Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Catedrais literarias

Chan sagro, terra humana

Reparto de "Os piares da terra" (Sergio Mimica-Gezzan, 2010), a serie televisiva baseada na novela do mesmo título publicada por Ken Follet en 1989.

Reparto de "Os piares da terra" (Sergio Mimica-Gezzan, 2010), a serie televisiva baseada na novela do mesmo título publicada por Ken Follet en 1989.

Dende o seu xurdimento no Medievo, as catedrais constitúen un espazo esencial como centros de culto, mais tamén como enclaves de alto valor social, cívico, artístico e mesmo simbólico. Non é de estrañar, pois, que abondas ocasións a escrita literaria fixese destas significadas igrexas escenario das súas creacións, elevando ao tempo á categoría de personaxes principais as persoas a elas vencelladas.

Un bo exemplo disto son Os contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer, que a finais do século XIV reproducen un feixe de narracións que se relatan entre si un grupo de peregrinos no transcurso dunha viaxe entre Londres e Canterbury, a onde se dirixen para visitar o santuario de Thomas Becket, situado, precisamente, na catedral desta cidade.Mais non só nas orixes da literatura en lingua inglesa estivo presente o ámbito catedralicio. Tamén nalgunha das épocas douradas da escrita francesa emerxeu como espazo privilexiado. Velaí, poño por caso, Nosa Señora de París (1831) de Victor Hugo, coa inesquecible beleza xitana de Esmeralda e os non menos icónicos Claude Frollo, arquidiácono de Notre-Dame, e, sobre todo, Quasimodo, o chepudo e xordo campaneiro do templo gótico parisiense arredor do cal se tece toda esta romántica historia de amor.

Nas letras españolas do XIX é sen dúbida A Rexenta (1884), a gran novela de Leopoldo Alas Clarín, a obra na que presenza do catedralicio se fai máis palpable. É arredor do templo maior ovetense (a Vetusta da ficción) onde se desenvolve a tensión amorosa entre Ana Azores, aborrecida no seu casamento co rexente da Audiencia Víctor Quintanar, e o cóengo confesor Fermín de Pas, dunha banda, mais o donxoán Álvaro Mesía, pola outra.

Entre os clásicos dos comezos do pasado século procede recordar aquí o drama poético Morte na catedral (1935), obra do maxistral T. S. Eliot, un texto, por certo, traducido xa en 1973 ao galego polo intelectual pontevedrés Isidoro Millán. Esta peza céntrase no asasinato do arcebispo Thomas Becket, un episodio histórico acontecido en 1170, cando este relixioso foi axustizado por mandado de Henrique II, quen incitou a catro nobres á decapitación do arcebispo no propio adro da catedral de Canterbury. Tal feito fixo que ben pronto fose canonizado e que a súa tumba se convertese nun lugar de peregrinación ao que comezaron a acudir miles de fieis católicos, entre eles os personaxes dos contos de Chaucer arriba aludidos e tamén o propio escritor.

"Nos últimos lustros asistiuse á proliferación das novelas históricas ambientadas na Idade Media que, en numerosas ocasións, fixeron xirar as súas tramas arredor das contornas catedralicias"

decoration

Nos últimos lustros asistiuse á proliferación das novelas históricas ambientadas na Idade Media que, en numerosas ocasións, fixeron xirar as súas tramas arredor das contornas catedralicias. O arquetipo destes supervendas é Os piares da Terra (1989), a popular novela do británico Ken Follett, que recrea as loitas de poder entre a ascendente curia de Kingsbridge (decidida a construír unha nova catedral que dea satisfacción ás súas aspiracións de poder) e o bispado de Shiring (temeroso de perder a hexemonía da súa catedral). E O camiño aberto pola obra de Follett foi andado nestes anos por moitos outros. Entre eles, e por citar só algúns exemplos moi bestselerizados, estarían A morte e o diaño (1995) de Frank Schätzing (coas loitas entre nobres e relixiosos na Colonia do XIII arredor da construción dunha gran catedral); A catedral (2000) de César Mallorquí (a historia de Telmo Yáñez, un mozo artesán que marcha ata Gran Bretaña para axudar na construción dunha colosal catedral, obra coa que o seu autor obtivo o Premio Gran Angular); ou a popularísima A catedral do mar (2006) de Ildefonso Falcones, relato nucleado en torno á construción da igrexa barcelonesa de Santa María do Mar en pleno século XIV, un libro que tivo tanto éxito editorial que se converteu en serie televisiva e fixo que o seu autor decidise escribir unha continuación do mesmo no 2016 co título de Os herdeiros da terra.

O país das cinco sés

Galicia conta con cinco catedrais: as de Santiago, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui. Estes templos foron decisivos na vertebración histórica da nosa terra, polo que é lóxico tamén que deixasen o seu reflexo na escrita dos nosos autores. Poderían aducirse aquí non poucos exemplos de poemas ou relatos dos máis diversos autores de diferentes épocas, mais conformareime con amentar tan só tres mostras. A primeira delas sería A tecedeira de Bonaval (1894) de Antonio López Ferreiro, unha novela histórica ambientada no século XVI que reflicte as loitas entre os poderes civil e eclesiástico arredor de tres espazos composteláns axiais como son Bonaval, a Praza do Toural e, xaora, a catedral de Santiago.

O segundo exemplo viría da man de Carlos Casares e a súa Ilustrísima (1980), a narración protagonizada por Fernando Fanego, o carismático e aperturista bispo da catedral de Ourense, que loita contra a súa reaccionaria curia por mor da chegada do cinematógrafo á cidade, arte da que o prelado é partidario e contrarios os dogmáticos cóengos.

Finalmente, cumpriría tamén lembrar As actas escuras (2005) de Roberto Vidal Bolaño, cunha trama orquestrada a partir das escavacións no altar maior da catedral de Santiago ordenadas polo cardeal Payá y Rico a fins do XIX, que reavivan a polémica sobre o (in)auténtico soterramento do apóstolo nese lugar.

Para outro artigo ficarían obras como La catedral y el niño (1948) de Eduardo Blanco Amor ou As crónicas do sochantre (1956) de Álvaro Cunqueiro, nas que, en diferente sentido, as presenzas catedralicias son tamén unha realidade.

Compartir el artículo

stats