Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Indómita cadencia

Revisitar a felicidade

Indómita cadencia

Non quero que a saudade embace o meu xuízo. Porén, non podo saír indemne da lectura de Val de Ramirás. Reeditado polo concello homónimo, cun antetexto de Xoán Carlos Domínguez Alberte, unhas belas fotografías de Baldo Ramos e un apéndice onde o autor, Anxo Angueira (Manselle, 1961), evoca a súa estadía nos anos oitenta en Celanova e agrega tres poemas ao conxunto.

A edición sobrecólleme por cinco motivos. O primeiro radica en que o seu verso revela unha indómita cadencia: “E vexo que me parto, que se rompen/os anos de encontrarme e de perderte,/fóra de min e nese que xa vai/chegando novamente ao mar distante”. Coñezo poucas obras que atesouren un ritmo tan pletórico, capaz de nos levar polas súas páxinas facendo que renazan as vivencias pola destreza da escrita. O segundo motivo aséntase na sintaxe. O hipérbato rutila con fulgor insólito e furiosamente delicado: “Que de invernías folla che deitaron/para en chao de naceres noutras vidas/que dormen, ou xa voan, e en cadencia/pura, inerte polo tempo desatada,/lle ires declarar amor ao vento”. O terceiro procede da morte intolerábel dun amigo. Amigo que xamais esqueceremos. Percibo en cada verbo, en cada sílaba, o alento da memoria de Eusebio Lorenzo Baleirón, acedamente morto e sempre vivo, aquí invocado: “verás con transparencia as nosas barcas/ancoraren na sombra que deixaches/por morte xove do que os deuses aman”. O cuarto asombro nace do impulso en que se insere a adoración da natureza toda: os ríos dialogantes, o estorniño subtil que inunda de alegría os misterios da noite e dos outeiros, as árbores que acollen o silencio. A quinta admiración procede da pureza vernácula das fontes en que o poeta se inspira e se recrea: desde as cantigas do medievo, Curros, Pondal, Rosalía, Camões… até ao proprio Eusebio, “traspasaron as augas as paredes/e teño, no entanto, xa enxugado/o musgo que medrou no corazón”. O poemario contén un prólogo magnífico de Manuel Forcadela. Revisitar este libro, sen dúbida, supón unha forma de felicidade.

ANGUEIRA, Anxo, Val de Ramirás, Ed. Concello Ramirás, 2021PVP. 10 €

Compartir el artículo

stats