Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Experiencias integradoras

Para ler, contar e cantar

Experiencias integradoras

Un poema feito música, unhas palabras que voan, unhas notas que se converten en paxaros e un libro “para ler, contar e cantar”, velaí o volume Paxaros que Kalandraka Editora vén de publicar na colección “Demademora” destinada aos primeiros lectores e que atrapa os sentidos; o da vista, grazas as cores vivas, alegres e rechamantes das ilustracións; o do tacto pola suavidade do texto; o do olfacto polo aroma a primavera; o do gusto polo sabor a fresco; o do ouvido pola melodía da canción musicada en galego por Paco Nogueiras, en éuscaro por Dana Moya, en español por Dragón Dorado e todo aderezado coa pluma de Natacha Ortega (Mendoza, Arxentina 1981), escritora, comunicadora, cantante e investigadora no eido da pedagoxía, o son e a poesía e que vén de presentar o seu libro musical para disfrute dos máis pequenos, convencida do poder cautivador da música e das potencialidades que presenta de cara á aprendizaxe e por ende na formación integral dos cativos.

Os paxaros, capaces de transportar palabras brillantes e sonoras, de executar danzas de papel, de procurar aventuras, bailan, corren e voan sendo libres e nesa liberdade, que se torna xogo, establécese un diálogo cos nenos e as nenas que anuncia a chegada de nova vida; é a arribada da primavera que invita a vivir e a gozar e que Lucía Franco (Paysandú, Uruguay, 1980) alumea con cores vivas e trazo preciso para que a bandada debuxe o seu percorrido singular.

Literatura, música e artes plásticas danse a man artellando no proceso creativo que supón este volume unha interrelación entre o visual e o sonoro moi interesante e que abre as portas a novas experiencias que teñen a integración no seu punto de mira.

ORTEGA, Natacha, Paxaros (Ils. Lucía Franco), Kalandraka, Ponvedera, 2021, PVP---

Compartir el artículo

stats