Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

4 Proxectos para un espazo recuperado

Unha mostra no MARCO

Nas diferentes imaxes: diversas perspectivas da mostra 4 Proxectos que agora mesmo se está a expoñer nas salas do MARCO. |  FOTOS: @ELIREGUEIRA

Nas diferentes imaxes: diversas perspectivas da mostra 4 Proxectos que agora mesmo se está a expoñer nas salas do MARCO. | FOTOS: @ELIREGUEIRA

Un espazo da singularidade e da potencia expresiva das salas da planta baixa do MARCO é un auténtico presente para calquera artista. O antigo cárcere inspirado no Panóptico do británico Jeremy Bentham (1748-1832) fai que os catro proxectos presentados de Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás e Mar Vicente conformen un conxunto globalmente moi suxestivo. A obra resultante é un espazo para a reflexión, un lugar de transición dun estado a outro, de apertura da consciencia cotiá cara a percepcións ligadas a realidades múltiples: conceptuais, metafóricas, lingüísticas e lumínicas. De feito o arquitectural agroma na propia concreción espacial que transmiten os distintos proxectos que parece que xogan coa analoxía e a forma tamén cun desprazamento espacial.

O traballo de Mónica Alonso é moi autorreflexivo e entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto cultural. Para ese propósito n’A maxia do colibrí. Seis casos desesperados segue estratexias de produción artística que mesturan relato e instalación e entende o conxunto como unha serie prácticas que posibilitan a comprensión entre aspectos ligados á ciencia e a superstición. A maxia do colibrí reúne seis relatos de seis persoas angustiadas a quen a través dunha médium lles foi ofrecida a posibilidade de curar os seus males (cada un deles asociado a unha cor) por medio da morte dun colibrí. A obra está conformada pola reprodución dos paxaros como obxecto, xunto aos seis textos que relatan cadansúa historia. O conflito xorde á hora de matar un ser vivo. A obra de Mónica Alonso parte no esencial dunha dialéctica entre o espazo, obxecto e texto, complementándose cunha importancia relevante dada á reflexión e ao aspecto procesual, ben representado na peza, con ese fluxo entre o interior, en que está en cuestión a mensaxe, e a compoñente emocional, e exterior, en que se subliña o que está exposto ao público.

Rosendo Cid presenta un proxecto específico intitulado Todo aquilo que sucede e con todo non é. Como outras obras do artista estas pezas nacen como construcións plásticas e ao tempo tamén poéticas, e adoptan o espazo como elemento estrutural, na procura do mínimo común múltiplo da linguaxe artística, tentando identificar liña e baleiro, fondo e forma, espazo e tempo. Estamos, xa que logo, perante un tipo arte que parte da idea da deconstrución da realidade e que consegue propiciar a reflexión sobre aspectos chave do sentido estético, fundamentalmente a relación entre pensamento e emoción. En Todo aquilo que sucede e con todo non é a palabra ten un papel central mais desenvólvese no ámbito da imaxe, seguindo estratexias que teñen na manipulación de materias atopados e na ambigüidade os seus alicerces máis evidentes, optando por evidenciar as posibilidades de asociacións mentais desde o emocional e poético e tendo como fío condutor a idea do acto creativo entendido como simple acontecer.

O terceiro proxecto é o de Salvador Cidrás e Juan Cidrás, un colectivo artístico que investiga o medio cerámico e téxtil dende unha perspectiva escultórica e pictórica, respectivamente. Parten do concepto de ‘aberrante’, aquilo que se afasta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra –a convención– ou o que é formal. Tecido, cor e mancha crean realidades en permanente mudanza e extremadamente sensíbeis. Estamos perante unha presenza áspera e primaria, unha pegada informe e amorfa. Achámonos fronte a un certo primitivismo, ben evidente, pero alleo a calquera intención transcendente. Son, sen dúbida mostras dunha natureza esgrevia, como se pode ver nas cerámicas, que se converten nas súas mans en instrumento de análise, mantendo un delicado equilibrio entre a simplicidade e os matices que modulan os distintos materiais, coa pulsión como resorte creativo.

Título: 4 proxectos: Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás e Mar Vicente. Local: Planta baixa, MARCO Vigo

Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto. Até o 12 de setembro de 2021.

Pintura en tránsito

Mar Vicente, con Sombras e cor desenvolve un proxecto analítico que xoga cos volumes, o espazo e a cor. Os obxectos escultóricos e as intervencións ligadas ás ilusións ópticas manifestan unha vontade expansiva cunha opción que pon o acento na relación co espazo e na creación ambiental, cunha pintura moi interesada na investigación sobre a cor, a modulación, a percepción visual e a experimentación coa luz. O brillante traballo da artista amosa as posibilidades da pintura en expansión, unha pintura que vai alén dos límites do marco e dos soportes tradicionais, co volume, a tendencia escenográfica e a análise da luz como algunhas das súas chaves formais. No traballo de Mar Vicente percíbese a pintura como obxecto dunha translación, xa que nela se poden observar procedementos que a sitúan nun tránsito, mesmo físico, cara a outros soportes e mundos visuais.

Finalmente, cómpre salientar o traballo curatorial que dá coherencia a todo o conxunto e fai destacar as relación e calidades das obras específicas situadas nun contexto espacial que envolve e estimula os diferentes aspectos dos proxectos específicos.

Compartir el artículo

stats