Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Expoñer e desfilar no XXI

A pasarela Madrid Fashion Week é a convocatoria de moda con máis sona en España. Na edición de abril 2021 o premio do Ego, ou dos novos creadores, foi para un graduado de Esdemga, Gabriel Nogueiras, quen, baixo a marca Rubearth, presentaba a colección Fat Man.

Trátase, esta, dunha colección de moda que toma o nome das bombas nucleares na II Guerra Mundial, construíndo así unha arriscada mestura de cultura transversal. O eclecticismo das modas na colección propuña impecables guarnicións deportivas xunto a pezas de gran peculiaridade, certo dandismo e volumes imprevistos, mesturando punto e téxtiles tecnolóxicos, raias e tecidos monocromos, brillos e mates. Con moita cor e un gran número de saídas, os modelos masculinos, acompañados dunha música rítmica e dun fashion film evocador, captaron o interese do xurado, do público on line e dos asistentes na Ifema.

A colección de Rubearth exhala profesionalidade e rigor, pódese recoñecer a través dela a experiencia laboral acumulada polo deseñador, quen traballou durante anos en grandes corporacións do sector téxtil e tamén se percibe a orixe formativa en artes e moda como manifestación l de quen vén de estudar nunha escola de Belas Artes que conta con rama de deseño e moda. Cando se lle pregunta polo fondo ou leitmotiv latente nas súas creacións, este novo brillante home, explica que : ”Non hai nada concreto que circunscriba o meu traballo. A idea é facer un produto que goste polas súas características estéticas e de calidade, algo que te faga sentir especial”.

Outro graduado de Esdemga foi asemade seleccionado nesta edición para desfilar na MBMFW: Sergio Villasante presentou unha colección inspirada nas afinidades electivas de natureza surrealista que evocan os peculiares encontros con cuadrúpedes raiados nas rúas da capital británica na época eduardiana. Son as peripecias exhibindo cebras en carruaxes do segundo barón de Rothschild as que serviron de evocación para a colección Zebras in London? Why not? Na colección, o deseñador fusiona a moda de home actual coa feminina das épocas eduardiana e victoriana para acadar unha estética dos nosos días: blusas de seda, punto de lá, algodóns, mesturados con teas con corpo estampadas, chalecos bordados con pezas de brillo, tafetás sintéticos que producen un gran contraste nunca carente de humor. Grandes e sofisticadas capas e abrigos con lazadas son levadas polos modelos sobre pantalóns curtos e camisetas axustadas ao corpo mediante corsés que se decoran con alarde historicista, atando un lazo vermello, ou negro, no escote. Os conxuntos exhalaban estética queer e, por enriba de todo, son modas que proclaman a nova era non binaria, allea aos convencionalismos burgueses do pasado.

No tocante aos que expoñen fashionart -ou sexa, a interacción de moda e arte, tamén chamada arte téxtil ou arte para ser vestido-, hai unha creadora que se ten formado en belas artes e logo en moda en ESDEMGA, que participa na mostra do CGAC Cultivar Incertezas 30 aniversario da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que, se as contas non fallan, resulta ser a única dos que estudaron moda que foron convocados a esta mostra. Teresa Búa emprega o corpo, a identidade e mais a bagaxe como ser humano, muller, galega e investigadora, para levar adiante unha aínda balbuciente produción pero na que se agochan xa grandes potencialidades e expectativas. Teresa, ao ser cuestionada sobre a natureza queer do seu traballo, resposta que, de certo, a súa é unha arte queer, tomado o concepto como un todo significativo de troco e liberdade.

A mestura de moda e manifesto resulta evidente nestes tres creadores e en moitos outros dos xurdidos das escolas de arte, escolas técnicas ou científicas que poboan as direccións creativas das compañías de moda no noso século e que expoñen as súas creacións coas máis notables galerías e museos do mundo. A creación de hoxe debe ter respecto ao medio natural, ser durable, circular e non contaminante. Claro que esa faciana naturista da arte e fa moda pasa de ser un signo distintivo a converterse nun requisito substancial da mesma primando o deseño, a forma ou a función por enriba de todo.

Hibridación de arte e moda

A levidade, ou aquilo que é lixeiro ou grácil, é coñecido na arte dende as pinturas rupestres do Paleolítico onde os cervos e os bisontes eran representados nun xeito de movemento, cun trazo sinuoso. Certo é que a relación da arte coa levidade, ou o Zeitgeist do noso tempo, vai máis alá do estilo das obras ou da teima que abordan, de feito que a maneira na que se relaciona o mundo da arte no século XXI cos persoeiros que nel participan, sexan estes creadores ou observadores, é de gran sutileza. A importancia da relación da arte con outras esferas da vida social é axial, e todo se inflúe en reciprocidade. Canto a moda, dende a Idade Moderna, está caracterizada pola temporalidade e a superficialidade.

Na época hipermoderna da levidade, os papeis tradicionais asignados a arte e moda veñen de ser sometidos a un efecto Eco e Narciso. Dalgún xeito, a arte tense convertido en moda nun escenario de hipermoda e hiperespectáculo. Trátase da hibridación da arte e a moda, onde a primeira deixa de estar no mundo do pensamento e da creación puras e onde a moda, da súa parte, deixa de estar no mundo efémero e mercantil da compra.

Algunha moda e algunha arte acadan ser subliñadas como interesantes e, malia a posición do que observa como consumidor inconstante, demandante de novidades sen arreo, son moitas as creacións que sobreviven os Pantagruel e Gargantúa da cultura nos nosos días.

Compartir el artículo

stats