Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Trens de Estado

Monarcas (e presidentes) no ferrocarril

O restaurado Combio Presidencial portugués, circulando pola liña do Douro.

Así como desde hai unhas décadas os xefes de Estado e de goberno empregan avións privativos (velaí o código Air Force One, que desde a época de Eisenhower se aplica ao avión que transporta ao presidente estadounidense), para os desprazamentos por terra durante décadas reis e xefes de Estado empregaron trens propios. Recentemente, apareceu a noticia da restauración do que fora o Comboio Real portugués para dedicalo a tren turístico de luxo. Esta unidade estaba formada por coches da casa francesa Desouches David, especializada en trens de prestixio. O seu derradeiro propietario foi Manuel II, que o recibiu do seu pai, Carlos I. Xa despois da proclamación da república, aquel comboio pasou a ser usado coma tren presidencial, especialmente por Oliveira Salazar despois da proclamación do Estado Novo. O derradeiro servizo que lle fixo foi en 1970, cando se trasladou o seu cadáver desde Lisboa a Santa Comba Dão, onde foi enterrado. A modernización das comunicacións e a Revolución de 1974 provocaron que os diversos coches quedasen dispersados en diversos depósitos.

O paso do tempo foi degradando aquel material ata que en 2010, un plan de promoción turística fixo posible que o Museu Nacional Ferroviário (Entroncamento) recuperase aquel tren esquecido. Agora recorre a liña do Douro entre Porto São Bento e, en Vila Nova de Foz Côa, xa en Tras-os-Montes. Unha viaxe de tres horas e media, con xantar a bordo, e visita exclusiva ás adegas de Quinta do Vesuvio.

Un tren realmente fabuloso foi o dos emperadores de Austria, Francisco Xosé I e Elisabeth, “Sissi”, de 1891, formado por sete vagóns de gran luxo. Outro monarca, tamén de resonancias románticas, que tivo un tren de seu foi Luís II de Baviera, unha auténtica mostra de estética kitsch (incluída unha coroa dourada no teito do vagón real) se atendemos a versión que hai uns anos fixo a casa Märklin.

"O único gobernante que aínda emprega un tren especial é Kim Jong Un, o líder supremo da RDP de Corea"

decoration

Xa no caso dos Estados Unidos, o presidente Franklin D. Roosevelt decidiu, por motivos de seguridade, empregar un vagón exclusivo, o pullman Ferdinand Magellan (por Magalhães), que foi retirado do servizo público para ser adaptado; engadíase a un tren ordinario que pasaba a ser denominado POTUS e foi retirado en 1958 se ben o presidente Reagan aínda o usou nunha viaxe de campaña entre Dayton e Toledo.

Polo que se refire á América Latina, cómpre sinalar o tren mexicano “Olivo” (1924), con coches Pullman, ou o encargo que en 1955 J. D. Perón fixo dun coche presidencial á empresa neerlandesa Werkspoor. Non chegou a utilizalo porque aquel mesmo ano foi derrocado pero conservado e restaurado, nel viaxou o papa Xoán Paulo II cando visitou aquel país americano en 1982.

Ditadores

Os ditadores non foron menos. Despois que Lev Trotski, coma Comisario de Defensa da URSS, dispuxese dun tren blindado nos meses posteriores á Revolución de 1917, Josif Stalin tamén fixo construír un vagón blindado, que se conserva na cidade xeorxiana de Gori. Pola súa banda, Mao Zedong levaba con el o seu leito cando viaxaba en tren, indo con el unha vez incluso a Moscova. Un tren que non aforraba luxos e que –o leito especialmente- tanto servía para a política, para a lectura ou para a compañía de mozas labregas. Da súa parte, Adolf Hitler dispuxo de diversos trens especiais, cos que recorría os territorios ocupados pola Alemaña nazi. Cómpre salientar entre eles o Amerika, un conxunto de 1.200 toneladas, 430 metros de lonxitude e vagóns artillados, un auténtico búnker sobre raís. Para a súa entrevista con Franco en Hendaia viaxou desde París co tren Erika.

O único gobernante que aínda emprega un tren especial é Kim Jong Un, o líder supremo da RDP de Corea. A finais de marzo de 1983 chegou á estación de Pekín cunha composición de vinte e un vagóns, todos pintados de verdes, cristais polarizados e a proba de disparos. Tería á súa disposición un parque de noventa vagóns blindados, cuxo peso obriga a unha velocidade de 60 km/h. Trens así xa foron empregados polo seu avó, Kim Il Sung, e polo seu pai, Kim Jong Il. Este, nos seus desprazamentos, adoitaba a levar un tren explorador e outro de escolta.

A raíña Isabel II descendendo do tren real británico.

A raíña Isabel II descendendo do tren real británico.

Unha liña real

Se queremos comprender as particularidades españolas, abonda con sinalar que mentres a primeira liña peninsular unía dúas cidades industriais (Barcelona e Mataró), a segunda tiña coma principal función facilitar o traslado de Isabel II entre Madrid e o palacio de Aranjuez. Daquela había, pois, xa un vagón real que se incorporaba aos trens ordinarios. En 1864 MZA construíu o primeiro tren real para a inauguración da liña Madrid-Zaragoza.

Afonso XII empregou este tren, modernizado, e dispuxo tamén do que lle construíron en 1883 para inaugurar a liña a León e A Coruña. Nos anos seguintes, foron incorporados novos vehículos ata conformar o tren real que en 1929 chegou a ver Afonso XIII. Activo ata 1932, cando foi apartado de servizo (desde 1975 conservado en parte no museo de Vilanova i la Geltrú).

O mellor coche foi empregado por Franco co gallo da súa entrevista con Hitler en outubro de 1940. O tren partiu de Donostia con destino Hendaia (o coche aínda espera a súa restauración en Almazán, Soria). Para a entrevista con Mussolini en Bordighera uns meses despois viaxou en automóbil e para a que tivo con Salazar en Lisboa, a súa esposa, Carmen Polo, si que empregou un tren especial mentres o ditador viaxou en coche ata Vigo, onde embarcou nun cruceiro da Armada que o levou ata a capital portuguesa.

Compartir el artículo

stats