Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luces de bohemia

101 anos despois

Luces de bohemia

O de 1920 veu ser un ano especialmente relevante para a literatura dramática de expresión castelá pero tamén universal, pois foi a data de publicación de Luces de bohemia, un dos textos fundamentais de Ramón María del Valle-Inclán. Editado por entregas entre xullo e outubro daquel ano de gloria, no semanario España, a versión definitiva chegou en 1924, con tres escenas máis. Con Luces... o arousán iniciaba a xeira dos esperpentos, que para o profesor Alonso Zamora Vicente supoñen unha monumental edición crítica de España (La realidad esperpéntica, 1969). Velaí unha visión moi cabal e calibrada dun texto que ofrece unha mirada estarrecedora e brutal sobre a realidade cultural, social, económica ou política de España nos primeiros decenios do século XX.

Esa relevancia, con todo, non sempre se ten explicado da maneira máis adecuada por moito que se cualifique a peza de creación xenial, pois adoita presentarse como un endemismo hispano. De Ramón del Valle-Inclán tense sinalado a filiación modernista, e a súa deriva cara movementos que refugan o naturalismo, tal que o simbolismo, ou que apostan pola vangarda, como fai o expresionismo. Sendo así, Valle non tería feito máis que incorporar ás letras hispanas tendencias americanas ou europeas que proclaman a súa revolta a finais do XIX ou nos inicios do XX. Unha visión que mesmo se transmite en textos tan fundamentais como Literaturas europeas de vanguardia (1925), de Guillermo de Torre, onde Valle, para alén dalgún comentario sobre La pipa de kif (1919) non figura entre a autoría máis anovadora en literatura e arte.

Non obstante, estamos ante un autor que xa na súa primeira peza dramática, Tragedia de ensueño (1903) propón unha forma de composición que se vai perfilando nas comedias bárbaras, como Águila de blasón, e culmina nos esperpentos. Ese modelo de escrita dramática, onde hai, certamente, elementos simbolistas, expresionistas ou superrealistas, prefigura na súa estrutura formal e na súa dimensión semántica e pragmática, dúas tendencias que serán dominantes en Europa mediados os anos vinte do século pasado: falamos do teatro épico e da nova obxectividade. Aquí radica, ao noso entender, o carácter profundamente anovador e vangardista da dramática de Valle-Inclán, a súa condición de precursor. Pero tamén abrolla con forza o seu compromiso social e político, un trazo distintivo desas dúas tendencias.

Hai un momento en Luces de bohemia en que Max Estrella pronuncia unha frase lapidaria, ao afirmar que “Los ultraístas son unos farsantes”. Esa condena explícita dun vangardismo esteticista e estéril, alleo á crúa realidade e ao sufrimento humano, marca a conversión do bohemio irredento, que finalmente toma conciencia da realidade grotesca do mundo que habita e sostén. E así nace o esperpento, para mostrar o negrume dun pais dominado pola corrupción, a hipocrisía, a pouquidade, a miseria material e moral e a represión política.

Entre os aspectos máis salientables da peza destaca unha trama asentada na montaxe cinematográfica, pois o dramaturgo implícito escolle as situacións, secuencias e planos que mellor serven para mostrar un mundo en ruínas. Tamén cómpre reparar na ideación e conformación dos personaxes, para os que Valle bota man do xesto social, daquilo que Brecht denominará “gestus” anos despois; un trazo que tamén abrolla nos gravados de Otto Dix e Georg Grosz, que mostran esa mesma realidade desfigurada, retorta, avolta, e unha mirada igualmente aceda e sarcástica.

Coas comedias bárbaras e cos esperpentos Valle-Inclán propón unha forma nova de realismo, épico e obxectivo, no que, ben lonxe do naturalismo preconizado por Zola, aposta por mostrar a realidade desde unha mirada dialéctica, afondando na dimensión social da arte e na súa función crítica e subversiva. Aí radica a novidade e a excelencia desa peza universal, que a día de hoxe segue tendo a mesma actualidade que naquela altura en que foi editada. Cen anos despois o esperpento segue máis vivo e activo que nunca, pois Luces de bohemia reflicte a imaxe máis veraz das nosas miserias.

En la luz del día

Visto que nestes primeiros decenios do século collen relevo formas escénicas e dramáticas asentadas nun pulo documental, non estaría de máis lembrar esta peza dramática de Valle-Inclán, En la luz del día, que moitas veces dorme inadvertida na súa narrativa, malia todo canto escribiu a profesora Roberta Salper de Tortella en 1968.

E ignorada segue, a pesar de que formalmente contén todos os elementos que definen unha obra dramática. A peza forma parte de La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra, onde o arousán recolle a experiencia vivida como reporteiro de guerra en 1916, en Francia e Bélxica. Na primeira parte contén unha narración, “Un día de guerra (Visión estelar)”, escrita coa textura dunha reportaxe, e na segunda abrolla esta creación magnífica, que pon de manifesto a dimensión máis innovadora de Valle-Inclán.

En efecto, En la luz del día, publicada por entregas en El Imparcial, constitúe un magnífico exemplo do que na Unión Soviética se coñecerá como factografía anos despois, mentres que en Alemaña, con Piscator, será teatro documento. Unha liña de creación dramática e teatral que estoura nos anos vinte e trinta en Europa e da que Valle-Inclán será un claro precursor. Unha peza que reclama de forma urxente a súa escenificación, seguindo as pautas de Piscator ou Brecht. Para cadrar o círculo.

Compartir el artículo

stats