando que a distancia non é tal se se fala en termos de humanidade, que os habitantes dun poboado etíope senten e padecen practicamente igual ca un paisano de calquera aldea galega e que, a miúdo, o paso do tempo non serve máis ca para perpetuar esquemas ou rutinas que interesan a uns poucos en detrimento do ben común. Son retallos de vida postos ao servizo do coñecemento, da igualdade entre os pobos. Restos que son tesouros, vestixios do pasado de rabiosa actualidade e novidades anocoradas na tradición que fan que homes e mulleres tracen o camiño para os que veñen atrás e deixen pegada para as próximas xeracións que han de mellorar -ou non- o futuro.

Reserva para ‘África na casa’ unha serie de reflexións que rodean a preparación das viaxes que en forma de expedicións fixo a África e que lle dan a posibilidade de comentar conversas coa curmá Carmela, con Bernardo, con Belarmino ou cos seus colegas, lembrar o día da primeira comuñón ou cando foi a ver os partidos de fútbol no mundial celebrado en España.

O percorrido por Etiopía comeza con ‘Addis Ababa’ e remata con ‘Tambores ao lonxe’ e polo medio unha ollada por diferentes emprazamentos sérvenlle ao lucense para poñer de manifesto que o día a día paga a pena vivilo saboreando cada momento, cada xesto e cada aceno.

O estilo autobiográfico, a prosa lixeira con concesións ao rexistro coloquial, unido ao desenfado narrativo co que expresa o que vai facendo e pensando fan do texto un bo testemuño dunha experiencia marabillosa.

AYÁN, Xurxo, Onde as rúas non teñen nome, Positivas, Santiago, 2021, PVP. 18 €

Compartir el artículo

stats