Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xesús González Gómez | - escritor, tradutor e crÍtico literario

“A da Comuna, non foi unha revolución socialista, senón obreira”

Xesús González Gómez. Xulio Gil

–Das reivindicacións da Comuna de París, cales cre Vde. que son máis actuais; é dicir, aquelas que aínda seguen sendo “materias pendentes”?–

Diversas son as “medidas” que tomou a Comuna de París e que continúan a ser, aínda hoxe, materia pendente (tanto en temas políticos, como económicos e/ou educativos e sociais), pero limitarémonos a unha soa: “Revogación, por parte dos electores, dos cargos elixidos e dos funcionarios que non compren coas súas promesas e as súas tarefas”.

–Que condicións se deron para que a aquela revolta tivese lugar en París, e non noutra cidade europea?–

A historia é longa, pero poderíamos dicir que foron as vodas entre a tradición rebelde e revolucionaria dunha cidade e mais as reivindicacións das clases populares; vodas que propiciaron unha rebelión, en principio, de tipo nacionalista: Francia acababa de ser derrotada por Prusia e as tropas prusianas desfilaran en París. Nun principio, os parisinos rebélanse contra os “vende-patrias”, logo os diversos grupos obreiros e de esquerda conseguen arrastrar o pobo cara a unha revolución de tipo popular e democrática, con verdadeiras tintas socialistas, aínda que a da Comuna non foi unha revolución socialista

–Durante moitos anos, a historia oficial de Francia silenciou aqueles feitos como se non existiran nunca. Cando se comezou a asumir na propia Francia que aquela revolta foi un “suceso positivo”, ademais de importante, na propia historia do país e do mundo?

–En Francia, como en todas partes, a sociedade está dividida. Para uns, a Comuna sempre foi un “suceso positivo”, e aínda o é; e para outros, todo o contrario. Pero poderíase afirmar que é cando o triunfo da Fronte Popular francesa, en 1936, cando a Comuna entra nos libros de textos e na historia oficial, sen que os seus protagonistas sexan tratados como delincuentes.

–Nalgún momento foi obxectivo dos revolucionarios estender a Comuna a toda Francia, e incluso a toda Europa?

–Ademais de París, en diversas cidades houbo tentativas de implantar a Comuna: Alxer, onde foi un movemento anti-militarista e… colonialista, xa que coincidiu cunha rebelión das kábilas: a Garda Nacional, que non se movera moito para defender a súa comuna, apoiou o exército na represión das kábilas e distinguise pola súa brutalidade. Limoges, Marsella, Lyon, Narbona, Toulouse, Saint-Etienne.... ;todas estas tentativas foron esmagadas pola intervención do exército. Polo que respecta á “exportación” da revolución a outros países europeos, os dirixentes da Comuna eran moi respectuosos e non querían inmiscirse en cuestións interiores doutros países. Limitáronse a pedir a solidariedade das clases traballadoras. Pero a Comuna demostrou o seu internacionalismo: varios dos seus dirixentes eran estranxeiros: Frankel, húngaro; Cipriano, italiano; Dombrowski e Wroblewski, considerados como os mellores xenerais da Comuna, polacos etc. Non esquezamos que a Comuna ofreceu a Garibaldi o posto de xefe militar, ao que o italiano renunciou. Por outra parte, sábese que máis de mil belgas loitaron a favor da Comuna, un senfín de polacos, italianos, suízos… Durante a denominada Semana Sanguenta, ter un apelido que soase polaco era motivo de fusilamento. O xornal conservador Le Figaro recomendaba o fusilamento de “todos os polacos sospeitosos”.

–Certo é que a Comuna foi violenta, pero máis violenta foi aínda a represión sobre os sublevados. Por que os vencedores se asañaron de maneira tan cruel non só cos revolucionarios, senón tamén con rapaces, vellos, mulleres…?

–Penso que se pode resumir coas palabras de Thiers, o dirixente dos vencedores: “Hai que borrar da face da terra a idea de socialismo”, e os nenos e mais as mulleres eran, son, o futuro da idea de socialismo; e os vellos, os transmisores da idea.

–Ideoloxicamente, quen tiña o liderado na Comuna: socialistas, anarquistas, comunistas…?

–Socialistas, anarquistas, comunistas, agrupados na I Internacional, eran a minoría. A maioría estaba composta por neo-xacobinos e blanquistas, que foron os que crearon o Comité de Salvación Publica que dirixiu a Comuna desde o 1 de maio até a derrota final, a finais dese mesmo mes.

–Que conexións e semellanzas, se as hai, existen entre a Comuna de París e a Revolución de Asturias de 1934?–

As conexións son as do movemento obreiro europeo, e as semellanzas poden existir a nivel local, pero a Revolución de Asturias estivo dirixida por partidos obreiros e na Comuna parisina, a pesar da existencia da I Internacional, os partidos obreiros brillaban por ausencia. A Revolución de Asturias quería instaurar un réxime socialista; a Comuna un réxime popular e democrático

–E xa para rematar, quixera facerlle unha pregunta sobre O spleen de París, a obra de Charles Baudelaire, que traduciu Xela Arias e que vén de ser publicada en Laiovento, sendo Vde. o encargado da edición. Que lugar ocupan no conxunto da obra de Baudelaire estes subtituados “pequenos versos en prosa”?–

Penso que os seus poemas en prosa foron o intento do poeta de liberarse da dupla tradición en que estaba mergullado: unha tradición metafísica e prosódica. Da metafísica, Bauelaire non chegou a liberarse nunca, pero os poemas en prosa foron o seu intento, conseguido en parte, de liberarse da tradición prosódica e así ser quen de “atopar o novo”. Lembremos que despois da publicación de As flores do mal, poucos poemas en verso escribiu o noso poeta.

Compartir el artículo

stats